
Milleiros de persoas fan historia de novo enchendo as rúas de Compostela e participando nunha gran foliada pola lingua
A reivindicación da derrogación do Decreto de Plurilingüismo no ensino estivo moi presente nunha xornada na que se homenaxeou as cantareiras e o seu legado na música popular galega
“Non nos resignamos á expulsión do galego de todos os ámbitos da vida social”. Así de contundente foi na súa intervención Marcos Maceira, portavoz da Plataforma Queremos Galego, que lembrou que "o noso idioma segue vivo a pesar de Rueda e así vai seguir sendo grazas ao compromiso da sociedade galega".

Multitudinaria manifestación este 17 de maio en Compostela. Unha cita que foi especialmente reivindicativa pola situación de emerxencia lingüística na que se atopa o noso idioma pero na que tamén tivo moito protagonismo a nosa música. Durante todo o percorrido predominou o ambiente festivo no que estiveron moi presentes a memoria e o legado das nosas cantareiras e pandereteiras tradicionais a quen se homenaxeaban este ano polo Día das Letras. Ao remate, música e baile déronse cita nunha gran foliada na que participou sobre todo xente moza, o que demostra que o compromiso coa supervivencia do noso idioma está garantido por moitos atrancos e políticas lesivas que leva practicando o PP nos últimos 15 anos.
O voceiro de Queremos Galego criticou duramente as medidas do goberno de Alfonso Rueda, como o mantemento do decreto que limita o uso do galego no ensino, a nova lei que ameaza a emisión exclusiva en galego da TVG, ou a exclusión do idioma en sectores como a xustiza, a sanidade, a intelixencia artificial e mesmo os campamentos de verán. "O galego está vivo a pesar de vostede", afirmou dirixíndose a Rueda, destacando que a supervivencia da lingua é froito da resistencia do pobo galego, que "se organiza e lle dá o oxíxeno que lle negan".
Xunto a isto acusou á Xunta de culpar as familias e as persoas inmigrantes pola situación da lingua, mentres o modelo educativo actual provoca que o 70% das crianzas que falan galego ao chegar á escola acaben falando español, e que unha de cada tres persoas que rematan o ensino obrigatorio recoñeza non saber falalo. "As nenas e nenos galegos non teñen nin xoguetes que falen o seu idioma", lamentou.
A mobilización como motor de cambio
Maceira celebrou a mobilización social como o motor para cambiar o rumbo do idioma. “Quérennos caladas e inmóbiles” dixo, pero “non conseguiron paralizarnos”. E afirmou que, lonxe diso, a emerxencia lingüística “activou ao pobo galego”, aínda que considerou que “para a normalización do uso de calquera lingua, tamén da nosa, non abonda a demanda social se non vai acompañada da acción decidida dos poderes públicos”.

Denunciou, por iso, que a Xunta “non quere estar aquí, no verdadeiro pacto pola lingua” e reclamou do PP que “cumpra o seu deber e abandone a belixerancia contra o galego” e que se cumpran e concreten tamén todos os acordos nacionais e internacionais a favor do noso idioma. Neste sentido, Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, citou na súa intervención as numerosas adhesións que se produciron neste tempo ao proceso Lingua Vital, no que, como non podía ser doutro xeito, estará a CIG e nomeadamente a CIG-Ensino participando de forma activa. Un proceso que pretende propor accións concretas que comprometan a colectivos sociais, entidades e institucións nos acordos que se adopten froito dun intenso debate arredor da actualización dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004.
Antes de dar paso á foliada final na que un grupo de pandereteiras tocou pezas da nosa música tradicional e moita rapazada nova bailou diante do palco, o portavoz da plataforma, da que forman parte máis de 500 entidades, apuntou como obxectivo “galego en todo e para todo, sen escusas, sen límites e sen impedimentos de ningún tipo”. E concluíu considerando este 17 de maio “histórico e decisivo” porque “os nosos netos e as nosas netas poderán dicir con orgullo que viven en galego porque os seus pais e nais, avós e avoas defenderon o idioma que é seu e fixeron todo o posíbel e imposíbel por restituílo e derrotar o programas de destrución”.