Información mesa sectorial do martes 22 de novembro

Currículo das optativas de bacharelato e convocatoria concurso oposición extraordinario

Orde do currículo de materias optativas do bacharelato

Anteproxecto da orde pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta: ligazón

Ligazón ao CIG-Informa

Convocatoria concurso oposición extraordinario
ORDE do........ de 2022 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso aos corpos de profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, de profesores de escolas oficiais de idiomas, de profesores de música e artes escénicas, de profesores de artes plásticas e deseño e de mestres. Ligazón
 
DATOS RELEVANTES DA CONVOCATORIA
Publicación no DOG:
prevese que se publique o 28 de decembro.
Prazo de solicitudes:
a intención inicial era que fose nos 15 días hábiles posteriores á publicación no DOG, rematando o 19 de xaneiro. A CIG-Ensino solicitou que o prazo non se abra até a reincorporación ás aulas no mes de xaneiro. Estudarán a nosa proposta.
Realización das probas selectivas:
a data prevista é a partir do 22 de xuño de 2023.
Exención da obriga do persoal interino a presentarse:
a redacción da disposición transitoria cuarta pactada en xuño polos demais sindicatos e a Consellaría provoca que moito profesorado interino que puidese entender que non tiña expectativas no concurso se presentase igual para evitar problemas no caso de ter que reclamar unha compensación no caso de cese. O normal sería que a propia Xunta regulase que non presentarse neste concurso oposición, sobre todo no caso de ter participado no concurso de méritos excepcional,  non vai ter efectos nunha posíbel compensación por cese. Non se prevén cambios ao respecto no texto da convocatoria.
Quenda para persoas con discapacidade.
As 46 prazas que se ofertan completan, xunto coas 44 do concurso de méritos de estabilización, o 7% de prazas que fixa a lei.
Finalización do proceso e toma de posesión.
A Consellaría informa dun cambio que van introducir na orde para deixar aberta a posibilidade de que o remate do proceso selectivo e, por tanto, a toma de posesión e comezo da fase de prácticas se retrase par alén do 1 de setembro. Explican que, unha vez que saiban canta xente se matricula, tomarán a decisión de que facer en casos de especialidades nas que haxa un número moi reducido de prazas e moitas persoas aspirante. Poñen un exemplo: só hai 1 praza de Primaria. Poden optar porque haxa moitos tribunais, co número habitual de persoas por tribunal ou que haxa poucos ou mesmo un só. Se optan por isto último as oposición estenderíanse ao longo dos meses de setembro e, incluso, outubro.
OFERTA ORDINARIA DE REPOSICIÓN
Oposicións ordinarias de taxa de reposición:
como xa anunciou a Consellaría hai meses non haberá oposicións ordinarias até 2024 e serán co sistema vixente nos últimos anos.
A Consellaría está barallando a posibilidade de que non haxa incorporacións nas listaxes de interinidades cos opositores que non obteñan praza no 2023.
A Consellaría avanzou esta posibilidade que, de confirmarse, se debatería nunha Mesa no mes de decembro.
A CIG-Ensino considera que apoiar unha decisión destas características só se pode facer con toda a información enriba da Mesa. Temos que saber cal é a previsión de chamamentos para o que queda de curso e como poden quedar as listas. É posíbel que haxa algunhas especialidades nas que non vaian ser necesarias novas listas ao ter xa moito persoal nas actuais. A Consellaría só informou de que no curso actual aínda non abriron moitas especialidades ao ter aínda moita xente sen traballo.
Varios

Ligazón ao CIG-Informa dos varios.

  • Varios

    18 e 21 horas lectivas

    Cada vez son máis as comunidades autónomas do estado español que recuperan o horario de 18 horas lectivas en secundaria e 21 en primaria, concretamente só quedamos catro sen recuperalo. Cando imos recuperar ese horario en Galiza?

    Novamente a Consellaría dá a calada por resposta e non confirma a apertura de ningunha negociación.

    FP: mesmo traballo, mesmo salario

    Instamos á Consellaría a que rectifique na intención expresada na última Mesa e que se abra a recoñecer os dereitos que reclamamos para os colectivos que, en menor ou maior medida, quedan descolgados de todos os beneficios da integración no corpo de PES. 

