Información da Mesa Sectorial da Addenda ao Acordo do persoal interino e da Orde do CXT
Mesa celebrada o martes 6 de outubro
Solicitude de convocatoria de Mesa Sectorial extraordinaria sobre o comezo de curso e a Covid-19.
Ao comezo da Mesa Sectorial a CIG-Ensino propuxo como previo que se nos convocase a unha reunión específica sobre o comezo de curso e a situación xerada pola COVID-19. O sindicato xa o solicitara previamente por escrito. Nesta primeira reunión da Mesa unha vez iniciado o curso non ten sentido que non figure este tema para valorar o comezo de curso e para analizar as medidas que se están a adoptar tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria nos centros. Hai determinados aspectos relacionados coa protección da saúde do persoal dos centros que esixe canto antes unha convocatoria do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral. En todo caso, a CIG-Ensino considera estes temas de vital importancia e quere un compromiso formal de reunión á maior brevidade posíbel.
O novo Director Xeral de Persoal, que só estivo presente no comezo da sesión, comprometeu unha reunión con presenza do conselleiro entre a semana que vén e a seguinte.
Tendo en conta este compromiso formal e aceptado o prazo máximo solicitado pola CIG-Ensino todas as cuestións que tiñamos previstas sobre este tema reservámolas xa que non poden ser despachadas como un “resto” da Mesa Sectorial.
Orde do día.
1. Proposta de inclusión dunha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias.
Ligazón á información da negociación
2. Proxecto de Orde...... pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación.
Ligazón á información da negociación
A administración anuncia que se remite ao texto e que non vai aceptar ningún cambio sobre o borrador do CXT.
Confirma que vai a haber concurso de Orientación en Primaria e que están valorando o Concurso de Adultos.
Datas de participación para o CXT: 5 ao 26 de novembro.
3. Rogos e preguntas.