Miles de persoas claman pola redución de ratios, mellores horarios docentes, máis recursos para a atención á diversidade e para o ensino rural e polo mantemento da presencialidade na FP

Esta mañá un grupo moi numeroso de profesorado, alumnado e familias convocadas pola CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer rodearon a Xunta contra os recortes e a privatización da Xunta do PP

O presidente Alfonso Rueda non pode manter a situación do ensino público galego á cola do Estado, en comparsa con Ayuso, e seguir sen reverter os recortes lesivos perpetrados polos gobernos do PP da Xunta e do Estado”. Esta mensaxe clara e directa foi a que lanzaron hoxe miles de persoas en Santiago nunha marcha en defensa do ensino público onde tiveron especial protagonismo as últimas decisións da Consellaría de Educación de transformar preto de 2000 prazas de ensino presencial na FP en distancia, como antesala do que pretenden facer con todas as ensinanzas para persoas adultas.

A Consellaría de Educación, e nomeadamente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten que tomar nota do malestar que acumulan profesorado, familias e alumnado polas políticas lesivas do PP desde 2009 e que non fan máis que agudizarse cada ano. Hoxe ese malestar converteuse nun clamor unánime nunha Marcha en defensa do ensino público na que participaron miles de persoas que rodearon simbolicamente San Caetano e remataron concentrándose diante da Consellaría de Educación para reivindicar, tal e como se recollía no manifesto lido por representantes das tres organizacións convocantes: Erguer (a estudante Iria Nande), Anpas Galegas (a súa vicepresidenta Isabel Calvete) e a CIG-Ensino (o seu secretario nacional Suso Bermello), as seguintes demandas:

TÁBOA REIVINDICATIVA DO MANIFESTO CONXUNTO DA CIG-ENSINO, ERGUER E ANPAS GALEGAS

  • Non ao peche de unidades e elaboración dun plan específico de apoio á educación no medio rural: asumir o compromiso de non pechar aulas no curso 2023/24 nin de promover novos agrupamentos de aulas de diferentes niveis e negociación de medidas específicas que promovan a continuidade e a mellora dos servizos educativos nos concellos rurais.
  • Redución de ratios de alumnado por aula. Negociar unha redución con carácter xeral das ratios en todas as etapas educativas, como xa veñen de facer moitas comunidades autónomas e promover, con carácter inmediato, desdobres en todos os niveis que permitan unha mellor atención educativa. Así mesmo, facilitar a implantación de Programas de Diversificación Curricular e ciclos de FP básica por todo o territorio, segundo a demanda dos centros educativos.
  • Redución de alumnado por docente. A mellora na práctica docente pasa por reducir o número de alumnado ao que cada profesora ou profesor ten que impartir docencia, limitando igualmente os grupos aos que cada docente imparte docencia.
  • Redución do horario lectivo do profesorado. Galiza é, xunto con Madrid, a única administración autonómica que non regulou a recuperación de horarios lectivos previos aos importantes recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que implicaron un claro deterioro nas condicións de traballo docentes e a falta de tempo para o realmente importante: a preparación das clases e a atención directa ao alumnado na aula.
  • Melloras pedagóxicas e redución da burocracia. A burocracia debe deixar de ser un dos elementos que máis lastran a práctica docente, primando a coordinación pedagóxica e a participación de toda a comunidade educativa nas actividades que organizan os centros fronte a procesos de estandarización que están nas antípodas dun ensino transformador.
  • A atención á diversidade, no centro da política educativa. Familias, alumnado e profesorado precisan dun aumento de recursos destinados a facer da inclusión non un mero lema senón unha realidade con todos os recursos. Formación específica, incremento de apoios docentes e maior dotación orzamentaria son elementos imprescindíbeis para que unhas aulas cada vez máis heteroxéneas e complexas poidan ter as mellores condicións para non deixar ninguén atrás, promover a educación en valores democráticos e atender a estabilidade emocional do alumnado.
  •  Mantemento da presencialidade en todas as ensinanzas, anulando a supresión ou transformación en modalidade a distancia dos ciclos de FP en oferta ordinaria e modular e retirando o anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que prevé centrar estas ensinanzas na modalidade a distancia, reducindo paulatinamente a oferta presencial en institutos e centros de adultos.


