Na mesa sectorial abordáronse diversos temas de interese do profesorado
Mesa Sectorial do 5 de marzo do 2007
A Mesa Sectorial do 5 de marzo
Asisten: pola CIG-Ensino Anxo Louzao, Marta Ferreiro e
Orde do día :
1º Aprobación da acta do 15 de outubro de 2006.
2º Proxecto de decreto polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a promoción do galego no ensino, no marco da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.
3º Anexos do proxecto de decreto polo que se regula a educación secundaria obrigatoria.
4º Rogos e preguntas.
Varios:
O Secretario Xeral anuncia que terá que abandonar a Mesa antes de finalizar e adiantámoslle algún dos varios, en concreto desde a CIG preguntámoslle pola data de inicio de negociación da OPE, e denunciamos a existencia de filtracións, xa que dúas organizacións sindicais coinciden en indicar unha hipotética oferta de emprego de 3000 prazas.
O Secretario Xeral resposta que non hai aínda estimación ningunha do número de prazas que se ofertarán.
Proxecto de decreto polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a promoción do galego no ensino, no marco da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación
O Secretario Xeral manifesta que hai tempo que querían editar un novo Decreto, que este borrador é un bo reflexo do Plan Xeral e que foi positivo acadar un acordo entre todos. Manifesta o compromiso da Consellaría e que velará polo seu cumprimento a través dos servizos de inspección e adoptarán medidas para o seu cumprimento. Que vai significar un esforzo en formación, que se cadra este ano non poderá ser tanto, mais si no futuro. Terán tamén que facer un esforzo en renovación de materiais nas materias de obrigada impartición e tamén nas que poidan ser ofertadas polos centros. Teñen urxencia na tramitación do Decreto, pois queren que se aprobe nun prazo máximo de dous meses. Respecto das nosas posíbeis demandas adiantan que a equiparación económica dos coordinadores e coordinadoras dos equipos non se poderá facer antes da data fixada no borrador: 1 de xaneiro de 2008, porque non teñen fondos e xa o negociaron para esa data.
A CIG valora positivamente este borrador en termos xerais, en tanto en canto significa un paso adiante. Era un demanda nosa e consideramos que nós tamén contribuímos a este avance, que nos gustaría que fose maior.
Valoramos positivamente que se recolla a formación específica, a dos funcionarios en prácticas, a fixación da periodicidade das avaliacións, e desfacer a inxustiza das diferencias entre a coordinación e a xefatura de departamento. Mais hai cuestións que nos gustaría que recollese como a composición, redución horaria para os membros do equopo, orzamento, formación…Propostas para contribuír á súa aplicación efectiva, pois consideramos que non é desexábel que aconteza o que sucedeu co anterior decreto.
Para a CIG-Ensino hai que pechar cuestións que aparecen abertas no Decreto, como o establecer as materias de obrigada impartición no Bacharelato ou concretar aínda máis na FP. Definir cales son os ámbitos lingüísticos non galego falantes. Establecer que tipo de acceso á función pública se vai establecer para garantir a competencia na impartición en galego, e concretar máis en Infantil.
Entendemos que a formación debe ir dirixida ao conxunto do profesorado, que terá que realizar un esforzo para formarse e por iso entendemos que se debe estabelecer a súa realización ou parte en horario lectivo, para favorecer a participación do profesorado. Na formación será tamén importante ademais da competencia formar en sociolingüística. Sería axeitado realizar encontros ou xornadas dirixidas 1º aos equipos directivos que teñen que asumir este Decreto como algo propio, aos Equipos de Normalización, ao profesorado de infantil e á inspección.
Tamén é moi necesario realizar un catálogo dos materiais xa publicados e a partir de aí propor a elaboración e a subvención de novos materiais.
Respecto do funcionamento dos equipos quedan outros aspectos.
Propostas:
- art. 4: na formación dos funcionarios en prácticas engadior formación en sociolingüísitica.
- Art. 11.2. engadir Galiza (aínda que se sobreentenda).
- Art. 12 suprimir a expresión “con carácter xeral”.
