Na crise sanitaria do coronavirus non debe haber “servizos mínimos” nos centros educativos

Prazos de matrícula nas oposicións

A publicación da RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza incide na rectificación da Consellaría de Educación mais mantén inexplicabelmente a presenza dun integrante da dirección nos centros de máis de 6 unidades. 

Unha cadea de toma de decisións contraditorias e sen sentido centrou a actuación da Consellaría de Educación e do propio presidente Feijóo nestes últimos días. A redacción do RD 463/2020 polo que se declara o estado de alarma vén bater totalmente coas últimas decisións da Xunta e o máis grave é que a última rectificación da administración galega é posterior ao RD no que se anulan as competencias autonómicas. 

O RD 463/2020 declara a suspensión da “actividade educativa presencial”. O preámbulo da Lei Orgánica 2/2006 de 3 de maio, de Educación indica expresamente que a “actividade educativa” viría integrada polos seguintes axentes: “...axentes da actividade educativa, alumnado, profesorado, centros, currículo, Administracións,…” Polo tanto a suspensión desta actividade ten que interpretarse no sentido que recolle a LOE e, por este motivo, aínda que non se di expresamente no RD, os centros educativos deben pecharse. 

Chegados a este punto é preciso ter en conta o artigo 3.1 do Código Civil que dispón, en materia de interpretación das normas xurídicas que “as normas se interpretarán segundo o sentido propio das súas palabras, en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos e a realidade social do tempo no que han de ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ao espírito e finalidade daquelas". 

Efectuando a interpretación fixada polo Código Civil temos que: 

- O sentido propio das palabras da norma interpretada fica claro: o artigo 9 do RD fala, de certo, de “actividade educativa” e, tendo en conta o disposto no Preámbulo da Lei Orgánica 2/2006, tal actividade vén integrada tanto polo alumnado, como polo profesorado, como polos centros, como polas Administracións. 

- O contexto e a realidade social actuais veñen sinalados no propio RD, como unha situación excepcional da orde constitucional, dirixida a preservar a saúde pública.

A publicación da Resolución do 15 de marzo coa obriga de que os equipos directivos fixen quendas para que sempre haxa un membro nos centros de máis de 6 unidades é, aínda que menor polo volume de persoas afectadas, unha nova irresponsabilidade para alén, segundo a nosa interpretación, dunha ilegalidade. O que fai a Xunta é aplicar nos centros educativos unha sorte de “servizos mínimos” que non teñen razón de ser. 

Estamos falando de perto de 3.000 docentes que terán que acudir, por quendas, a un posto de traballo no que non hai ningún tipo de actividade, nin lectiva nin de xestión. E falamos ademais duns postos, os de dirección, que teñen todo tipo de ferramentas telemáticas para poder, en calquera momento, interactuar desde os seus domicilios. 

No caso de que non se anule esta medida da Consellaría por parte do Goberno hai que ter en conta que o propio RD suspende os  términos e interrompe os prazos previstos nas leis procesuais para todos as ordes xurisdicionais, polo que este conflito non se resolvería nun prazo breve. 

Desde o sindicato recomendamos aos membros dos equipos directivos que, no caso de que non acudades aos centros, debedes comunicarllo á inspección do centro ou á xefatura territorial (XT), coa argumentación que se contén neste informe, centrada na contradición da norma publicada pola Xunta ao respecto do que fixa o RD. Na comunicación debe indicarse expresamente que calquera tarefa que como membro da dirección tivésedes que facer se fará mediante o teletraballo. No caso de que a inspección ou a XT dea orde expresa de acudir ao centro de traballo debe recordárselle que deles será toda a responsabilidade e podedes poñervos en contacto cos locais da CIG-Ensino, preferentemente por teléfono ou email. Os locais do sindicato, mentres non se produza ningunha restrición a maiores, estarán abertos mais limitarase a atención física por motivos de saúde pública.

Por suposto, se todos os membros dun mesmo equipo directivo teñen fillos ou fillas menores, persoas con discapacidade ou maiores a cargo teñen que argumentar este motivo e non deben acudir ao posto de traballo, así como aquelas persoas que teñades ou creades ter algunha sintomatoloxía.

A incompetencia da Consellaría levounos a 72 horas de contradicións e mostras de clara incompetencia polos cambios nas decisións adoptadas e a unha resposta firme e decidida da CIG-Ensino e de moitas e moitos de todos vós. Entendemos que este é o camiño a seguir até que impere a responsabilidade e a cordura. 

Prazos de matrícula nas oposicións. 

Na tarde de hoxe, domingo, mantivemos unha conversa co Director Xeral de Centros e RR.HH. Para alén de expresar a nosa oposición á medida proposta sobre a obriga da presenza das direccións, desde a CIG-Ensino instamos á Consellaría a que non abra o prazo para a matrícula nos procesos selectivos. 

A publicación da Resolución no DOG reproduce o texto do RD e agardemos que, en aras dunha mellor comunicación, a Consellaría inclúa unha nota aclaratoria no seu portal canto antes.

Tamén instamos á Consellaría a informar da decisión que puidesen adoptar sobre unha hipotética suspensión das probas. O Director Xeral informounos de que esa decisión non a van tomar de momento, á espera da evolución da aplicación do RD de estado de alerta. En todo caso, para a CIG-Ensino a decisión que se adopte debe partir da premisa de que un proceso selectivo debe contar con todas as garantías.

Un repaso por unha xestión incompetente:

12/03: a Consellaría indica que todo o profesorado debe acudir aos centros e se fixan restricións nos permisos, mesmo para quen ten fillos/as. 
13/03: logo da presión sindical e as protestas dítanse unhas novas instrucións polas que só hai que ir aos centros se así o indican os equipos directivos en centros de máis de 6 unidades.
14/03: comparece Feijóo e afirma que só terán que ir aos centros todos os integrantes dos equipos directivos. Ese mesmo día publícase o RD 463/2020 no que se suspenden as actividades educativas.
15/03: publicase unha Resolución no DOG na que se impón que terá que estar nos centros de máis de 6 unidades 1 membro dos equipos directivos de 10 a 13 horas

Volver