Modificacións nos permisos e licenzas
Parto, adopción, acollemento, descontos por enfermar...
Modificacións da LEI 2/2015 DE EMPREGO PÚBLICO DE GALIZA introducidas pola LEI 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas(DOG 28/12/2018).
AMPLIACIÓN DO PERMISO POR PARTO, ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO A 22 SEMANAS.
PERMISO POR PARTO. Modifícase o número 1 do artigo 121, que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas ininterrompidas, que se distribuirán por elección da persoa titular do dereito, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.».
PERMISO POR ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO. Modifícase o número 1 do artigo 122, que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos casos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas ininterrompidas, do que se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso.».
NON SE MODIFICA O PERMISO DE PATERNIDADE OU DA OUTRA PERSOA PROXENITORA.
A Xunta negouse finalmente a aceptar a proposta da CIG de ampliar a duración do permiso de paternidade a 22 semanas para equiparalo co de maternidade, facendo ambos permisos intransferíbeis.
Hai que ter en conta que este permiso está actualmente en 5 semanas (35 días) e que na Administración Xeral do Estado vén de se subscribir un acordo, asinado pola CIG e outras organizacións sindicais, para equiparar ambos permisos á duración que ten o permiso por parto (16 semanas).
Por outro lado hai unha serie de melloras no permiso de paternidade introducidas na lexislación básica estatal (EBEP) desde o mes de xullo de 2018 que a CIG-Ensino solicitou que se estenderan ao persoal ao servizo da Xunta e que a Administración galega se negou igualmente a incorporar nesta reforma dos permisos na Lei de Emprego Público de Galiza. Son, por exemplo:
A posibilidade de non ter que desfrutar ininterrompidamente o permiso de paternidade, optando por :
- reservar a última semana, que poderá desfrutarse de forma independente noutro momento dentro dos nove meses seguintes á data de nacemento do filloou filla
- que o inicio do permiso teña lugar nunha data posterior á data do nacemento do filloou filla sempre que sexa antes da finalización do correspondente permiso por parto ou inmediatamente despois da finalizacióndeste.
DESCONTOS POR ENFERMAR: PONSE FIN AOS RECORTES MAIS LIMITANDO O PAGO AS RETRIBUCIÓNS DO PRIMEIRO MES DE BAIXA.
RETRIBUCIÓNS DURANTE A INCAPACIDADE TEMPORAL. Modifícase o número 3 do artigo 146, que queda coa seguinte redacción:
«As administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei aboarán o complemento retributivo desde o primeiro día en situación de incapacidade temporal ou de gozo da licenza por enfermidade que, sumado á prestación do réxime xeral da Seguridade Social, acade o 100 % das retribucións fixas do mes do inicio da incapacidade temporal.».
Simultaneamente derrógase oartigo 2 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, norma pola que se implantou o desconto durante o tempo de baixa.
Non foi atendida a proposta da CIG de que se modificara a redacción e que se especificara que as retribucións durante todo o período de baixa serían as mesmas que corresponderían de se atopar de alta. Deste xeito, rematan por fin os descontos nas baixas de 20 ou menos días de duración, algo que foi longamente demandado por todo o profesorado e que a CIG-Ensino incorporaba nas súas medidas urxentes para a recuperación de dereitos mais non se garante que se poidan cobrar trienios ou sexenios que se perfeccionen durante unha baixa médica.
Exemplo: unha persoa comeza unha baixa no mes de maio. Cobrará desde o primeiro día o 100% das retribucións que percibía nese mes de maio. Se no mes de setembro cumpre un trienio e un sexenio non cobraría esas contías até que rematase a baixa. A CIG-Ensino, malia a negativa da Xunta a incorporar a nosa proposta no texto da Lei demandará da Consellaría de Educación que se faga unha interpretación garantista e se efectúe ese pago.