Miles de estudantes saen á rúa contra a LOMCE convocados polas organizacións estudantís galegas

A CIG-Ensino considera que a convocatoria é especialmente acaída logo de se coñeceren os contidos dos currículos

Miles de estudantes de secundaria e universidade saíron ás rúas de Galiza, convocados polas organizacións estudantís galegas, para manifestar, máis unha vez, a súa oposición á LOMCE. A CIG-Ensino valora positivamente o seguimento da folga que vén amosar o rexeitamento máis absoluto aos recortes no ámbito do ensino público e á LOMCE. Tamén valora positivamente a participación nas manifestacións. Porén, manifesta o seu rexeitamento, e desvincúlase, de accións inxustificadas que nada teñen que ver co obxectivo da convocatoria.

Desde a CIG-Ensino considera que se trata dunha convocatoria moi acaída, porque “hai que combater a LOMCE até que se derrogue” e porque se xa o articulado da lei evidenciaba cales eran os seus obxectivos, coa publicación exprés dos currículos queda máis claro o seu carácter “españolizador, centralizador, clasista, confesional e privatizador”.

Así o sinalaba Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, antes de se inciar a manifestación, quen engadía que “é moi oportuna a folga a nivel galego na medida en que as súas consecuencias no noso país son especialmente graves”. 

Louzao lembrou que, de feito, o propio ministro expresou que o obxectivo da lei “é españolizar o ensino e isto é unha mobilización na cal se quere evidenciar que o que se pretende é liquidar a pouca presenza que había da nosa realidade nacional no ámbito de ensino”. 

Ao seu entender, a mostra máis evidente “son os currículos de que maneira exprés publicou o ministerio que van no camiño de impedir calquera presenza do noso país” e subliñou que a CIG-Ensino “segue batallando contra esta lei que nace sen forza, que máis cedo ou máis tarde ten que ser abolida”. 

Nese sentido subliñou que a CIG-Ensino está a facer unha serie de propostas ao profesorado para que se combata na realidade e se faga inviábel a súa aplicación, aínda que haxa aspectos que, do punto de vista legal, será imposíbel eludir a súa aplicación. Nese casos, proponse que se faga constar que é “por imperativo legal”.

Porén, hai moitos máis aspectos que cunha actuación conxunta poden impedir a súa aplicación na realidade. Entre outros, sinalou “propomos que non se modifiquen os libros de texto e isto tería un dobre obxectivo, que as familias aforraran, xa que o PP liquidou a gratuidade dos libros de texto, e continuar cos manuais actuais xa que da perspectiva da galeguización do ensino como da perspectiva dos contidos, son menos prexuizosos e menos reaccionarios do que serán os futuros libros de texto”.

Polo que respecta ao avance na confesionalidade do ensino, a CIG fai unha proposta para que o profesorado inste ao alumnado a que opte pola alternativa a relixión: valores cívicos e sociais en primaria, e valores éticos en secundaria. Xunto a isto fai un chamamento a que as cualificacións sexan semellantes ás que poña o profesorado de relixión para impedir o efecto chamada co que está pensada a LOMCE para que opten por esa materia.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou tamén que os currículos están impregnados de ideoloxía neoliberal ao trasladaren á escola conceptos que deberan estar afastados do mundo do ensino, chegando a introducir materias en Ciencias Sociais, para o alumnado de Primaria, con contidos dirixidos a adquirir conceptos como organización do mundo da empresa ou do mundo financeiro. Por iso proponse que se evite impartir a materia de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e que si se facilite o acceso a materias específicas para unha formación integral como: música, plástica, tecnoloxía ou filosofía, que “están completamente marxinadas”.

A CIG-Ensino tamén se propón combater as reválidas que teñen a función de españolizar máis o ensino, na medida en que van ser centralizados polo MEC os seus contidos, a súa elaboración e o seu deseño. A proposta da CIG é que o profesorado que non asuma cualificar estes exames, porque o profesorado que imparte clases ao alumnado no seu centro non vai pode avaliar, nin corrixir, nin cualificar estas probas.

Anxo Louzao tamén fixo referencia ao ataque que supón a LOMCE “á pouca xestión democrática que xa quedaba nos centros" ao permitiren o nomeamento, case a dedo das direccións. Fronte a isto a CIG-Ensino defende que as/os candidatas/os teñan o apoio tanto do consello escolar, como do claustro de profesores e que o profesorado que forme parte da comisión para elixir director/a leve un posicionamento maioritario do claustro. 

Respecto da posibilidade de que os centros se acollan a programas de calidade pensados para facer centros de elite que en base á especialización curricular, ou en base á media do alumnado con maiores cualificación, facilite que haxa centros de distintas categorías, a proposta da CIG-Ensino é que non se acollan a estes programas porque “alén da especialización dos centros pensando no mundo empresarial, suporía máis recursos en detrimento doutros centros e tamén centralizaría todo o poder de decisión  nos cargos directivos que chegarían a ter potestade mesmamente para vetar o profesorado interino ou fixar perfiles específicios para eses centros mediante comisións de servizos, facilitando a colocación de profesorado á marxe do concurso xeral de traslados” explicou.

Louzao lembrou que desde o primeiro borrador até a súa aprobación definitiva, a CIG-Ensino denunciou a LOMCE por españolizadora, centralizadora, clasista, confesional, privatizadora. A isto engadiu agora a denuncia de que todo o seu desenvolvemento curricular “o que nos fai é non só reafirmarnos nesa valoración, senón alertar de que vai empeorando. Vennos a confirmar, primeiro, que a españolización do ensino xa non lle chega o propio articulado da lei, senón que os currículos non deixan posibilidade, nin minimamente, de meter contidos galegos, porque a súa dimensión e os seus contidos son tan amplos que van abranguer todas as materias”.

Subliñou que non aparece ningún aspecto que teña que ver coa nosa realidade nacional,  cultural ou histórica. “Galiza non existe”. E engadiu que tamén se liquidan os contidos referidos a educación sexual e os obxectivos  procedementais e  actitudinais. Procurase  continuar  coa nosa colonización e alimentar os prexuízos a respecto do que nos conforma como pobo, do que nos conforma como nación”. Por iso asegurou que, “a CIG-Ensino vai seguir a combatela”.

 

Volver