Nace a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública para loitar contra a súa privatización

A falta de que o Parlamento galego aprobe a Lei que permita a creación da nova universidade privada promovida por Abanca todo indica que a Xunta deixará ben atada esta cuestión antes de que remate a lexislatura.

Representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT e das estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes deron a coñecer esta mañá as primeiras mobilizacións que van levar a cabo con concentracións en todos os campus universitarios o próximo día 11 de febreiro.

Hoxe presentouse oficialmente a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública que nace após a decisión da Xunta de Galiza de darlle o visto bo á intención da corporación Abanca de crear a primeira universidade privada de Galiza. Con intención de que se adhira toda a cidadanía e de estender o malestar ante esta privatización a outros colectivos sociais e políticos, tal e como comentou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino e portavoz da nova plataforma, acaba de constituírse un blog no que se rexistrarán as adhesións particulares e colectivas e no que está colgado o manifesto fundacional. Así mesmo, irase nutrindo de toda a información que se xere coa actividade da plataforma nos próximos meses. No manifesto destácase que esta decisión supón mercantilizar un ben universal como é a educación e unha manifestación contra a igualdade de oportunidades porque “aceptar esta universidade privada é aceptar a venda de títulos superiores atendendo á capacidade económica e non aos méritos e capacidades de cada quen”, como apuntou Bermello.

Na presentación estiveron presentes representantes dos tres sindicatos CIG, CCOO e UGT, así como das organizacións estudantís Erguer e ANEGA, aínda que tamén forman parte Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes. “Despois de regalarlle as caixas de aforros ao banco venezolano Banesco agora continúase co proceso de espolio dos nosos servizos públicos coa autorización por parte da Xunta da creación da Universidade Intercontinental da Empresa mentres se lle nega ás tres universidades públicas a implantación de novos títulos de grao e posgrao”, indicou Bermello. Non se coñece nada da proposta concreta da Banca, aínda que a lei di que unha nova universidade debe ofertar cando menos 8 titulacións entre grao e posgrao. “O que si sabemos –explicou- é que pretenden concentrar a súa oferta educativa arredor de dous eidos:  o xurídico-social e a enxeñaría-arquitectura competindo claramente coa oferta das universidades públicas que nestes campos teñen unha ampla variedade de titulacións distribuídas por todo o territorio”.

Mobilizacións

A Plataforma anunciou xa as primeiras mobilizacións previstas para o mes de febreiro. En concreto o día 11 terán lugar concentracións simultáneas en todos os campus galegos para amosar o rexeitamento a esta nova privatización do ensino e denunciar que este proxecto non garante os niveis de calidade nin de capacitación e formación do profesorado nin dos contidos impartidos. “Está claro que a nova universidade si ten interese de lucro, como non podía ser doutro xeito partindo dunha entidade bancaria, e non responde aos intereses galegos, como o demostra a ausencia total do idioma galego no seu proxecto, así que estamos ante un atentado máis contra os servizos públicos, as clases populares e a cultura propia do País”, concluíu Bermello.

Volver