Miles de docentes reclaman en Compostela que a Consellaría rectifique e negocie melloras reais para o ensino público galego

Na manifestación celebrada esta mañá duplicouse a asistencia con respecto á convocada hai catro anos, o que pon de manifesto a fartura do profesorado e a súa oposición ao “Acordo de renuncias”

Con respecto á participación nunha primeira toma de contacto cos centros esta mañá os sindicatos convocantes estiman que rolda o 40% nos centros de infantil e primaria e arredor do 70% nos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría deu instrucións de que se lle enviaran exclusivamente os datos das 9:30 horas e lembra que a esa hora moito profesorado de Secundaria e FP non comezou a súa xornada e que hai moitas ensinanzas que se imparten maioritariamente pola tarde.

Malia a choiva incesante a manifestación convocada esta mañá en Compostela desde a Praza de Cervantes até a Consellaría de Educación polos tres sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF foi un clamor e duplicou en asistencia á convocada en decembro de 2019 por 6 sindicatos e centrada na recuperación do horario lectivo. Esta asistencia masiva, en opinión das tres organizacións convocantes, que representan o 60% do profesorado, significa que o profesorado está farto de recortes e que está en contra do Acordo asinado pola Xunta e os tres sindicatos nos que se renuncia a recuperar o horario lectivo que desde hai 14 anos lle foi roubado aos mestres e mestras e desde hai 12 ao profesorado do resto de ensinanzas.

A marcha tardou mais de media hora en atravesar a rotonda que hai á entrada dos edificios da Xunta de San Caetano e contou con profesorado chegado de todas partes de Galiza e de todos os niveis e etapas educativas, chegando parte dos e das manifestantes coas intercencións finais xa concluídas.

Participación na folga superior á de hai 4 anos

Con respecto aos datos de asistencia á folga, os tres sindicatos asinantes ofreceron unhas cifras aproximadas ás 12 horas despois dunha primeira toma de contacto cos centros. Segundo manifestaron os seus representantes a participación é desigual entre o profesorado de infantil e primaria e o do resto de ensinanzas “pero en calquera caso superior tamén á convocada hai 4 anos”. Nunha primeira aproximación, e tendo en conta que o profesorado de secundaria, Bacharelato, FP, Escolas de Idiomas, Conservatorios e Escolas de Artes non entra todo a primeira hora, pódese facer unha estimación de que o seguimento nestas ensinanzas rolda o 70%, mentres que nos colexios de infantil e primaria sitúase en arredor do 40%. 

En total estaba chamado a participar nesta folga un total de 31.000 docentes do ensino público non universitario desde cuarto de infantil.

División sindical e división do profesorado 

Tal e como indicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na súa intervención ao remate da marcha, a Consellaría de Educación é “a principal responsábel da división do profesorado e tamén da división sindical que se produciu durante as negociacións que se pecharon en falso cun acordo que renuncia de facto a recuperar o horario lectivo, e que nos deixa á cola do Estado, xunto con Madrid, no mantemento das 25 horas en primaria e infantil e as 20 no resto de etapas”. “Pero está claro –insistiu- en que para que se producira esta división precisáronse cómplices necesarios, en alusión aos tres sindicatos asinantes que durante a última década participaron en mobilizacións, peches e convocatorias de folga por este tema e que veñen de claudicar renunciando a recuperar ese dereito”. 

Os tres representantes sindicais que interviron ao final da manifestación incidiron en que a rebaixa a 23 horas lectivas en infantil e primaria non vai supoñer nin un só mestre ou mestra máis porque os catálogos dos centros están deseñados desde o ano 2007 para un máximo de 21 horas lectivas, polo que mesmo volver a este horario tampouco tería incidencia a nivel de incremento do persoal. No caso das outras ensinanzas a rebaixa a 18 horas si tería asociada unha suba significativa do número de persoal que se precisaría para atender o alumnado de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial. 

O mesmo acontece co tema das ratios. O vindeiro curso só comezará a aplicarse a rebaixa de 25 a 20 por aula en 4º de infantil, é dicir, ningún alumno ou alumna que estea nestes momentos no sistema educativo se beneficiará desta baixada, que tardará 9 anos en culminarse en primaria e para a que non hai data de aplicación na ESO e Bacharelato porque se difire a súa negociación a que remate dentro de tres anos a aplicación en infantil. “Para o resto de ensinanzas, incluída a FP básica, ciclos formativos, ensinanzas de adultos e a distancia, NADA”, enfatizou Bermello, quen tamén foi moi crítico coa división que se establece neste acordo no apartado retributivo. Neste sentido “quen máis verá incrementado o seu salario serán membros da inspección, dos equipos directivos e das asesorías da Consellaría, así como un 15% de todo o profesorado galego, que é o que ten 5 sexenios de antigüidade”. Para o 26% do total a única suba que haberá será a de 10 euros ao mes, a repartir entre 2024 e 2025 e lembrou que a proposta da CIG-Ensino era distribuír toda a masa salarial que pretendía investir a Consellaría neste apartado entre todo o profesorado. Porén, lembrou que “coma sempre é a administración a que introduce o tema dos cartos na negociación cando os tres piares sobre os que debía pivotar eran exclusivamente as ratios, o horario e a burocracia”. Esta é a maneira de querer comprarnos, pero está claro, e así o demostra o feito de que hoxe sexamos moitas máis voces as que estamos aquí que nas últimas convocatorias, que nin o profesorado nin o ensino público se venden”.

Por último, os tres sindicatos publican hoxe mesmo um comunicado conxunto dirixido á Consellaría no que lle reclaman que rectifique a atenda as demandas do profesorado reabrindo negociacións para avanzar realmente nas cuestións que son os elementos fundamentais , como unha baixada de ratios en todas as etapas e en menor tempo e a recuperación do horario lectivo ou, do contrario, haberá máis mobilizacións.

CIG-Informa resumo das negociacións e do acordo que levaron á folga do 24 de outubro e anuncio de novas mobilizacións

Documento


Volver