Información da mesa sectorial: concursos de adultos e orientación de primaria
Toda a información do desenvolvemento da mesa
Orde do día.
1.- Aprobación, se procede, da acta da sesión celebrada o 16 de xullo.
Aprobada.
2.- Concurso de traslado de orientación (Infantil e Primaria).
Ligazón ao borrador, inclúe as vacantes no anexo II
CIG Informa do Concurso de orientación
3.- Concurso de traslado de adultos.
Ligazón ao borrador.
Ligazón ao anexo coas vacantes.
CIG Informa do Concurso de EPAs
- 4.- Varios
Queixa pola publicación da resolución coas instrucións para a elaboración dos horarios sen pasar pola Mesa sectorial
A CIG-Ensino presentou unha queixa formal pola publicación na tarde de onte da Resolución sen negociación previa.
Demostra un comportamento totalmente antidemocrático.
Non se pode alegar urxencia algunha cando levan dous meses sen facer nada neste aspecto e cando ademais estaba convocada para hoxe a Mesa Sectorial.
A CIG-Ensino solicitou formalmente, xunto cos demais sindicatos, a comparecencia urxente en Mesa Sectorial dos secretarios xerais técnico e de educación para que dean conta das decisións que están a tomar relacionadas coa covid e que afectan ás condicións de traballo e de protección de riscos do profesorado.
Chamada de atención da CIG-Ensino sobre o uso partidario da Xunta ao alimentar a polémica na avaliación, promoción e titulación do alumnado
Desde o sindicato amosamos a nosa queixa polo uso partidista dunha administración pública como é a Consellaría de Educación no referido á avaliación neste curso 2020/21. O propio conselleiro tense referido ao Real Decreto publicado polo MEFP como o do “aprobado xeral”, desprezando deste xeito o papel central que os equipos docentes deben ter nas decisións sobre avaliación, promoción e titulación do noso alumnado.
Lamentamos que o goberno galego opte, para os seus propios intereses partidarios, por buscar artificialmente liñas de confrontación co goberno español en vez de darlle o protagonismo ao profesorado.
En vez de dedicarse a facer política a golpe de titulares, o que a comunidade educativa agarda da Consellaría é que xestione correctamente esta crise sanitaria que vai camiño de ser educativa. E que o faga pensando que solución se lle pode dar a un sistema educativo co maior índice de alumnado repetidor de toda a UE.
Unificación de criterios no caso de docentes conviventes con persoas con síntomas compatíbeis coa covid
Na reunión de onte co conselleiro, con presenza da Directora Xeral de Saúde Pública, a CIG-Ensino fixo fincapé na confusión creada coa existencia de dúas instrucións contraditorias (a de Educación dicindo que non pode acudir ao centro até que se coñeza o resultado da proba e sexa negativo e a de Sanidade indicando o contrario). En resposta á nosa queixa, o Director Xeral afirmou que se vai cambiar o criterio de Educación, obrigando a persoas conviventes a acudir aos centros educativos. Queremos expresar a nosa queixa e desconformidade con esta medida e demandan e que se rectifique. Esta decisión non se toma por garantías sanitarias senón porque non hai rastrexadores dabondo e non se realizan as probas PCR con rapidez.
Nova partida de máscaras para profesorado e alumnado
Nesa mesma reunión co conselleiro fomos informados de que hai un stock de 60.000 máscaras para distribuír ao profesorado e que a compra deste material vai estar centralizado pola Consellaría. Sobre isto, facemos as seguintes consultas:
- As novas máscaras de reparto xeral van ser como as actuais? A Consellaría xa sabe que a inmensa maioría do profesorado non as usa porque as considera, con toda a razón, inseguras. A CIG-Ensino considera que sempre que haxa unhas boas condicións nas aulas (grupos reducidos, boa ventilación, garantía de uso de máscara polo alumnado) se deben usar as cirúrxicas. No resto das situacións a máscara debe ser unha FFP2.
- Máscaras transparentes. Parece ser que xa hai máscaras transparentes homologadas. Hai centros que xa as mercaron. A administración ten que dotar delas a alumnado (NEAE) e profesorado, tanto de especialidade que o requiran como especialmente as compañeiras e compañeiros con xordeira profunda a quen aínda non se lles deu solución ao seu problema.
