Información da mesa sectorial da ordenación e currículo da educación infantil

Celebrada o mércores 9 de marzo

Decreto ordenación e currículo de educación infantil

Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia. Ligazón

Ligazón ao CIG-Informa do Decreto que se estabelece a ordenación e o currículo da educación infantil.

Varios

Ligazón ao CIG-Informa de varios da mesa sectorial.

Cobertura das baixas.

Desde a CIG-Ensino volvemos solicitar da administración que se cubran todas as baixas do profesorado unha vez detectado que non se están cubrindo as baixas de tres ou catro días, aínda que sexan por causa da pandemia.

A administración galega quere pasar a unha situación prepandemia na que a Covid pasou a ser un comodín que usa ou non ao seu convir, esquecendo a situación de esixencia máxima que está vivindo o profesorado nos centros educativos nestes momento

Desde a CIG-Ensino esiximos que se cubran todas as baixas e que se volvan realizar os chamamentos todos os días. 

Que o trasladarán á dirección xeral de centros e recursos humanos.

Novos CIFP?

Como todos os anos volvemos as andadas, reunións do Secretario Xeral con direccións nas que trasladan intencións de converter IES en CIFP, neste caso, e polo momento, temos rumores ou dúbidas en Chantada, Vilagarcía e Pontevedra.

Chantada: ao IES Val do Asma comunícaselle que pasará a ser un CIFP pasando toda o seu alumnado da ESO e bacharelato ao IES Lama das Quendas. Non vai crear un CIFP, van agrupar ensinanzas nos distintos IES. O cal, aínda que a administración non o anunciou, é, segundo a CIG-Ensino, poñerlle data de caducidade a un dos centros.

Vilagarcía:  ao IES Bouza Brey comunícaselle que pasará a ser un CIFP e que todo o seu alumnado de ESO e Bacharelato pasará ao IES Armando Cotarelo Valledor. O IES Bouza Brey pasará a ser un CIFP, pero non saben se xa o será no curso 2022-2023.

Pontevedra: o IES Frei Martín Sarmiento pasaría a ser un CIFP. A conversión non vai ser inmediata, pero anuncian que en Pontevedra teñen que reorganizar toda a Formación Profesional. 

E mentres tanto asígnanse prazas ao través do Concurso Xeral de Traslados nos IES que van ser convertidos en CIFP co prexuízo que iso vai ter para o persoal que participa no CXT. Alegan que van facendo segundo poden, que non lle ven problema dado o garantista que é a normativa para o profesorado suprimido ou desprazado.

Pago da quilometraxe

Desde o 2005 para todo profesorado e desde o 2008 para o profesorado itinerante o pago por quilómetro polo uso do coche particular está en 0,19€/km, mentres que o gasóleo nese mesmo período de tempo pasou de 1,14 €/l a 1,5 €/l no mellor dos casos, por non falar das subidas do prezo dos neumáticos, seguros…

Cando vai a Consellaría a actualizar estas dietas? Non contestan.

Probas libres nas EOIs

Como todos os anos a falta de persoal de reforzo destinado a cubrir e corrixir as probas libres de Galego foi a tónica en todas as escolas.

Estas probas libres das EOI deste curso que a CIG-Ensino xa ten levado á mesa sectorial e contra as que incluso presentou recurso pola modificación que se establece nas datas das probas libres que se cambiaron para o mes de febreiro eliminando as mesas das seccións volven ser a mellor mostra da forma de traballar da Consellaría de Educación nas ensinanzas de idiomas: improvisación e recortes.

A Consellaría non tivo previsión á hora de nomear o persoal para corrixir as probas e este foi nomeando polas reclamacións e protestas das direccións das escolas, que quedaron parcialmente sen atender en moitos casos. Deste xeito, o traballo das correccións, moitas delas presenciais, foise acumulando até dar xornadas maratonianas de case 12 horas para o profesorado ao cargo das avaliacións.

A CIG-Ensino considera que a Consellaría debería ter previsto a data de presentación de instancias ás oposicións e a marxe temporal coa que as EOI contan para fixar os calendario de certificación das avaliacións, xa que vai darse o caso de que dependendo da Escola na que se examine cadaquén a certificación poderá ter efectos para a fase de concurso das oposicións deste ano ou non. O lóxico e normal sería que a Consellaría asumise a responsabilidade de fixar un calendario unificado que permita que todas as certificacións das probas libres entren dentro do prazo de matrícula nas oposicións, que este ano rematou o 21 de febreiro.

A todo este despropósito das probas libres hai que sumar que hai especialidades das EOI que tiveron que suspender as aulas das modalidades ordinarias pola falta de espazos e profesorado, algo sobre o que xa advertimos desde o sindicato cando recorremos as instrucións deste curso. Mesmo se deu o caso de profesorado que viu variado o seu horario e incluso centro de traballo durante este período.

Desde a CIG-Ensino reclamamos á Consellaría que planifique estas probas co tempo suficiente, que as realice no momento do curso adecuado e que as dote do persoal necesario, evitando unha sobrecarga de traballo inasumíbel e unha desorganización da marcha normal do curso académico.

Entenden que o cambio a febreiro mellorou a situación pero que aínda así tentarán que siga mellorando, de todas formas adiantan que están por diante os dereitos do alumnado que o do profesorado, “se hai que facer un esforzo hai que facelo”.

Plan Dixital nos centros

Unha vez máis a administración obriga a realizar un traballo burocrático,  laborioso e, en ocasións, totalmente inútil como a redacción do Plan Dixital. 

Demandamos que se dea flexibilidade aos centros para adaptar este plan ás súas características e que entre as actuacións da administración con respecto ao mesmo estea a de garantir dotación de recursos para aqueles centros que o precisen poñendo o foco nos centros do rural que teñen dificultades con todo o que ten que ver co eido da tecnoloxía.

Din que o plan dixital é xustamente para poder garantir esa dotación nos centros onde se vexa que non teñen o material axeitado.

Bacharelato Xeral

Ten pensado a Consellaría con que criterios se vai decidir que IES van poder impartir o Bacharelato Xeral que se implantará o curso que vén?

Din que teñen que tomar a decisión con moita prudencia, que nas cidades tentarán que haxa un centro ou dous por cidade que teñan esa especialidade pero que no resto de Galiza, aínda que buscarán non discriminar ao alumnado, priorizarán os outros bacharelatos.

Volver