Modificación nos cadros médicos das aseguradoras privadas de MUFACE

A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado para que opte pola prestación sanitaria no SERGAS

MUFACE vén de asinar un novo convenio con diferentes compañías aseguradoras para prestar servizos de saúde aos e ás mutualistas (BOE do 20 de decembro de 2014) . Neste novo convenio permanecen DKV, ASISA e ADESLAS, mais hai varias novidades que afectan ao profesorado que optou pola atención sanitaria privada.

Agora, a aseguradora circunscribe o número de especialistas mínimos non só ao número de habitantes da poboación en cuestión, senón tamén ao número de mutualistas que haxa nela. Ou sexa, só contarán con atención especializada aquelas localidades de máis de 20.000 habitantes e 500 mutualistas. Isto provocará situacións de desasistencia porque, de facto, moitas poboacións  van ficar sen especialistas próximos, cando antes si os tiñan, sen que a empresa que presta o servizo e recibe o diñeiro de MUFACE llelo teña comunicado aos e ás usuarias.

Por outra banda, as aseguradoras pretenden acollerse estritamente ao que asinaron no convenio. Isto significa que, se ben antes non restrinxían por riba o número de especialistas unha vez superado o mínimo ao que estaban obrigadas, agora si o están facendo, eliminando dos cadros médicos todos aqueles servizos e/ou profesionais que antes ofrecían a maiores do convenio.

Existe unha cláusula no convenio chamada 'principio de continuidade asistencial” na que se especifica que as aseguradoras garanten que, en caso de que un facultativo cause baixa, este poderá continuar atendendo unha patoloxía grave (non se especifica cales son) durante 6 meses, sempre que estea disposto. Isto non o están cumprindo as compañías polo que non deixan máis solución aos pacientes que facer un cambio precipitado de especialista ou ben facer unha reclamación a MUFACE para que lles devolva o importe das consultas que terán que pagar nese período de 6 meses. As embarazadas que estivesen sendo atendidas nun centro por un obstetra que xa non figure nos cadros deste novo ano tamén teñen dereito a acollerse a esta continuidade asistencial.

Para a CIG-Ensino, os servizos públicos, universais e gratuítos son imprescindíbeis para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria. Por iso estamos empeñados na súa defensa inequívoca. Para a CIG-Ensino, unha sanidade pública, gratuíta, universal e solvente, dotada dos recursos necesarios e da máxima calidade é primordial, e a súa consecución forma parte permanente da nosa loita. E por iso que lles recomendamos aos e ás docentes pertencentes a MUFACE que opten pola prestación sanitaria no Servizo Galego de Saúde pública e non en entidades privadas. Mais, mentres estea en vixencia a posibilidade de optar polo modelo de asistencia médica privada, esta ten que ofrecer todas as garantías. O lóxico e normal é que todas as localidades continúen cos especialistas que antes si tiñan no seu cadro médico.

 A CIG-Ensino vai trasladar esta situación a MUFACE a fin de que obrigue a compañía a prestar o servizo, polo menos, nos mesmos termos en que o viña facendo até agora e, en todo caso, calquera cambio que se produza deberá ser comunicado puntualmente aos e ás usuarias.

 A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado para que opte pola prestación sanitaria no SERGAS, porque pensamos que é a mellor maneira de visualizar e apostar pola sanidade pública. Podes facelo no mes de xaneiro.

Volver