Miles de persoas enchen as rúas de Compostela para reclamar galego na escola

Toda a sociedade galega, agás o PP, apoiou a mobilización convocada pola Plataforma cidadá “Queremos Galego”, da que forma parte a CIG

Inverno, manifestación e Compostela. Tres elementos que adoitan unirse para garantir a chuvia que, como non podía ser menos, acompañou ás miles de persoas que tomaron este domingo a capital de Galiza para reclamar, alto e claro, que “Queremos Galego na escola”. Persoas chegadas en autobuses e coches particulares, de todo o país, para berrar ao unísono que “aínda que se molle, o galego non encolle”, exixir a derrogación do mal chamado “Decreto de Plurilingüismo” e denunciar as políticas “lingüicidas” do Partido Popular.

A manifestación rematou na Praza da Quintana onde, como lembrou o portavoz da Plataforma cidadá e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, non se puido instalar un palco por cortesía do concello de Santiago que, lembrou, puxo todos os atrancos posíbeis para dificultar a celebración desta mobilización cidadá en defensa da nosa lingua, da nosa dignidade e da nosa identidade.

A música puxérona Uxía Senlle e Sés e a voz, para a lectura do manifesto, Pepe Penabade, Luís Iglesias, Marta Dacosta, Mercedes Queixas e Xurxo Souto. E aínda antes da intervención de Callón houbo tempo  para denunciar os recortes e as súas consecuencia para as artes musicais e escénicas de Galiza e en galego. Recortes que teñen graves consecuencias no emprego e que se lembraron tamén nas consignas coreadas, con sonoros “Manda carallo, sen galego e sen traballo”.

Na súa intervención Callón lembrou os preocupantes datos de uso do galego na etapa de infantil nas cidades, nas que o 95% dos centros non imparten aulas en lingua propia. Denunciou o ataque contra a nosa identidade que supón a LOMCE, unha lei que mesmo pretende subvencionar con cartos públicos a escolarización en centros privados do alumnado que non queira ter contacto co galego. E lembrou o apoio de toda a sociedade galega e das organizacións políticas a esta mobilización, agás do Partido Popular. Ante iso proclamou que “continuaremos a erguer a bandeira de Rosalía e farémolo as veces que faga falta, porque defendemos a nosa existencia como pobo”.

Na manifestación de onte o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao lembrou que o noso idioma está afastado a día de hoxe da maioría das materias e centros, que a súa presenza é anecdótica, nomeadamente no ensino infantil, e que existe unha carencia absoluta de material en galego en moitas materias do actual sistema educativo."Queremos denunciar tamén a actitude do conselleiro de Educación de total complicidade e submisión ao Goberno central, que coa posta en marcha do anteproxecto da LOMCE pretende impornos unha lei reespañolizadora que uniformiza e centraliza o sistema educativo, afasta do ensino o estudo da nosa cultura, historia, xeografía, economía, etc. e establece un modelo lingüístico no cal se lle garante o descoñecemento do noso idioma ao alumando e se lle dá un tratamento secundario e de total submisión ao noso idioma. Un anteproxecto que, en definitiva, fai inviable calquera posibilidade de normalización lingüística e que o galego sexa a lingua vehicular do ensino", explicou.

Para a CIG-Ensino é imprescindible un novo decreto de normalización lingüística que comporte un novo modelo que incorpore o ensino en galego en todos os niveis educativos co obxectivo da plena normalización do noso idioma. Urxe a derrogación do Decreto do Plurilingüismo e que cesen as actuacións en contra do galego que permanentemente está aplicando a Consellaría de Educación.

 (Galería de imaxes)

Manifesto

Queremos Galego na Escola

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou en varias sentenzas que os principais piares sobre os que se asenta o mal chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística. O Tribunal dálle así a razón aos miles de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións convocadas en defensa da nosa lingua.

Ao mesmo tempo, o discurso do PP sobre as linguas no ensino, que xa estaba deslexitimado pola súa falta de apoio nas comunidades educativas, por ser un discurso crispante, por ser antipedagóxico ou por vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, está agora, ademais, claramente considerado pola xustiza como fóra da legalidade.

Este decretazo contra o galego debe ser derrogado de forma inmediata e o Goberno galego debe promulgar unha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que:

- Garanta a educación en galego na educación infantil para todas as nenas e todos os nenos galegofalantes e poña especial atendemento didáctico na incorporación a este idioma por parte do alumnado residente en contextos familiares e ambientais castelanófonos, fixando, como mínimo, o 50% do horario semanal en galego nesta etapa educativa para os contextos e contornos en que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.

- Garanta que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego en primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos, que o galego non estea prohibido en ningunha materia e que todas e todos os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego.

- Desenvolva un plan de formación para que todo o persoal dos centros educativos de Galiza teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Volver