Na Mesa Sectorial Docente non Universitaria realizada hoxe introducíronse melloras na conciliación da vida laboral e familiar

Na Mesa avanzouse tamén no recoñecemento dos servizos prestados

Hoxe tivo lugar a Mesa Sectorial en que se trataron as ordes sobre escolarización de alumnado de atención preferente, prazas sometidas a convenio, comisións de servizo por conciliación da vida laboral e familiar e recoñecemento de oficio das vacacións aboadas, non recoñecidas como servizos prestados, e varios. O vindeiro martes continuará a mesa para tratar a orde de permutas e a modificación na contratación do profesorado interino.

Comisións de servizo por conciliación da vida laboral e familiar:

A CIG-Ensino hai anos que vén reclamando a extensión das concilias ao profesorado interino. Neste curso, a Consellaría asumiu a proposta da CIG-Ensino e finalmente foi tratada na mesa sectorial de hoxe. A Administración aceptou a nosa proposta de que as comisións de concilia se adxudiquen por colectivos (persoal funcionario de carreira, funcionario en prácticas e funcionario interino), é dicir, que a preferencia se exerza exclusivamente dentro do colectivo ao que se pertenza.  

Así mesmo recolleu a proposta feita desde o ano 2011 pola CIG-Ensino de ampliar a duración da concilia cando se trate de familias monoparentais, que o cómputo quilométrico para ter dereito a estas comisións realizarase desde o domicilio da persoa participante e que a idade dos fillos e fillas será a que acaden antes do 31 de decembro. 

Recoñecemento de oficio das vacacións aboadas e non recoñecidas como servizos prestados:

Despois de que a CIG-Ensino gañase no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o dereito do profesorado substituto a percibir as retribucións por vacacións non gozadas, agora ,de novo os tribunais, recoñecen que esas vacacións deben figurar tamén como servizos prestados. Nesta situación, a Consellaría non tivo máis remedio que avirse á nosa demanda de actuar de oficio no recoñecemento desa antigüidade.

Na mesa sectorial de hoxe presentou a proposta, que terá efectos desde o 10 de maio de 2017, aínda que non comezará executarse até novembro, data en que a Consellaría prevé iniciar as comunicacións ao profesorado afectado. 

A Consellaría vai recoñecerlle estes servizos a todo o profesorado que os realizase desde o ano 2001, porén a CIG-Ensino esixiu que este recoñecemento se estenda ao conxunto do profesorado: dereitos económicos con cinco anos de retroactividade e administrativos sen límite.

Ordes sobre escolarización de alumnado de atención preferente:

A CIG-Ensino denunciou que desde o ano  2010 non se ofertan todas as prazas de atención preferente que houbo. Tamén denunciamos que non se coñecen os criterios en base aos cales se fai a oferta que nos presentaron, cando temos constancia de que había outras prazas informadas e demandadas que non se recollen. 

Por iso, a CIG-Ensino esixiu que se abra un prazo para poder facer propostas de novas prazas e para que se informe aos centros de que poden solicitalas. A Consellaría asumiu que estudaría as propostas que lle chegasen antes de publicar a orde no DOG. 

A CIG-Ensino esixiu que esta orde veña á mesa todos os anos. A Consellaría non se comprometeu, mais si a facelo cunha periodicidade máis curta de seis anos.

A CIG-Ensino denunciou a non cobertura de moitas vacantes mediante o Concurso de Traslados  de moitas vacantes

Nos temas varios, a CIG-Ensino denunciou a non cobertura por Concurso de Traslados de moitas vacantes en funcionamento o que supón incrementar a provisionalidade do profesorado e dos centros, cambios inxustificados entre a publicación provisional e a definitiva das vacantes, falta de negociación das prazas, etc.

A CIG-Ensino denunciou a modificación unilateral da convocatoria das oposición por parte da Consellaría no que ten a ver coas habilitacións para permanecer nas listaxes de profesorado interino e substituto. 

A CIG-Ensino esixiu tamén:

  • Que se garanta o dereito ao permiso de lactación para o profesorado substituto aínda que no seu contrato non figure a data de remate.
  • Que se convoquen oposicións de ingreso a conservatorios de música
  • Que se negocie o antes posíbel o calendario escolar e Adxudicación Provisional.
  • Que se lle retribúa ao profesorado PROA  o complemento de  titoría e de impartición na ESO.
  • Que se retiren as reválidas de 3º e 6º de Primaria e 4º da ESO.
  • Que as Ensinanzas de Réxime especial sexan integradas na Universidade, 
  • Que se desfaga a marxinación do noso idioma na ESO, en que a LOMCE suprimiu 13 horas na nosa lingua. Que se derrogue a LOMCE e o Decreto de Plurilingüismo.
  • Que se estableza un 2º prazo para a preinscrición nas probas das Ensinanzas artísticas.
  • Que se cubran todas as substitucións, tamén nos períodos anteriores ás vacacións.
  • Que non se neguen as peticións de días de asuntos propios e licenzas non retribuídas.
  • Que se restitúan os nomeamentos no verán para o profesorado que traballou máis de cinco meses.

A mesa non rematou, continuará o martes 16 de maio.

Toda a información da mesa sectorial.

1. Proxecto de orde pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira do corpo de mestres para cubrir, en réxime de comisión de servizos, postos de escolarización alumnado de atención preferente. Ligazón.

CIG Informa sobre a convocatoria para postos de escolarización de alumnado de atención preferente. Ligazón

2. Prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería. Ligazón.

CIG Informa sobre as prazas sometidas a Convenio e programas específicos. Ligazón

3. Orde de conciliación da vida familiar e laboral. Ligazón.

CIG Informa sobre as concilias. Ligazón

CIG-Informa resumo con toda a información precisa sobre como quedan as concilia (requisitos, prazos, etc...). Ligazón

4. Recoñecemento como servizos prestados dos días correspondentes ás vacacións aboadas non gozadas. Ligazón.

CIG Informa sobre o recoñecemento como servizos prestados dos días correspondentes ás vacacións non gozadas. Ligazón

Temas varios propostos pola CIG-Ensino. Ligazón

Profesorado interino. A administración comunica que grazas á lei do emprego non se verían afectados pola  imposibilidade de contratación de persoal interino docente máis de 3 anos na mesma praza que fixa o borrador dos Orzamentos Xerais do Estado.

Os seguintes puntos da orde do día ficaron pendentes para a semana, o martes 16.

5. Orde pola que se regulan os intercambios provisionais de prazas do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio. Ligazón.

CIG Informa coa información sobre as permutas: ligazón

6. Modificación Acordo de interinos do 20 xuño 1995  Ligazón.

CIG Informa coa información sobre a modificación do acordo de interinos: ligazón

Volver