- Respecto dos Equipos: redución dunha hora para todos os membros, para a realización de reunións, que as axudas se convoquen ao inicio do curso, apoio técnico, que dependan da Dirección e non da Xefatura de estudos, que o nomeamento dos seus integrantes se realice unha por proposta do claustro ou oído este.
- Respecto das Comisións territoriais deberá desenvolverse nunha orde as súas funcións.
- Reclamamos que os dereitos económicos para os coordinadores e coordinadoras se xeneren ao día seguinte da entrada en vigor deste Decreto, ou como mínimo no inicio do vindeiro curso.
Secretario Xeral:
Hai que valorar que isto custa 1200000 € ao ano, insistirán ante economía e se hai posibilidade adiantarán o pago.
Agradece as intervencións de felicitación e destaca a colaboración dos grupos parlamentarios. Sobre a documentación en galego di que a norma fala do carácter xeral que as excepcións deberán estar debidamente fundamentadas e serán valoradas excepcionalmente, mediante circulares.
Precisarán desenvolver algunha cousa a través de ordes.
Di que os mínimos son o 50% e que a Consellarían vai velar polo seu cumprimento. Revisarán a redacción do relativo a FP para que quede máis claro.
A súa intención é ter un novo ROC (para setembro?) e senón arbitrarán o instrumento que lles permitan pór isto en marcha para o inicio do curso.
Aclara que a formación estará dirixida a todo o profesorado, que terá que facer un esforzo de formación importante, ademais a consellaría terá que pór fondos para implicar a todo o profesorado. Será importante dispor de materiais. Están a traballar coa Secretaría para elaborar e editar materiais, que moitas veces faltan en Infantil ou FP...
Entende que as anpas non deben estar nos equipos.
Galescolas: o Decreto regula todo o ámbito de infantil, mais só fixa os mínimos.
CIG (2º intervención):
Insistimos na importancia de que o profesorado se forme, se non o 100%, parte do horario en horario lectivo, hai que facer ese esforzo.
É urxente a elaboración de materiais, ademais o normal é que estea catalogado todo o que hai.
O Equipo de normalización é un órgano de funcionamento do centro e deberá estar composto por persoal do centro exclusivamente. Outra cuestión é que no Consello Escolar se deseñen actuacións específicas para as anpas.
Sobre as certificacións, xa existe o dereito a solicitar da Administración a súa tradución se é precisa. As certificacións deben expedirse en galego.
A documentación administrativa debe estar toda ela en galego.
Sorpréndenos a visión que se está dando da situación do idioma, é o mundo ao revés, o que veu sucedendo ao longo do tempo foi o incumprimento do Decreto, e non por descoñecemento, senón por posición política.
Canosa:
Resposta, para aclarar o tema das porcentaxes, que a lingua estranxeira en Primaria non se imparte en galego e que parten de que toda a documentación é en galego.
Anexos do proxecto de decreto polo que se regula a educación secundaria obrigatoria
CIG: antes de nada manifestar que a día de hoxe aínda non temos o currículo de secundaria. Lamentamos que non se abrise un tempo para debater os currículos o profesorado vainos coñecer uns días antes do verán para aplicalos o curso que vén.
Propostas para o articulado:
- Pregamos que se utilice o alfabeto galego para ordear os distintos puntos.
- Art. 4: engadir un novo punto: “coñecer e valorar a importancia do uso do noso idioma para valorar a pervivencia da nosa cultura e identidade”. No punto m) suprimir a palabra “trazos”.
- Art. 6.3. Plástica e Visula impartirase en 1º e 3º.
- Art. 6.4. no 1º e 2º curso estudará música e en 3º Educación para a cidadanía.
- Art. 6.5. cursarase Tecnoloxía en 2º e 3º da ESO.
- Art. 7.8. suprimir o relativo a agrupacións, na medida en que pode ser un camiño para os itinerarios.
- Art. 7.9. preocupación porque non se fixa cal é o número insuficiente.
- Art. 10. Exceptuar desta preferencia a área de Ciencias da natureza, pois hai profesorado do corpo de mestres no 1º ciclo.
