A Consellaría rectifica: duplícanse as prazas que se ofertarán nos procesos selectivos de 2022

Mesa sectorial do 29 de marzo. Negociación OPEs derivadas da Lei 20/2021

1.101 prazas a concurso excepcional e 115 prazas de concurso oposición  que se sumarán coas xubilacións deste ano 2022 para o concurso oposición a celebrar no verán do 2023 (seguramente ao redor dunhas 1.000 prazas). Esta é magnitude da rectificación da Consellaría de Educación, que pasou de falar dunhas 500 prazas a concurso e un número moi inferior a concurso oposición a duplicar as prazas do concurso.

Na Mesa a Consellaría deu resposta ás alegacións da CIG-Ensino.

Como xa dixemos, os criterios xerais da Consellaría coinciden en liñas xerais cos propostos pola CIG-Ensino mais existen discrepancias nas que insistiu o sindicato.

  • A Consellaría aceptou parcialmente a nosa solicitude de que non se tivesen en conta as reducións de cargos directivos. Só terán en conta os centros clasificados como tipo A exceptuando os centros de infantil e primaria. Afirman que nestes centros os integrantes da dirección teñen redución total ou, cando menos, de 14 horas. A CIG-Ensino considera como positivo o cambio, xa que permite ofertar máis prazas, mais insiste en que esa redución non afecta por igual en todas as especialidades. De aí que o sindicato propuxese que esa posíbel redución se revisase por especialidades, sen aplicar os desconto de prazas xeral. A Consellaría alegou que ten que incorporar unha norma que sexa “coherente e igual” e que se aplique con carácter xeral “por seguridade xurídica”.
  • Transparencia nos datos. A Consellaría vai proporcionar os datos que lle solicitou a CIG-Ensino: se xa no documento entregado na Mesa aparecen diferenciadas as prazas totais por especialidade pola súa procedencia (DA6, DA8 e Artigo 2), tamén se comprometeron a remitirnos a relación completa, praza a praza, centro a centro, para poder revisalas e presentar alegacións se consideramos que hai máis prazas que deben saír. A CIG-Ensino solicitou que, a maiores, na relación de prazas ocupadas por profesorado definitivo con reserva de posto se indique o motivo (permisos sindicais, comisións de servizo etc).
  • O carácter estrutural das prazas e o cálculo das praza temporais. A CIG-Ensino insistiu en que as prazas derivadas da DA6 poderían partir do cómputo de todas as prazas adxudicadas no CADP e non só do persoal interino. De feito, o texto da Lei, como xa lle fixemos ver á Consellaría, non indica na DA6 que o persoal que as ocupe teña que ser “de natureza temporal”. Non podemos garantir que así se obtivesen máis prazas xa que tamén aumentaría moito o número de prazas a descontar polo profesorado con reserva de posto de traballo, mais consideramos que é un criterio menos arbitrario. Tamén hai discrepancia na revisión do carácter estrutural curso a curso e a Consellaría mantén este criterio. 
  • A data de referencia para o cálculo das prazas. A Consellaría non acepta mudar o reconto de prazas a 30/09/2021. A CIG-Ensino considera que a data debe ser a que se fixa como referencia na lei (decembro de 2020). Que diferenza hai? Na data que nós propoñemos (decembro de 2020) había un maior número de prazas ocupadas por persoal interino, o que elevaría a oferta de prazas para ambas OPE (concurso e oposición). Por que non a acepta a Consellaría? Por dous motivos:
          • O argumento legal está claro e é unha escusa perfecta: o acordo sindical do Goberno estatal con CCOO, UGT e CSIF, que se traspón literalmente na Lei, di expresamente que “da resolución dos procesos de estabilización non poderá derivarse, en ningún caso, incremento de custo nin de efectivos”. De se computar na data proposta pola CIG-Ensino, a Consellaría afirma que se ampliarían os cadros docentes e se ofertarían máis prazas que profesorado interino hai no cómputo global. Isto é o resultado de non eliminar a taxa de reposición e de aceptar o “mantra” (xa por terceiro acordo consecutivo) de que o límite actual de persoal no sector público, tamén do profesorado, non se toca.
          • Con todo, temos claro que a Consellaría non tiña nin a menor intención de incrementar docentes aínda que puidese. Temos hoxe menos profesorado que cando Feijóo chegou ao poder.
  • Situación do profesorado que imparte docencia en especialidades que non poden ser convocadas. A Consellaría afirma que non poden ser ofertadas e que non teñen outra alternativa. As especialidades máis afectadas son Orientación no corpo de mestres e Prácticas e actividades no extinto corpo de PTFP, aínda que tamén hai máis especialidades cunha incidencia reducida. 
  • Profesorado especialista. A CIG-Ensino solicitara maior concreción. Na listaxe entregada aparecen en vermello as especialidades ocupadas con profesorado interino con nomeamento como profesorado especialista. Nestas non convocarán oposición nin concurso.
  • Prazas da quenda de discapacidade no concurso. No caso improbábel de que quedasen libres  pasarían á quenda libre, como no concurso oposición ordinario.

