Monforte, Lourenzá e A Estrada pechan un intenso mes de actividades do Correlingua que seguirá con forte presenza nos centros o vindeiro curso
A última semana de maio despediu as festas pola lingua que tiveron lugar en varias vilas e cidades galegas nesta 21ª edición
A organización desta actividade, composta pola Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino, xa está a traballar nos obradoiros de escrita creativa, no regueifando e nos concursos do vindeiro curso porque segue sendo máis necesario ca nunca que o alumnado galego vincule o uso do noso idioma ao lecer, a creatividade e a diversión, tamén dentro das actividades extraescolares.
Con moi bo sabor de boca remataron o mércores 31 de maio as actividades principais do Correlingua que desde hai 21 anos se vén celebrando en Galiza para fomentar o uso e a normalización do noso idioma entre a poboación escolar. Unha iniciativa que lonxe de que vaia podendo adquirir cada ano un valor máis simbólico, como sería de desexar, vólvese cada vez máis imprescindíbel debido á perda dramática de falantes e ao papel desgaleguizador que xoga o ensino na sociedade actual.
Con todo, a rapazada participante nesta edición, e como non a das festas e marchas pola lingua de Monforte, Lourenzá e A Estrada, que foron as localidades onde se concentraron estas actividades a última semana de maio, non só estivo á altura deste obxectivo senón que demostrou que a defensa do idioma se pode e debe facer de forma lúdica e reivindicativa á vez. Profesorado e alumnado dos centros participantes volveron sorprender ás entidades organizadoras con pancartas e outros materiais elaborados para as distintas marchas.
No caso do alumnado que se reuniu en Monforte o luns 29 no Parque dos Condes, o broche final da marcha polo galego correu a cargo da banda Cuarta Xusta, presentada por Fran Rei. O encargado de ler o manifesto foi o estudantado do IES A Pinguela da propia capital da Terra de Lemos. Ademais tamén participaron os outros dous IES da vila, o Río Cabe e o Daviña Rei, así como CEIP A Gándara. En canto aos centros participantes da contorna acudiron a esta cita tamén mestras e alumnas do CPI POETA UXÍO NOVONEYRA de Folgoso do Courel, do IES de Quiroga, do CEIP Ricardo Gasset d’O Incio e do CPI Doutor López Suárez d’O Saviñao. Colaboraron na realización desta actividade tanto o Concello de Monforte como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Pola súa banda, este ano a parada do Correlingua en Lourenzá tivo unha motivación especial, dado que é a localidade de nacemento do homenaxeado o Día das Letras Galegas, Paco Fernández del Riego. O martes 30 a carreira pola lingua culminou no Cantón, na Praza do Conde Santo, con dobre actuación, por un lado, o espectáculo de Brais das Hortas para o alumnado de Infantil, e por outro, o da banda Mekánika Rolling Band, coa animación a cargo da actriz Isabel Risco. O alumnado que deu lectura ao manifesto foi o do IES Illa de Sarón de Xove e houbo unha nutrida participación de centros da comarca, precisamente pola trascendencia que tivo Lourenzá na vida de Del Riego. En concreto estes foron os concellos e centros participantes:
BURELA
IES PERDOURO - IES Monte Castelo - CEIP PLURILINGÜE VISTA ALEGRE
RIBADEO
IES Ribadeo Dionisio Gamallo - Sagrado Corazón de Jesús - CEIP Plurilingüe Gregorio
Sanz
FOZ
IES de Foz - Colexio Martínez Otero
XOVE
CEIP PLURILINGÜE PEDRO CASELLES ROLLÁN - IES Illa de Sarón
MONDOÑEDO
IES Plurilingüe San Rosendo
TRABADA
CEIP PLURILINGÜE CELSO CURRÁS
CERVO
IES Marqués de Sargadelos - Ceip do Cervo
VIVEIRO
IES Vilar Ponte
BARREIROS
CEIP San Miguel de Reinante
LOURENZÁ
CEIP Juan Rey
Na organización desta actividade tiveron unha colaboración especial a Concellaría de Cultura do Concello de Lourenzá, a Mesa Coordinadora D. Paco e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Por último, o punto e a parte desta edición púxose o día 31 de maio na Estrada. A localidade pontevedresa acolleu a preto de 1500 estudantes procedentes a súa maioría da propia vila. Ata 8 centros educativos da Estrada (o CEIP de Oca, o CEIP Cabada Vázquez, o CEIP Manuel Villar Paramá, o CEIP do Foxo, o CEIP Figueroa, o CEIP Pérez Viondi, o IES Nº1 e o IES Antón Losada Diéguez) se sumaron á marcha con saída e chegada na praza do Concello, aos que se sumaron o CRA de Caldas de Reis, O CPI Aurelio Marcelino Cuntis e o IES Chano Piñeiro de Forcarei. Ademais do colofón da festa final coa actuación da banda gañadora do certame do Cantalingua deste ano, Mekánika Rolling Band, houbo entrega de agasallos e diplomas e unha solta de globos nun acto amenizado pola actriz e cómica Isabel Risco. Colaboraron na realización desta actividade o Concello da Estrada e a Área de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra.