Información da mesa sectorial: oferta de emprego público e convocatoria de oposicións

As oposicións de 2018: prepotencia, insuficiencia, precariedade e inestabilidade

Na Mesa Sectorial celebrada o día 6 de febreiro de 2018 a central sindical recriminoulle a Educación que, unha vez máis, non negociara nin as especialidades nin o número de prazas da OPE “actuando coa soberbia habitual” e mesmo desprezando os acordos asinados cos sindicatos estatais, “que lle deron un cheque en branco para non convocar nin unha soa praza a maiores das existentes actualmente”. A CIG-Ensino censura ademais que se anuncie a distribución das 2.050 prazas sen poñer en común as xubilacións actuais e futuras nin avaliar os efectos que terá este reparto no persoal interino de cada especialidade

Orde do día:

1.- Actas.

Non se aprobaron.

2.- Oferta de emprego.

3.- Proxecto de orde de convocatoria de oposicións.

4.- Modificación da addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995.
5.- Rogos e preguntas.

Novamente as limitacións na duración da Mesa Sectorial levou a que non se puideran presentar, en rogos e preguntas, diversos temas para que a Consellaría informe sobre eles.

  • Vacantes do CXT. Instamos á Consellaría a cumprir o seu compromiso e convicar unha reunión técnica para negociar o incremento de vacantes nos diferentes corpos docente, unha vez que xa ten desde hai tempo os estudos e solicitudes de vacantes entregadas pola CIG-Ensino para as especialidade de PT e AL no corpo de mestres e en todas as especialidades de PES, PTFP, EOI, CMUS e EART onde hai un importante desfase entre os destinos provisionais e as vacantes ofertadas, cun colectivo moi numeroso que leva até 10 anos en expectativa de destino, ademais dos miles de persoas que queren mellorar o seu destino definitivo.
  • Acceso a cátedras de conservatorio. Pedimos que se traia á Mesa canto antes a convocatoria.
  • Filosofía. Instamos á Consellaría a traer á Mesa Sectorial a modificación do decreto de currículo xa que afecta á organización dos centros e á carga lectiva do profesorado (e non só do de Filosofía).
  • Listaxes de substitución. A Consellaría ten que ser máis dilixente á hora de xestionar a apertura de listaxes. Non pode volver acontecer o que pasou en portugués, cunha docente sen substituír durante 5 semanas nunha EOI.
  • Equipos de Orientación Específicos. Demandamos que se abran listaxes para que se anote o profesorado funcionario de carreira que estaría disposto a cubrir as prazas que quedan vacantes cando non hai xente nas listas do concurso de méritos ou non se convocaron as prazas recentemente. Non pode ser unha decisión arbitraria da inspección educativa.
  • Recoñecemento dos servizos prestados. Sabemos que a Consellaría está a traballar para actualizar o cómputo deses servizos mais o prazo que se fixara foi novembro e non se cumpriu. A xente que participa no CXT podía ter computados eses méritos e non os ten. Demandamos que se hai reclamacións se acepten e que, desde logo, estea todo listo para as oposicións.
  • Solicitamos, como fixemos para as oposicións, o recoñecemento dos servizos prestados nas EOI como se fosen en IES no CXT para docentes de idiomas (inglés, francés, galego) que van desde as listas de PES.
  • Novos permisos. Aínda que non se precisa cambiar a orde polos novos permisos na Lei, somos partidarios de que faga unha modificación da nosa orde para recoller a flexibilización do permiso do outro proxenitor para equiparalo ao de parto, permitindo que en casos de hospitalización do neonato se poda agardar polo desfrute do permiso e, se procede, pedir unha redución de xornada mentres estea hospitalizada a crianza.
  • Baixas de máis de 90 días. Demandamos que os problemas existentes coa Consellaría de Facenda se solucionen canto antes. Queremos saber se existe xa o informe xurídico pendente. Non estamos de acordo con que se restrinxa o pagamento do complemento a persoas que foron hospitalizadas ou con intervención cirúrxica. Debe ser para todas.
  • Comisión de concilia. Non se publicou a orde que pasou pola mesa. Solicitamos que se nos envíe o borrador para contrastar as achegas feitas antes de publicalo.
  • Elección de horario das persoas con redución de xornada por coidado de filla ou fillo con cancro ou enfermidade grave. Estase dando algún caso de persoas que piden a redución antes do inicio de curso e con tempo para adecuar o horario ás necesidades familiares e, sen embargo, non se ten en conta esta situación, dificultando así a atención ao fillo ou filla.
  • Substitución de auxiliares de conversa. Temos detectado que non se cobren algunhas substitución de titulares que renuncian ao seu posto.

Volver