A mobilización de hoxe como antesala de novas accións de protesta

Nas declaracións aos medios de comunicación, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, indicou que nada se sabe até o de agora dos plans da Consellaría “que agardará coma sempre até finais de verán para comunicar as supresións de aulas e peches de unidades sobre todo no rural, así como fixo coa transformación de preto de 2000 prazas presenciais de FP en distancia coincidindo practicamente coa apertura do prazo de matrícula para neutralizar a contestación desde os centros e como pretende facer con todas as ensinanzas para persoas de adultas”.

Así, insistiu en que “Rueda segue sendo o campeón dos recortes, como xa o foi Feijóo no seu día incrementando as ratios e os horarios lectivos. Cómpre lembrar que Galiza e Madrid seguen sendo as únicas comunidades que aínda manteñen as 20 horas lectivas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e as 25 en infantil, primaria e educación especial. Tampouco acometeu a baixada de ratios que si fixeron moitas outras CCAA e agora, da man de Ayuso, adiántase con esta estratexia na que se carga a presencialidade na FP mentres a presidenta madrileña fai o mesmo pero co Bacharelato para persoas adultas. Uns plans que están perfectamente trazados no Anteproxecto de Lei de aprendizaxe ao longo da vida adulta que estivo un ano metido nun caixón e que a Xunta pretende aprobar antes de que remate a lexislatura. O eixe principal desta lei é que todas as ensinanzas para persoas adultas, tanto a ESA como o Bacharelato, como a FP ou mesmo ensinanzas de réxime especial (tamén Ayuso está ofertando a distancia oferta das EOIs) pase a ser exclusivamente online”.

Bermello alertou de que “se non hai un cambio de rumbo inmediato no que se rectifiquen todas estas decisións, o próximo curso avecíñase conflitivo porque a comunidade educativa e o profesorado non pode aguantar nin agardar un minuto máis”. "Toda a propaganda da FP e o uso dos fondos Next Generation que veñen para esta etapa educativa está sendo un exemplo da nefasta xestión da política educativa do PP, que se está aforrando arredor de 6 millóns de euros en salarios docentes, pagados con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, a costa de suprimir prazas presenciais e financiar a súa transformación a distancia, así como privatizar cada vez máis estas ensinanzas incrementando un 136% a modalidade dual, na que as empresas teñen todo o poder de decisión incluído seleccionar o alumnado que se pode matricular, e autorizándolle ciclos formativos a centros privados que se lle negan aos públicos”, destacou.

Na Marcha estiveron presentes familias, alumnado e profesorado de todo o territorio galego, cunha representación moi destacada dos centros máis afectados polos recortes e as decisións autoritarias por parte da Dirección Xeral de FP. Precisamente ao longo da mesma pediuse a dimisión de Eugenia Pérez, quen ocupa este cargo, e que desde que tomou posesión tivo unha soa interlocución coa representación sindical do profesorado no Consello Galego de FP no que volveu reiterar que o cambio a online é unha petición dos propios centros ou que o ensino a distancia ten máis demanda que o presencial. Hoxe alumnado e profesorado dos CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, Leixa, Ánxel Casal, Paseo das Pontes, A Xunqueira, Politécnico de Santiago e Compostela, así como dos IES Urbano Lugrís, Fernando Wirtz, As Fontiñas, San Clemente, Teis, Politécnico de Vigo e Chapela de Redondela volveron poñer de manifesto que son completamente falsas estas afirmacións e que a "Xunta do PP mercadea coa FP", como se podía ler nun dos cartaces portados polo profesorado afectado. 

Así mesmo, tamén asistiu unha representación do claustro do IES Audiovisual de Vigo que se manifestou maioritariamente en contra da súa conversión en CIFP o vindeiro curso, tal e como defendeu no Consello Galego da FP a CIG-Ensino, polo funcionamento eminentemente empresarial e antidemocrático destes centros e porque ademais está demostrado que se vai incrementar ostensibelmente a carga horaria lectiva do profesorado, pasando de impartir con carácter xeral dous módulos a tres ou a completar horario con coordinacións e traballo burocráctico auditado externamente que, lonxe de redundar na calidade educativa, vai supoñer unha merma da atención ao alumnado.

Así mesmo, a CIG-Ensino aproveita para denunciar que, aínda sen que estea aprobado o Decreto que vai regular a conversión de tres novos IES en CIFPs o vindeiro curso, as direccións destes centros estean xa "a repartir cargos" nunha forma de acalar o malestar que desde hai tempo vén manifestando o persoal que traballa nos centros integrados de FP.

Volver