Cadro resumo das prazas.

Información entregada pola Consellaría ao comezo da reunión.

Cadro resumo.

Ligazón ao cadro resumo

Listados por especialidades, concurso excepcional e concurso oposición extraordinario.

Ligazón aos listados.

Todos os datos para revisar as prazas ofertadas pola Consellaría.

Documentos feitos a partir da información remitida pola Consellaría.

Ligazón á  nova

Os datos que axudan a entender o cambio da Consellaría.

O día 11 de xaneiro, xusto antes de anunciar o conselleiro as prazas a convocar nas oposicións que terán lugar este mes de xuño, os responsábeis da Consellaría reúnense coa CIG-Ensino. Nesa reunión a CIG-Ensino anuncia que está a facer un estudo sobre como se deberían determinar as prazas derivadas da Lei 20/2021. Os datos, aínda provisionais, apuntaban a unha oferta que debería duplicar, como mínimo, a cifra anunciada ese día polo conselleiro e así o fixemos público. A Consellaría afirma que os seus datos son moi diferentes aos nosos e que non superan as 500-600 prazas.

No mes de febreiro a CIG-Ensino dá traslado á Consellaría dos criterios sobre os que está feito o seu traballo de control das prazas a ofertar. O sindicato trasladou aos máximos responsábeis de persoal da Consellaría as cuestións que consideraba fundamentais á hora de fixar uns criterios claros para determinar que prazas se deberían ofertar nas OPE de concurso excepcional e do concurso oposición extraordinario e alertou novamente da enorme diferenza entre as cifras coas que conta o sindicato ao respecto do que segue mantendo a Consellaría e reitera que revisará unha a unha as prazas que non se oferte. Isto foille trasladado ao conselleiro na reunión que mantivemos con el o 21 de febreiro.

Os estudos realizados pola CIG-Ensino partiron dos seguintes criterios.

Partimos da revisión de todas as adxudicacións de destinos provisionais (CADP) desde o curso 2015/16 ao actual para comprobar que prazas cumprirían os requisitos da Lei 20/2021.

Revisamos todas as prazas adxudicadas con dous criterios:

    1. Contabilizamos todas as prazas con independencia de que fosen adxudicadas a persoal interino ou non. 
    2. Contabilizamos só o persoal interino.

Con cada un destes criterios, fixemos o seguinte:

  • Revisamos as prazas que cumpren o requisito da DA6: prazas ocupadas todos os cursos desde antes de xaneiro de 2016 e que sempre estiveran ocupadas por persoal interino (aínda que non sexa pola mesma persoa interina).
  • Revisamos as prazas que cumpren o requisito da DA8 (unha vez “apartadas” as prazas da DA6): prazas que no actual curso 2021/22 están ocupadas por profesorado interino cunha antigüidade (como interino) anterior a xaneiro do 2016. Neste caso non temos en conta o tempo que leve sendo temporal a praza, senón a persoa.
  • A suma dos dous criterios anteriores danos a suma total de prazas “en bruto” que deberían saír a concurso excepcional. 
  • Revisamos as prazas que cumpren os requisitos do artigo 2 (unha vez “apartadas" as que deberían saír a concurso): prazas ocupadas neste curso 2021/22 por persoal interino e que a praza se adxudicara a persoal interino desde antes de xaneiro de 2018. O resultado que obtemos son as prazas “en bruto” que deberían saír a concurso oposición. 
  • Os nosos estudos parten dos CADP (datos públicos accesíbeis por todo o mundo), polo que non computan as interinidades adxudicadas a posteriori da adxudicación informática durante o mes de setembro (co que sabiamos que os nosos cálculos eran de mínimos xa que faltarían algunhas prazas).