Non responderon alegando que é responsabilidade da Secretaría Xeral.
Adxudicación fraudulenta dunha praza no Equipo de Orientación Específico de Ourense en Comisión de Servizos.
Como xa denunciamos na Mesa do 6 de outubro ao respecto dunha praza no EOE de Lugo, estamos diante dun caso de adxudicación ilegal dunha praza, neste caso en Ourense. No ano 2013 queda vacante a praza da especialidade de Discapacidade Sensorial. Nos cursos 2015, 2016 e 2018 houbo convocatoria pública desta praza que quedou deserta porque, segundo a comisión avaliadora, ningunha persoa candidata acadaba o mínimo exixíbel.
O día 1 de setembro de 2020 aparece unha persoa no EOE para facerse cargo desta especialidade en comisión de servizos sen ningunha explicación previa por parte da administración sobre este nomeamento, cunha opacidade absoluta. A relación de parentesco entre a inspección e a persoa que accede á praza é xa motivo de recusación e de anulación do destino. A CIG-Ensino defende en todas as situacións nas que houbo convocatoria pública que se tire da lista das persoas participantes e se non a houbo que se abra un prazo para que opte a praza quen o desexe, evitando as cacicadas.
Como única resposta anúnciasenos a futura convocatoria do Concurso especifico para os EOE.
É necesario un reforzo da atención educativa e emocional ao alumnado con necesidades específicas e especiais
Este alumnado foi e segue a ser un dos grandes damnificados desa crise sanitario-educativa. O “plan” de ensino virtual só menciona un papel de control nas orientacións dos centros. É preciso deseñar un plan de atención que poida dar unha resposta individualizada e non deixe colgado a este alumnado.
Carencia de persoal coidador
Aínda que non é competencia desta Mesa queremos deixar constancia das queixas e solicitudes de máis persoal coidador.
Oferta insuficiente de Mestrados nas universidades galegas
A apertura de listas con persoas tituladas sen mestrado puxe en evidencia a deficiente organización do mapa de titulación do SUG. Demandamos solucións para que o persoal que remata os graos nas universidades galegas poida facer os mestrados en educación secundaria.
A administración educativa non pode seguir botando balóns cara as universidades galegas, ten que sentarse con elas e chegar a un acordo que facilite que o persoal licenciado que queira facer o mestrado poida facelo sen ter que recorrer a pagar grandes montantes económicos a universidades privadas de fóra do noso país.
Chamamentos do Programa Arco e funcións nos centros
Solicitamos confirmación do día no que van comezar os chamamento e queremos saber tamén se vai haber indicacións específicas para os centros e docentes contratados xa que ao se prestar o servizo neste curso en horario lectivo non sabemos como se vai realizar mais todo indica que non vai ser como en cursos anteriores.
Comezarán a chamar para cubrir as vacantes a finais desta semana ou principios da que vén.
Recollida do material do anterior CXT
Salvo erro pola nosa parte o persoal que participou no CXT do ano pasado aínda non foi chamado para que recollera o material dos apartados de valoración subxectiva, cando se vai abrir ese prazo para a recollida do material do CXT, xa chega tarde posto que se vai solapar co prazo do CXT actual e en moitos casos este material terá que volver a ser presentado.
O profesorado que solicita nova baremación só vai ter que indicar que o material xa está en posesión da administración.
Problemas coas clases grupais nos CMUS
Chegáronnos queixas de conservatorios pola inseguridade que se crea nas clases grupais de instrumentos de vento en espazos con escasa ou mala ventilación. Hai casos nos que se recorreu a purificadores con filtro HEPA e noutros nos que non se adoptou ningunha medida. Preocúpannos as condicións nas que traballa o profesorado, que por suposto debe contar con máscaras FFP2 proporcionadas polo centro mais tamén o alumnado que se expón a un risco maior. Solicitamos unha valoración específica destes riscos.
Remate das obras no CEIP Xanza Baño de Valga.
As obras comezaron o 8 de agosto e seguen sen rematar interferindo na labor docente, sendo o profesorado o que impediu os traballos en horario lectivo, pero aínda así hai dependencias que non se poden usar, como o ximnasio. Instamos a rematar canto antes e pedimos datas concretas.