A Consellaría pretende negociar o luns un Acordo que non recolle ningunha das medidas que leva solicitando o profesorado galego para mellorar as súas condicións de traballo e a calidade do ensino público

Nesta mesa vanse negociar o acordo de melloras das condicións laborais do profesorado galego e o CXT

A CIG-Ensino venlle de solicitar formalmente ao Director Xeral de Centros e RRHH que adíe a Mesa Sectorial convocada dun venres para un luns, o que amosa unha falta de respecto sobre a representación sindical do persoal docente.

Desde o sindicato maioritario rexeitan que un documento que leva por título “Acordo”, aínda que no seu contido sexa absolutamente impresentábel porque non atende ás demandas de recuperación do horario e de redución de ratios xeneralizadas e de burocracia por parte do profesorado galego, se envíe cunha fin de semana de antelación para a súa “negociación” e solicita o seu adiamento cando menos até o martes, día ordinario de celebración das Mesas Sectoriais.

Como sempre podedes enviarnos calquera achega a galiza@cig-ensino.gal

Malia que a CIG-Ensino demandara que a Consellaría abrira negociacións antes de rematar este mes e que hoxe envía esta proposta, o sindicato considera que a súa presión tivo froitos pero no único no que cumpre é no prazo de apertura de negociacións, como un intento de frear as mobilizacións do profesorado.

A proposta enviada pola Consellaría só acomete unha baixada de ratios en infantil e primaria a 10 anos vista,que xa se vai producir de forma natural pola nefasta política demográfica do goberno da Xunta, e deixa fóra as etapas de Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial así como os centros de Educación Especial. Así mesmo, incorpora un leve incremento salarial nos sexenios para todo o profesorado, vinculado a que se obteña acreditación de competencia dixital, aínda que para o seu labor docente sexa máis necesaria outra capacitación, e subas nos complementos dirixidos exclusivamente a premiar cargos, funcións directivas, inspeccións e asesorías da Consellaría.

A CIG-Ensino insistirá nas demandas que realmente necesita o profesorado galego para recuperar os dereitos perdidos nos últimos 14 anos e sobre todo para mellorar a atención ao noso alumnado, centradas na volta ás 18 e 21 horas lectivas nas que Galiza seguirá á cola do Estado en recuperar, na redución de ratios en todas as etapas e de forma inmediata e na eliminación da maior parte das tarefas burocráticas que ten o persoal docente abafado e afastado do seu labor principal.

Información da mesa sectorial

Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

Ligazón ao borrador do acordo

Concurso Xeral de Traslados

Recordade que este ano o concurso é de ámbito galego.

Ligazón ao texto do CXT

Ligazón ao CIG-Informa do CXT con toda a información da súa negociación na mesa sectorial.

Varios

Ligazón ao CIG-Informa dos varios

  • Constitución formal da mesa sectorial

    A CIG-Ensino solicita a constitución formal da mesa sectorial provinte das eleccións de decembro de 2022.

    Recordamos que a mesa estará formada por 8 representantes da CIG-Ensino, 4 de CCOO, 2 de ANPE e un de UGT.

    A administración di que está pendente de función pública.

  • Polos Creativos

    O sindicato esixe o nomeamento como persoal interino do profesorado que vai substituír ás coordinadoras ou coordinadores e a quen só se lles fai nomeamento até 30 de xuño

    O pasado 1 de xuño de 2023 o presidente da Xunta de Galiza anunciou a dotación de Polos creativos no 100 % dos centros educativos a partir do actual curso. Nese momento estaban pendentes aínda as convocatorias de persoal asesor da Consellaría e as prazas de nos centros de formación do profesorado (CFR), polo que se puido ter aproveitado esas convocatorias para incorporar os postos necesarios para a atención destes novos “polos creativos”.

    Porén, en ningunha desas dúas convocatorias apareceron as novas prazas, o persoal que até ese momento coordinar e a CIG-Ensino advertiu na Mesa Sectorial do 13 de xuño que o persoal que até o curso pasado atendía os 225 centros que xa tiñan este programa eran un número totalmente insuficiente para coordinar total dos centros galegos.

    Non foi até o 28 de setembro, cando a Consellaría tomou a decisión de  facer chamamentos para cubrir as prazas de 30 persoas que foron nomeadas sen convocatoria previa e dun xeito improvisado e irregular.

    A CIG-Ensino denuncia esta discriminación e solicita que os nomeamentos con fin de contrato a 30 de xuño se transformen en interinidades.

    A administración resposta que non vai nomear persoal interino -pagarlles o verán- xa  que son contratados con fondos finalistas da Unión Europea que ten que complementar e xa é un gasto moi grande.

  • Renuncia a vacantes de substitución de media xornada

    Ante as queixas que nos traslada persoal substituto de que no momento dos chamamentos, se renuncian a unha praza a media xornada se lles está aplicando unha renuncia xeral para todo o curso para este tipo de vacantes, a Consellaría matiza que isto non dá lugar a interpretacións e que se mantén o criterio de que se renuncia só a esa praza.

  • Problemas nas substitucións

    Desde a CIG ensino temos coñecemento que a menos de 15 días de comezar o curso xa hai problemas na cobertura de substitucións e mesmo de interinidades nalgunhas especialidades.

    Por outro lado, desde a CIG-Ensino solicitamos que o goberno do partido popular se adiante aos graves problemas que xa hai en moitas comunidades para atopar persoal para as listaxes de substitucións nalgunhas especialidades, instando á Consellería a facer un estudo das necesidades do sistema educativo para dotalo de profesorado suficiente, e recordámoslle que o primeiro que precisa é facer atractivo o labor docente para que as persoas tituladas queiran traballar como docentes, e iso pasa por mellorar as nosas condición laborais, que nos últimos anos sufriron un deterioro continuado.

    A Consellaría admite o problema, que segundo eles se acrecenta pola non convocatoria de oposicións ordinarias este ano, xa que os listados de substitucións tamén se nutren destas convocatorias.

    Di que a solución pasaría por ofertas amplas de emprego, que por certo é responsabilidade súa, a que espera?

  • A CIG urxe a aplicación do permiso parental de 8 semanas e a actualización do pago de dietas por quilometraxe

    O sindicato trasladou tanto á Consellaría de Educación como a Función Pública, de quen están pendente en última instancia os cambios e adaptación da normativa estatal para a súa plena aplicación ás empregadas e empregados públicos da Xunta, que se dea luz verde canto antes tanto á actualización das axudas de custe (dietas) como ao permiso parental que está paralizado á espera de que se desenvolva a nivel galego.

    O subdirector xeral indica que enviará unha comunicación ás xefaturas territoriais para que quede claro que está en vigor a nova redacción do permiso por enfermidade ou hospitalización.

Volver