Varios da Mesa Sectorial.

Ligazón ao CIG Informa cos varios da mesa.

Cobertura das baixas.

Día tras día a Consellaría borra unha media de 20 baixas subidas polos centros educativos. En concreto, tal e como constata o sindicato no seguimento que fai diariamente desta problemática, como polas numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto, elimina todas as baixas que non superen os 10 días, sen importarlle que sexan por positivo Covid ou non. Cómpre lembrarlle á Consellaría que se un equipo directivo sube unha vacante é porque a precisa, polo que está vulnerando o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan.

Desde a CIG-Ensino esixímoslle á administración unha rectificación urxente nesta política de cobertura das baixas e que sigan realizando os chamamentos todos os días. Así mesmo, animamos os centros educativos a que sigan subindo todas as vacantes que precisen, sexa cal sexa a súa duración e causa, incluso que as volvan subir despois de que llas borren, como xa detectamos que están a facer nalgún colexio ou instituto.

Din que xa estamos nunha situación postcovid, e que así van actuar salvo en casos excepcionais.

Modificación do perfil das prazas nos centros durante o curso escolar.

Levamos un tempo en que a inspeccións modifica os perfís de certas páxinas a súa vontade, nomeadamente as prazas de orientación.

 Non é de recibo que nunha praza sen itinerancia se presione á docente para que acepte que durante este curso se varíe o perfil e se converta en itinerante, sen darlle sequera a posibilidade de participar como suprimida no CXT, algo que por dereito lle pertence, esperemos que esta situación non se repita e, sobre todo, que ao finalizar o curso se lle dea a posibilidade de suprimirse.

Último exemplo: A praza de Orientación do CPI dos Dices (Rois) foi adxudicada no CXT como unha praza sen compartir. A día de hoxe a titular da praza fai parte do seu horario noutro centro, no CEIP Plurilingüe de Pumar-Urdilde como centro adscrito, sen que conste en ningún lugar esta situación.  Esta situación causa grave prexuízo ás necesidades que o CPI dos Dices presenta, e tampouco son suficientes as horas que se lle adican ao CEIP Plurilingüe de Pumar Urdilde, causando prexuízo a ambos centros. 

Segundo o subdirector de centros e recursos humanos de modificarse o perfil, pasar a ser itinerante, o profesorado definitivo ten dereito ser suprimido, tal cal nós esixíamos.

Redución de oferta no Val do Asma (Chantada) e no Gregorio Fernández (Sarria).

Na mesa do 9 de marzo se nos comunica que o IES Val do Asma non pasará a ser un CIFP, pero que van agrupar ensinanzas de FP nel, o cal para a CIG-Ensino é poñerlle data de caducidade a este centro.

Tamén vemos como se modificou, xa neste curso a oferta de Formación Profesional no IES Gregorio Fernández, pasando de ordinaria a modular, o cal, adianta a desaparición destas ensinanzas no citado IES.

Tema da Secretaria Xeral, o director xeral di que a día de hoxe non ten constancia de cambio algún.

Inclusión da Prevención do risco suicida no Plan de Alerta Escolar.

Entendemos o paso dado como positivo xa que é un primeiro paso para recoller a nosa demanda sobre a necesidade de concretar actuacións para salvagardar a saúde mental de profesorado e alumnado, pero iso, é un paso insuficiente que se ten que vir acompañado de persoal con formación específica nos centros educativos, así como atención e formación específica para o profesorado e non cun novo protocolo como adoita facer a Consellaría.

Prazas de atención preferente.

A idea da administración é convocar este ano prazas de atención preferente, a orde virá á mesa posteriormente á publicación das resolucións definitivas do CXT, que está prevista para a vindeira semana.

Normativa Oposicións.

A currículo de aplicación para as oposicións é o currículo en vigor no momento da publicación da convocatoria, é dicir, o vello.

Volver