Información da mesa sectorial. A mesa desenvolveuse os días 20 de marzo e o 10 de abril

Directoras, atención preferente, excedencias coidado familiares, Currículo EOIs, PIALE, reintegro gastos individuais, licenzas de formación, filosofía no Bacharelato...

Na CIG-Ensino consideramos unha falta de respecto institucional que o presidente da Mesa Sectorial de Educación non estea presente no órgano de negociación existente entre a administración e as organizacións sindicais. Hai que lembrarlle ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos que ten unha función representativa que non debe delegar, polo que nos negamos a presentar ningunha achega no apartado de Rogos e Preguntas.

En calquera caso, as nosas aportacións seranlle remitidas por escrito aos responsábeis da administración para que as teñan en consideración e esperamos que tomen nota de cara a vindeiras convocatorias da Mesa de negociación.

Orde do día.

1. Aprobación, se procede, da acta da sesión celebrada o 20 de febreiro de 2018.

Aprobouse a acta cunhas pequenas correccións propostas pola CIG Ensino.

2. PROXECTO DE ORDE do ...de marzo de 2018 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da Dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. Orde do ---- de marzo de 2018 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización a alumnado de atención preferente.

4. Instrucións sobre o uso fraccionado da situación de excedencia voluntaria por coidado de familiares.

5. Anteproxecto de Decreto polo que se establece o currículo dos niveis Básico A1, Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de Réxime Especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Anteproxecto de Decreto polo que se establece o currículo do ciclo de grao superior correspondente ao título de técnico deportivo superior en Piragüismo de Augas Bravas, e técnico deportivo superior en Piragüismo de Augas Tranquilas.

  • Información da mesa

    Posta en marcha da oferta. A CIG-ENSINO critica que a publicación deste Decretos non responda á iniciativa de ofertar estes estudos por parte da rede pública senón á oferta dun centro privado, como tamén pasou coa titulación de Vela. Aínda que esteamos a falar dunha demanda limitada, non deixa de ser sintomático que actividades deportivas como estas, cunha forte presenza no noso país, non conten con oferta nun centro público.

    Ratios.
    En sintonía coa demanda permanente da CIG-ENSINO, demandamos que a ratio máxima fixada no artigo 14.1 e  no Anexo IV. (1/30) se reduza a 20. A redución da ratio no módulo de perfeccionamento de slálom debería quedar en 10. Solicitamos que se recolla expresamente que se desdobrarán os cursos ou módulos que superen os 20 alumnos ou alumnas.
    Impartición en galego
    Solicitamos que figuren explicitamente os módulos de obrigada impartición en galego para cumprir a lexislación vixente. Débese garantir un mínimo do 50% en galego e isto non se está a cumprir a día de hoxe. Por tanto, deben figurar os mínimos en función da carga horaria dos módulos. 
    Tamén debe figurar expresamente na Disposición Adicional 1ª que, dentro das medidas necesarias e das instrucións precisas que a Consellaría de Educación adopte para a impartición de módulos a distancia, estará a garantía de que os materiais estean en lingua galega, algo que a día de hoxe non se cumpre na maioría dos contidos de módulos a distancia.
    A Consellaría debe garantir que o alumnado que non cursou estudos previos en Galiza (Disposición Adicional 3ª) poda obter a competencia lingüística no noso idioma.

7. ORDE do --- de febreiro de 2018, pola que se regulan aspectos relativos á organización das materias do bacharelato establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, para os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. (Filosofía).

8. Orde do __ de __ de 2018 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2018.

9. Orde do __ de ____ do 2018 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) para o ano 2018.

10. RESOLUCIÓN do __ de __ de 2018 pola que se convocan licenzas por formación para o curso 2018/19 destinadas ao funcionariado docente non universitario e se aproban as bases de concesión.

11. Rogos e preguntas.

Na CIG-Ensino consideramos unha falta de respecto institucional que o presidente da Mesa Sectorial de Educación non estea presente no órgano de negociación existente entre a administración e as organizacións sindicais. Hai que lembrarlle ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos que ten unha función representativa que non debe delegar, polo que nos negamos a presentar ningunha achega no apartado de Rogos e Preguntas.

En calquera caso, as nosas aportacións seranlle remitidas por escrito aos responsábeis da administración para que as teñan en consideración e esperamos que tomen nota de cara a vindeiras convocatorias da Mesa de negociación.

  • Varios que serán presentados por rexistro

    Oposicións.

    Corrección de erros da convocatoria.

    A CIG-Ensino mantén as reclamacións que presentamos no seu día na Mesa Sectorial sobre as oposicións con respecto ás titulacións concordantes para quedar en listaxes de substitución sen aprobar a primeira proba. Mantemos, polo tanto, o alegado aquí con respecto aos Graos e á Diplomatura de Relacións Laborais que aparecían como titulacións afíns en 2014 para integrar a listaxe de substitucións da especialidade de Procesos Comerciais e que agora non se contemplan. A isto engadimos a antiga Diplomatura de Turismo, que si aparecía no borrador que veu a esta Mesa Sectorial e que desapareceu do texto da orde finalmente publicada. Son moitas as persoas que se dirixiron a nós para esixir que tanto o Grao como a Diplomatura en Turismo sigan sendo consideradas titulacións afíns.

