Modificación de Unidades e postos de traballo en primaria, infantil e educación especial. A Consellaría segue recortando e mentindo

No DOG publicado o venres 6 de agosto faise efectivo un recorte definitivo de 109 unidades, que se corresponderían con máis de 150 mestras e mestres

Nunha análise feita pola CIG-Ensino á publicación do 6 agosto pola que se modifican as unidades e os postos de traballo nos centros de educación infantil, primaria e especial ponse negro sobre branco o que xa denunciamos o 12 de xullo, que a consellaría está elevando ao máximo o peche de unidades e a redución de docentes no ensino primario galego.

Péchanse no catálogo 127 unidades, e créanse 19, o que da o balance de 109 unidades menos, 48 na provincia de A Coruña, 46 na provincia de Pontevedra, 11 na de Ourense e 9 na de Lugo.

Xoga, tentando enganar a opinión publica, a Consellaría -en nota de prensa do mesmo venres- con cifras das aulas habilitadas o curso pasado -por superar o ratio legalmente estabelecido- coas cifras de aulas no catálogo, que repetimos son 109 unidades menos. E estas unidades son as que marcar tanto o número de profesionais que van atender ás nosas crianzas como a oferta de matrícula que poden publicar os centros educativos. Pero aínda xogando coas súas cifras neste curso vai a haber -segundo a Consellaría- 143 unidades menos que o curso pasado, será que na cabeza do conselleiro a pandemia xa finalizou?

Demostra unha vez máis a Consellaría que a educación para o goberno do partido popular é un gasto a cadrar e non un investimento, mención a parte merece que a Consellaría siga a xogar cos ratios de alumnado para adornar as cifras dos recortes, se os datos son como ela mesma di, máis do 70% das aulas teñen un ratio menor a 20 alumnos por que non acepta, tal e como levamos anos reclamando, negociar a ratio máxima do alumnado por aula, que recordamos en infantil e primaria está fixado en 25.

Que todo isto se faga nun curso aínda en plena pandemia e con todas as incertezas, que se faga sen ter en conta as necesidades do alumnado, mais tamén do profesorado, despois das dificultades e esforzos deste curso, deixa ben ás claras a falta de sensibilidade da Consellaría coa educación e co ensino público en particular.

Desde o sindicato volvemos facer un chamamento a todos os sectores implicados na defensa do ensino público para redobrar esforzos na loita contra quen, desde a Xunta, pretende agravar aínda máis as carencias dun sistema educativo habitualmente relegado polo PP desde as institucións.

Tamén animamos ás persoas que integran os equipos directivos a que, como aconteceu no comezo do curso 2020/21, tomen parte na resposta con todas as consecuencias, mesmo presentado a dimisión en bloque se non se produce unha rectificación no plan trazado pola Consellaría de Educación para liquidar os actuais cadros de persoal.

A CIG-Ensino non cesará en denunciar todas as agresións ao ensino público e promoverá mobilizacións a comezos de setembro se non se producen os cambios que non só o sindicato senón toda a comunidade educativa demandan.

Fontes: 

Catálogo da postos de traballo antes da modificación publicada do DOG: ligazón

Orde do 22 de xullo de 2021 (publicada o 6 de agosto) pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial: ligazón

 

Volver