Milleiros de mulleres participan na folga e nas mobilizacións convocadas pola CIG este 8M

Malia o acoso e a criminalización institucional as traballadoras galegas volven demostrar nas rúas a súa inmensa capacidade de loita

Xornada histórica de loita, nun contexto adverso motivado pola pandemia, os servizos máximos abusivos promulgados pola Xunta de Galiza e a criminalización das protestas incluso por parte das institucións, na que as mulleres galegas lideraron as protestas a nivel de Estado e na que as traballadoras do ensino tamén tiveron un papel relevante.

Milleiros de traballadoras de todas as actividades económicas secundaron a folga de mulleres e participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo, marcado polas medidas derivadas da pandemia e pola campaña de desmobilización, criminalización e acoso social promovida dende os poderes públicos.

Unha situación malia a que, tal e como afirmou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ao remate da mobilización convocada na Coruña, "hoxe demostramos, unha vez máis, e en condicións moi adversas, a inmensa capacidade de mobilización das traballadoras galegas, convocando 31 accións combativas nunha chea de localidades do país, porque non imos permitir que as mulleres paguemos a crise sanitaria co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, coidando e curando".

Corral explicou que estamos ante un 8 de Marzo e unha convocatoria de folga de mulleres “totalmente diferente á de anos anteriores”, pois non só está marcada pola pandemia da Covid-19, mais tamén “polos intentos do sistema de utilizar a crise sanitaria como coartada para impedir o dereito á folga” cuns servizos mínimos “totalmente abusivos, desbotando ademais a posibilidade de que estes foran cubertos por homes”.

Unha circunstancia que, segundo explicou, impediu que “milleiros de compañeiras puideran estar con nós na rúa, non só no sector da sanidade, como sería de agardar nesta situación, senón tamén no ensino, na radio e a televisión públicas, nos servizos sociais e, en xeral, no conxunto da administración pública”.

Precisamente nos centros de ensino moitas foron as compañeiras que non puideron secundar a folga por ser parte deses servizos mínimos pero que quixeron deixar constancia do seu apoio ás reivindicacións través da visibilización nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Brutal campaña de acoso á loita feminista

Pero non soamente se impediu o dereito fundamental de folga. A secretaria das Mulleres da CIG denunciou, no que definiu como “brutal campaña de acoso á loita feminista”, que asistimos a “fenómenos intolerábeis nun estado que se pretenda chamar democrático e de dereito, como chamadas dalgunhas subdelegacións do Goberno, coaccionando e ameazando ás promotoras das mobilizacións; que a Xunta, a administración estatal e os seus entes atrasaran a publicación do decreto de servizos mínimos até o último momento ou a negación da existencia da convocatoria de folga para non negocialos, como foi o caso do Concello da Coruña”.

Xunto a isto denunciou tamén que “levamos semanas sufrindo presións para evitar visibilizar o rexeitamento das mulleres galegas á xestión da pandemia, tanto por parte do goberno galego como do Estado”. E asegurou que se en anos anteriores quen negaba as discriminacións, quen se opuña á folga e ás mobilizacións, por entender que agochaba unha pretensión política, era o goberno de Feijoo e toda a dereita, “nesta ocasión foi a progresía española a que obstaculizou, boicoteou e criminalizou tanto a convocatoria como as mobilizacións do feminismo”.

Esta criminalización chegou ao punto de responsabilizar “de maneira individualizada as mulleres por mobilizarse, acusándoas de provocar unha vaga de contaxios, e xerando unha alarma social innecesaria, cando non houbo modificación legais que impediran o dereito de manifestación e cando se permitiron todo tipo de mobilizacións, incluídas as daquelas persoas que negan a pandemia e que se desenvolveron sen ningún tipo de medidas de protección”, lembrou.

ParaCorral isto acontece porque “ao sistema non lles interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por formar parte da nosa nación”.

Asegurou que, fronte a iso, “ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, pretendendo ritualizar o 8 de marzo, que quede nunha data festiva, mais carente de discurso crítico contra o capitalismo, contra os gobernos (tanto da Galiza como do Estado) ou contra o patriarcado”.

Chamou a atención ademais, sobre o feito de que esta folga está convocada practicamente en solitario pola CIG, “aínda sendo unha decisión unánime do movemento feminista galego, do que tamén forman parte outras centrais”. 

Seguimento marcado polos servizos mínimos abusivos

Por todos estes motivos, explicou a secretaria das Mulleres, “non podemos avaliar a convocatoria de folga como adoitamos realizar convencionalmente, porque aínda que o obxectivo dunha ferramenta revolucionaria como esta sexa paralizar a actividade produtiva, no contexto dunha folga de mulleres o que se persegue é visibilizar o espazo baleiro que deixamos e a nosa sobrerrepresentación nos coidados, por iso é tan fundamental que saiamos á rúa para que se visualicen as nosas demandas”.

Con todo, e malia estes atrancos, Margarida Corral salientou que “hoxe están con nós traballadoras do comercio de alimentación, do comercio téxtil, de servizos de axuda no fogar, de centros de chamadas, da banca, do ensino, das universidades, da administración local, da xustiza, da sanidade privada, de Correos, da industria, da confección, da limpeza etc".  

Volver