    En xeral, pedímoslle á Consellaría que recapacite e que inclúa en todos os casos a concordancia entre as antigas licenciaturas e enxeñarías cos actuais graos. De feito, nun primeiro momento e ante as dúbidas suscitadas entre o persoal opositor podía pensarse que era un erro ou mesmo un esquecemento na redacción da convocatoria. E cónstannos que incluso funcionarios e funcionarias da Consellaría así informaron ás persoas que se puxeron en contacto coa administración para preguntar por que aparecían as licenciaturas e non os graos dos mesmos estudos. Neste sentido, tamén recibimos queixas na especialidade de Procesos Comerciais de titulados e tituladas en Publicidade que ven como só se contempla a antiga licenciatura e ao revés, persoas que teñen a antiga Enxeñaría Química e que se verán obrigadas a aprobar a primeira proba da oposición na especialidade de Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, mentres que o actual Grao si que se acepta. Con respecto a esta reclamación, o pasado 3 de abril remitímoslle ao conselleiro unha comparativa pormenorizada dos plans de estudos da antiga Enxeñaría Química e do actual Grao para que comprobase como as diferenzas existentes entre ambas titulacións non xustifican que a primeira quede excluída do listado de estudos habilitantes para realizar substitucións na especialidade do corpo de PES xa mencionada, así como da do corpo de Profesorado Técnico de FP, Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos, na que só aparece recollido o Grao en Enxeñaría Química Industrial.

    Como vimos de indicar, son moitas as queixas que este desaxuste entre titulacións motivou. Outro caso bastante clamoroso é o das persoas tituladas no Grao en Odontoloxía que, malia seguir sendo de cinco anos de duración, “quedan fóra” das catro especialidades da familia profesional de Sanidade que se convocan este ano e nas que si se contempla a antiga licenciatura como titulación concordante: Procesos de diagnóstico clínico e produtos ortoprotésicos, Procesos Sanitarios, Procedementos Sanitarios e Asistenciais e Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico.

    Así  pois, instamos á Consellaría a revisar e a corrixir no DOG as disparidades detectadas entre titulacións porque estamos certos de que, na maior parte dos casos, as diferenzas existentes entre os plans de estudos pre e pos-Bolonia non xustifican as exclusións que vimos de mencionar. E, en todo caso, estamos ante unha situación que discrimina a certas persoas con respecto a outras por cuestión de idade, polo momento de finalización dos estudos universitarios e mesmo pola adaptación ou non ao Plan Bolonia das carreiras que posúen.

    Problemas varios coa matrícula.

    A aplicación sobre todo a de pagos ten eivas que hai que solucionar e ten que funcionar todos os días.

    Outro erro no texto da convocatoria.

    Debería corrixirse a redacción no apartado J do Anexo XI: Rúbricas de programación (Corpo de PES). O título debería ser: Calidade da defensa/exposición oral.

    Opcionalidade tamén para primaria.

    A CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao Conselleiro para que tamén se inclúa a escolla entre dúas opcións na parte práctica da oposición ao corpo de mestres. Esta decisión suporía unha unificación de criterios da primeira proba para todos os corpos, xa que en anteriores convocatorias esta instrución non era homoxénea.

    Concurso-oposición real. 

    Coincidindo con que nas próximas datas se vai celebrar o sorteo dos membros dos tribunais -que serán os encargados de xulgar este procedemento selectivo, agás da presidencia dos mesmos que, como sabemos a Consellaría seguirá nomeando a dedo-, instamos á administración a que vele porque se cumpra a normativa da convocatoria e este sexa un concurso-oposición real. Respectando en todo momento a imparcialidade e potestade que teñen os tribunais, o que está claro é que a tendencia dos últimos anos, sobre todo nas especialidades do corpo de Secundaria, amosa que practicamente chegan á fase do baremo de méritos as mesmas persoas que prazas ten que outorgar cada tribunal. Isto desvirtúa o nome do proceso selectivo que acaba sendo unha oposición pura e dura e, polo tanto, esperamos que este ano a fase de concurso sexa un paso máis no procedemento.

    Substitucións.

    Detectamos problemas coas continuidades das substitucións durante os períodos non lectivos, chegando a pedir “informes” ás direccións para continuar, esperemos que sexan casos puntuais, que reclamaremos, e que non se repita.

    Conciliación.

    Recentemente vimos de escoitar o anuncio do presidente Feijoó dun Plan de conciliación e corresponsabilidade no que se recolle para o funcionariado galego ampliación até as sete semanas do permiso para a outra persoa proxenitora, así como a implantación doutro permiso adicional de catro semanas que poderá coller tanto a nai como o outro proxenitor, con redución de retribucións. Como xa fixemos en Mesas anteriores instamos a que reúna a Mesa Xeral de Función Pública con carácter inmediato para negociar medidas de conciliación reais e efectivas e, no que ten a ver coas competencias propiamente da Consellaría de Educación, que se modifique a Orde de permisos e licenzas para estender os permisos por parto, adopción e acollemento e para a outra persoa proxenitora.  Neste sentido, a CIG-Ensino mantén a súa proposta de ampliar en tempo o seu goce e de equiparar ambos os dous permisos, que serían intransferíbeis. Sabemos que hai outros territorios como Euskadi no que están implementando estas melloras e en Galiza precisamos dunha verdadeira mellora.

    Coordinacións.

    As coordinacións dos centros plurilingües incompletos, así como as de “pluriinfantil” van puntuar ou ao ser un centro incompleto non van puntuar? Esperemos que si puntúen, xa que sería pouco entendíbel que a todas as problemáticas destes centros se sumara esta diferenza.

    Recoñecemento Servizos

    Sabemos que a Consellaría está a traballar para actualizar o cómputo deses servizos mais o prazo que se fixara foi novembro e non se cumpriu. A xente que participa no CXT podía ter computados eses méritos e non os ten. Demandamos que se hai reclamacións se acepten e que, desde logo, estea todo listo para as oposicións. Non aceptarán reclamacións no CXT e procurarán telo feito para as oposicións.

Volver