Mesa Sectorial (Oposicións 2009)

Mesa Sectorial (Oposicións 2009)

A Consellaría presentou na Mesa Sectorial do 21 de novembro de 2008 un informe sobre as oposicións deste ano, mostrándose satisfeita co seu desenvolvemento. Recoñeceu incidencias que definiu como puntuais e fixeron especial fincapé na redución do número de profesorado interino.
Información sobre as oposicións 2008
 
A Consellaría presentou na Mesa Sectorial do 21 de novembro de 2008 un informe sobre as oposicións deste ano, mostrándose satisfeita co seu desenvolvemento. Recoñeceu incidencias que definiu como puntuais e fixeron especial fincapé na redución do número de profesorado interino.
 
Informes entregados pola Consellaría:
 
  • Datos de aprobados nas oposicións por corpos docentes e colectivos (libres, interinos e substitutos): Ligazón
  • Profesorado interino e substituto aprobado nas oposicións de 2007 e 2008: Ligazón
  • Profesorado interino no presente curso 2008/09: Ligazón
  • Estatísticas dos aprobados nas oposicións do 2008: Ligazón
Desde a CIG-Ensino mostramos na nosa intervención a nosa especial preocupación polos seguinte aspectos:

A situación do profesorado interino e substituto

Preocúpanos especialmente o profesorado interino que quedou sen posto de traballo, algo que aconteceu sobre todo nalgunhas especialidades docentes dos corpos de secundaria. A situación creada a principios deste curso, con profesorado interino que pasou a substituto e substitutos que ficaron sen traballo, evidencia e xustifica a demanda da CIG-Ensino de negociar un acordo de estabilidade. Vemos con preocupación a Oferta de Emprego Público do ano que vén, que deberá ser debidamente negociada para conxugar unha oferta ampla co mantemento dos postos de traballo do profesorado interino, especialmente cando no proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2009 non se incrementa o cupo de profesorado de secundaria.
Desde a CIG-Ensino tamén amosamos a nosa preocupación polo profesorado que carece de titulación para se presentar as oposicións como en Debuxo, sobre todo se temos en conta que falamos de profesorado con moito tempo de antigüidade.
 

Os problemas ocasionados nos tribunais.

Para a CIG-Ensino tiveron especial relevancia nas pasadas oposicións determinados problemas con varios tribunais. Somos conscientes de que foron moitos os tribunais e é difícil, mais hai que mellorar a coordinación e evitar problemas como os ocasionados en diversos tribunais, como foi o caso dos de Latín, Francés ou A.L. Débense evitar situacións como as producidas coas informacións contradictorias e moi inmediatos á celebración das probas sobre o lugar de celebración dos exames ou as modificacións das notas publicadas na páxina web.
Unha das principais eivas que ten que corrixir a Consellaría é a falta de coordinación entre os tribunais e a unificación de criterios de avaliación entre os distintos tribunais dunha mesma especialidade
Incidimos tamén na situación creada nas oposicións do paso do grupo A2 ao A1. En contra do acontecido na convocatoria do 2007, houbo varias especialidades nas que se deixaron prazas desertas, volvendo á situación anos anteriores.
Demandamos, tal e como o viñemos facendo reiteradamente nas dúas últimas convocatorias, que os participantes poidan coñecer os resultados parciais das probas. A resposta da Consellaría foi afirmar que os tribunais anunciaban as notas da  parte "A" da proba  nun acto público “tal e como se recolle na convocatoria e nas instrucións proporcionadas aos presidentes/as dos tribunais”. Desde a CIG-Ensino pedímoslle á Consellaría copia desas instrucións e amosamos a nosa sorpresa por ser esta a primeira ocasión na que a Consellaría dá esta resposta. En todo caso, fixemos constar que non temos coñecemento que se fixera tal e como afirma a Consellaría.
 
 

Os erros da Consellaría na baremación dos méritos.

Somos conscientes do elevado número de opositores e da sobrecarga de traballo para o persoal que se encarga do baremo de méritos, mais o elevado número de reclamacións feitas este ano indica que é preciso tomar medidas para mellorar a calidade do servizo, pasando basicamente polo incremento do persoal nos servizos administrativos da Consellaría. Esta crítica faise extensíbel á demora na contestación aos recursos de alzada.

Volver