- Art. 16.10.c.que o imparta só a Administración Educativa.
- Art. 18. que se suprima a posibilidade de ampliación do horario lectivo. Estamos en desacordo.
- Art. 18.3.c. esta referencia ao proxecto lingüístico, supoñemos que se refire ao que se recolle no Decreto de Normalización.
- Disposición adicional 2º: que se redacte de forma diferente, debería recollerse que os pais e nais que queiran que o seus fillos cursen relixión, terán que facer a opción. Por outro lado entendemos que a relixión debería ser non avaliábel.
- Anexo III, temos unha proposta: desde a nosa perspectiva a relixión non debería formar parte do currículo escolar, e así resolveríase o problema, en todo caso demandamos que se limite ao mínimo que sería unha por curso. Ademais consideramos que Educación para a cidadanía debería ser transversal nas distintas materias e que debe reducirse ao mínimo. Debemos ter en conta que hai materias para as que se propón unha redución de horario coa consecuencia que conleva de perda de traballo para o profesorado interino, ou a mobilidade forzosa. Propoñemos que se incremente a carga horaria do seguinte xeito: Tecnoloxía 6 horas, Música 4 e Plástica e Visual 5 (horas de impartición obrigatoria en toda a ESO). Plástica serían 3 en 1º e 2 en 3º. Música 2 en 1º e 2 en 2º e Tecnoloxía 3 en 2º e 3 en 3º. Estas horas sairían da redución de relixión, Educación para a cidadanía e a supresión do proxecto interdisciplinar. Ademais no relativo a 2º Lingua estranxeira entendemos que debe ter un horario obrigatorio de 2 horas en 1º e 2 en 2º e logo o resto do horario, optativo, debe considerarse que se está a falar de catro linguas obrigatorias. A proposta que facemos coincide coa dos colectivos profesionais. Ademais pensamos que debería ofertarse como optativa obrigatoria ciencias medioambientais e da saúde e informática.
- Anexo IV: recóllese a prelación entre as especialidades? Ciencias da natureza está adscrita indistintamente aos dous departamentos?. No caso da materia de Informática débese dar prelación á especialidade de Tecnoloxía, especialmente tendo en conta que a Ministra resposta que informática aparece como desglose de Tecnoloxía.
Solicitamos saber como está o cadro de persoal a este respecto.
Directora Xeral:
Di que o da autonomía de ampliación horaria vén marcado polo art. 17 da LOE. Que sobre a nosa proposta de horario nós só facemos unha proposta laboral e eles están pensando no alumnado. Fala da necesidade de adaptarse a Europa e aos tempos...
Poñerase na orde cal é o número mínimo de alumnos para ofertar as optativas. Di que de informática practicamente non hai especialistas. O horario do profesorado é un asunto doutra mesa. No caso de ciencias naturais impárteas os mestres, se os hai, e despois deles indistintamente os departamentos de Ciencias e FQ.
Recollen a prioridade de Tecnoloxía para impartir informática.
CIG:
Respecto da posibilidade da ampliación horaria a LOE estabelece a competencia das Consellerías das Comunidades para aplicar ou non esta posibilidade. Nóis demandamos que non se recolla, pois unha medida deste tipo leva consigo que haxa centros de diferente categoría en función da súa ubicación ou non nas cidades... Para o noso país non é unha boa medida e a Consellaría non está obrigada senón que ten a potestade.
A demanda de incrementar a carga horaria de Tecnoloxía, Música e Plástica non é só unha demanda profesional, que por outro lado sería algo normal. Tamén é progresista defender que Educación para a cidadanía sexa transversal.
Que non se infravalore o que propoñemos porque tamén ten base pedagóxica.
No anexo IV que apareza entre as especialidades que poden impartir informática o profesorado desta especialidade.
CIG:
Terase en conta a postura das organanizacións sindicais que coincidimos en todas estas cuestións? Estamos a falar dunha cuestión moi importante porque vai ter incidencia no horario do profesorado.