    Por outro lado, queremos saber que datos ten a Consellaría, coa información da que dispón neste momento polo que hai cargado en  “datos persoais”, sobre o profesorado de FP con titulación necesaria para integrarse no corpo de PES, para saber exactamente de que porcentaxe de profesorado para extinguir estamos a falar. 

    A Consellaría non dá ningunha resposta.

    Solicitude de datos do concurso excepcional

    Solicitamos da Consellaría que nos proporcione os datos dos que dispoña xa do concurso excepcional rematado onte; por exemplo, o número de aspirantes que teñen que realizar a proba de lingua galega.

    Non teñen datos definitivos, pero teñen rexistradas máis de 12.000 solicitudes presentadas por máis de 11.000 persoas.

    Erro detectado no Concurso de Orientación de primaria

    Onte publicouse no DOG o concurso de traslados específico entre persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do Departamento de Orientación nos colexios públicos de educación infantil e primaria, e nel detectamos un erro, corroborado coa dirección do centro, a praza da xefatura de orientación do CEIP Mesón do Vento de Ordes, A Coruña, non está cuberta e na orde aparece como posíbel resulta. Solicitamos que se revise e, se procede, se incorpore como vacante.

    Vano mirar, se é así publicarán unha corrección de erros.

    Xade e PROENS

    Ten pensado a Consellaría solucionar os diversos problemas de coordinación entre a aplicación PROENS e o Xade?

    Como pode ser que o persoal de baixa ou permiso non teña acceso a PROENS debido ás limitacións do Xade?

    Como pode ser que só un docente teña acceso, de novo debido ás limitación do Xade, ao PROENS, nos cursos onde traballa na aula máis dun docente.

    Criticamos que PROENS, máis alá da crítica xeneralizada que poidamos facer sobre o seu funcionamento e sobre a súa idoneidade, non está para nada pensada para Infantil e Educación Especial. Demandamos que non se aplique ou que se adapte para non entorpecer máis o traballo que realmente importa, o docente.

    Van analizar os casos que lle comunicamos, nalgúns asumen que hai erros pero que é unha aplicación viva que se vai adaptando e corrixindo.

    Datas das licenzas de formación

    Temos xa datas para a publicación das licenzas de formación? Cal é o motivo para este retraso tan anormal?

    Van readaptar os períodos ou número das licenzas para poder ofertar o mesmo número que estaba previsto?

    Pendentes dun informe de Facenda, teñen intención de publicar en canto poidan, sen dar datas concretas.

    Convocatoria do concurso específico para os EOE

    A Consellaría comprometeu a convocatoria e foi cubrindo as prazas sen que haxa ningún tipo de lista. Demandamos que se traia a orde á mesa e se convoque.

    Teñen pensado traelo á mesa en xaneiro.

    Recoñecemento de departamentos e coordinacións

    • Profesorado dos ámbitos comúns na FP Básica nos CIFP. Unha vez que temos profesorado das materias comúns de secundaria nos CIFP é de sentido común crear, cando menos, un departamentos para estas materias. Non é de recibo que se teñan que adscribir a outros departamentos cos que non gardan relación.
    • Recoñecemento de departamentos e coordinacións que non figuran nos ROC. É unha tomadura de pelo que, a estas alturas, se siga poñendo como escusa que non se pode recoñecer unha coordinación de Igualdade ou de programas internacionais en IES, ou o departamento dunha 2ª lingua estranxeira diferente do Francés. O mesmo acontece coa impartición de ciclos de FP en Centros de Educación Especial. A Consellaría debe recoller nunha norma canto antes o recoñecemento retributivo e de redución horaria destas novas realidades que apareceron durante estes anos. 

    Por primeira vez afirman que se precisa dunha norma sen facer referencia expresa ao cambio de ROC. Non concretan nada ante a nosa insistencia de que traian unha orde á Mesa para que, cando menos, poidan entrar en vigor para o curso que vén.

    Erro na pasarela de pago durante toda a tarde do último día do prazo do concurso excepcional

    Que garantía vai ter o persoal que non puido pagar no último día de que non vai ser expulsado do proceso, como vai poder pagar unha vez que a aplicación está pechada?

    A administración considera que a falta de pago é defecto subsanábel. As persoas teñen que pagar a través da oficina virtual tributaria (cos códigos da convocatoria) e no momento da resolución provisional, na que aparecerán como excluídas, deben presentar a xustificación de ter pagado.

Volver