Milleiros de persoas toman Compostela “Por un novo futuro para a lingua”
A CIG-Ensino participa na reclamación do dereito a vivir “en galego agora e sempre” co lema "mudemos o rumbo da lingua no ensino"
- 17 de maio
- Día das Letras
- Día das Letras Galegas
- Ensino público
- Lingua
- mudemos o rumbo
- normalización
Baixo unha intensa e persistente choiva, milleiros de persoas tomaron as rúas de Compostela para celebrar o Día das Letras Galegas mais tamén para reivindicar “un novo futuro para a lingua” e reclamar o dereito a vivir en galego “agora e sempre”. A manifestación partiu da Alameda compostelá e rematou na praza da Quintana. Un percorrido no que as e os manifestantes proclamaron, máis unha vez: “Na Galiza, en galego”.
Era a primeira grande mobilización sen medidas restritivas como as que, o ano pasado, obrigaron as participantes a permanecer en ringleiras e o compromiso e determinación na defensa do noso idioma volveu a se expresar de forma masiva nunha ateigada praza da Quintana.
Xurxo Souto foi o encargado de conducir o acto no que a avogada e vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, a directiva da confederación de Anpas Galegas, Esther Rodríguez, e as actrices Mónica García e Arantza Vilar, deron lectura ao manifesto da plataforma cidadá Queremos Galego, da que, entre as máis de 500 entidades sociais e culturais do país, fai parte a CIG.
Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma, foi o encargado de poñer o broche final cunha intervención na que animou a seguir loitando “Por un novo futuro para a Lingua”.
A mobilización social, ferramenta imprescindíbel
Queremos Galego ten claro que a tendencia negativa da lingua galega “non é irreversíbel” porque “o compromiso e a acción da sociedade demostran diariamente que a situación pode mudar”.
Nese sentido lembra que no último ano a mobilización conseguiu que unha importante multinacional do audiovisual anunciase a incorporación de versións á nosa lingua no seu catálogo. E é a mesma implicación cidadá a que está na orixe da sentenza do TSXG que obriga a Axencia Tributaria a respectar os nosos dereitos linguísticos.
Por iso a plataforma cidadá afirma que un futuro novo para o noso idioma é posíbel, como demostran os centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma ou as miles de persoas que reclaman atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia e que vencen as dificuldades e se propoñen falar galego sempre.
Isto sen esquecer as familias que se esforzan en transmitir a lingua malia non poderen contar con espazos fundamentais como o ensino, os xoguetes, deseños animados e toda a oferta imprescindíbel que lle é negada ao galego; ou como tamén demostran os concellos de todas as cores que se organizan para promoveren conxuntamente a normalización lingüística a nivel local.
Responsabilidade dos poderes públicos
Porén, Queremos Galego advirte que toda esta mobilización colectiva precisa do acompañamento e do esforzo das institucións e poderes públicos, que ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos teñen a obriga legal de promoveren e garantiren a posibilidade de uso do galego en todo e para todo: garantindo o galego como lingua vehicular no ensino en todas as materias e etapas e nas actividades extraescolares, o seu uso en toda a administración, na xustiza, nas empresas; a súa dispoñibilidade no audiovisual tanto con producións galegas como a través da dobraxe e lexendaxe.
Por iso Queremos Galego conclúe que “precisamos xa un goberno que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego agora e sempre”.