Houbo un debate moi intenso sobre a esixencia de que non se recolla a ampliación horaria e a dignidade das propostas realizadas. A Directora Xeral tivo que dicir que se estudaría o tema da ampliación horaria.
A Consellaría:
Ninguén dixo que non vaia repercutir no profesorado, o traballo está realizado desde a perspectiva de educar. No momento que poidan comunicarán se se ratifican ou realizan variacións, que a Directora Xeral comprende a nosa preocupación.
Oferta de Emprego Público: A CIG-Ensino demandamos da Consellaría a fixación dunha data para o inicio da negociación da OPE. O profesorado está á expectativa deste tema e entendemos que se debe negociar inmediatamente. Denunciamos a existencia de filtracións que citan como fonte á Consellaría cuantificando a posíbel oferta e manifestamos que non estamos dispostos a que se repita.
O Director Xeral resposta que non teñen data para a negociación da OPE, mais que calcula que virá á Mesa a finais da semana que vén. Na outra semana, a do 19 ao 23 de marzo, traerían á Mesa as ordes de convocatoria. Respecto das filtracións declara que dificilmente puideron producirse pois a Consellaría non ten adoptada ningunha postura respecto deste tema. Di tamén que el mesmo xa ten manifestado na Mesa que a dimensión da OPE dependería de como se aprobase o Real Decreto. Sobre o informe, di que as modificacións que se introduciron foron tras o ditame do Consello do Estado e que os descolocou con respecto ao traballo que tiñan realizado. Van traer á Mesa o número de prazas por corpos e en que materias vai haber oferta.
Calendario de temas de negociación: reiteramos novamente a necesidade de que veña á Mesa a aprobación dun calendario de negociacións.
A Consellaría resposta que traerán o calendario, que non teñen problema por priorizar os temas, mais que xa están a un ritmo de traballo considerábel.
Concurso de traslados: reclamamos que as comisións se reúnan antes da resolución provisional. Tamén preguntamos por que na resolución provisional do concurso de EPA non se recollen todas as vacantes existentes.
O Director Xeral informa de que xa están resolvendo as reclamacións que teñen carácter obxectivo. A resolución definitiva non se parecerá á provisional, e que isto vén sendo así polas denuncias e polas prazas que aparecen que non estaban na relación provisional. Sobre o concurso de EPA di que se fixo cunha relación pechada de vacantes e que hai prazas que non se ofertan porque están supeditadas á organización destas ensinanzas.
Tamén informou de que tiñan a previsión de que a resolución provisional do concurso saíse o 27 de marzo e que adecuarán os prazos de renuncia ao concurso de traslados e das xubilizacións anticipadas, incorporando progresivamente as posíbeis vacantes.
CEIP Castelao de Ordes: presentaremos un escrito conxunto de todas as organizacións sindicais para que se deixe en suspenso a resolución do Consello Escolar, que obriga o profesorado a facer funcións que non lle son propias.
Certificación dos servicios prestados como interino ou interina: solicitamos aclaración do mecanismo de envío aos interesados.
O Director Xeral manifesta que xa se comprometeran a que este trámite non teña que ser realizado todos os anos polo profesorado interino. Por iso fixeron recuperación dos datos a partir das nóminas e agora vano enviar aos interesados para que contrasten e completen os datos. Deste xeito quedarán actualizados e poderá expedirse cada ano, ademais de que poderá ter outras utilidades. Foi enviada persoalmente a todo o profesorado interino.
A Consellaría informou sobre a situación do ISM que na semana do 19 ao 23 de marzo, e dentro do marco da negociación das ordes de convocatoria das oposicións, debaterase a orde específica pola que se convocará oposición para a funcionarización do persoal laboral dos CPI de Mosteirón e Panxón, transferidos do ISM, e do Príncipe Felipe e Colexio de Xordos. A intención da Consellaría é que se poidan funcionarizar todo o persoal laboral destes centros. Ademais coñecen a emenda que vai levar o BNG ao senado (para que a incorporación dos funcionarios se faga efectiva co Estatuto da función pública) e están de acordo con ela.