• CSACoruña.png
  • CSVigo.png

Información da mesa sectorial do 20 de febreiro

Oposicións a Cátedras de música, Concurso a prazas de convenios e Varios

A administración galega segue pechada ao debate da estabilidade do profesorado interino e case non aceptou achegas nos textos a negociar nesta mesa.

Orde do día:

1.- Aprobación, se procede, das actas das sesións celebradas o 24 de outubro de 2017 e  6 de febreiro de 2018.

A CIG Ensino non vai aprobar as actas posto que non recollen o que sucedeu nas citadas mesas.

2.- Proxecto de orde pola que se convoca procedemento de acceso ao corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas, nas especialidades vinculadas ás ensinanzas superiores de música.

Borrador

CIG Informa

Cátedras ofertadas e profesorado actual.

3.- Proxecto de orde pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería.
4.- Rogos e preguntas.

CIG Informa

Acordo persoal interino

Pedimos que expresamente se confirme que a nosa solicitude da pasada Mesa Sectorial ao respecto da consolidación do posto na listaxe de Organización e Xestión Comercial do profesorado interino de Administración de Empresas se acepta por parte da Administración e que non terán que presentarse exclusivamente á nova especialidade, podendo facelo a calquera corpo, especialidade ou ámbito territorial. 

A administración acepta que na pasada mesa contestou negativamente, pero que posteriormente modificou a redacción para que recolla a nosa petición.

Aproveitamos de novo para lembrar que a Consellaría segue sen pagar os meses de verán a quen traballou 5 meses e medio sen que existan razóns para manter este recorte. 

A Consellaría vense negando a abrir a porta á estabilidade do persoal interino, especialmente daquelas persoas que teñen máis tempo de servizos ou unha maior idade. Agora vemos como hai comunidades que xa avanzan nesta dirección, como é o caso da Comunidade Valenciana. Instamos de novo a reconsiderar a cerrazón a esta posibilidade de acordo, máxime coa preocupación que agora mesmo existe en moitas compañeiros e compañeiras. Non van negociar ningún acordo de estabilidade.

Listaxes de substitución

A Consellaría ten que ser máis dilixente á hora de xestionar a apertura de listaxes. Non pode volver acontecer o que pasou en portugués, cunha docente sen substituír durante 5 semanas nunha EOI, ou a non substitución en fagot no CMUS de Compostela.

Servizos prestados nas EOIs

Solicitamos, como fixemos para as oposicións, o recoñecemento dos servizos prestados nas EOI como se fosen en IES no CXT para docentes de idiomas (inglés, francés, galego) que van desde as listas de PES. A administración non o acepta.

Titulacións Concordantes

Titulacións para quedar en listas nas oposicións Desde a CIG-Ensino fixemos propostas e queremos saber se se revisaron e aceptaron. As titulacións de Diplomado en Relacións Laborais nin a de Grao en Relacións laborais e Recursos Humanos ademais de incluírse en Procesos Comerciais tamén debería figurar para Organización e Xestión Comercial (figuraba na apertura de listas de ADE). Tamén solicitamos información sobre a nosa solicitude para as listaxes de Portugués. (Grao en Galego-Portugués) e Equipos Electrónicos (Enxeñaría Naval e Oceánica). A administración resposta que se están estudando as posíbeis modificacións.

Novos permisos

Tamén vemos como outros gobernos dan pasos adiante nos permisos dos e das empregadas públicas. O Goberno Vasco vén de presentar unha proposta que coincide coa que a CIG defendeu na negociación dos permisos modificados na Lei de Emprego Públicos: mesma duración dos permisos de parto e da outra persoas proxenitora. Felicitámonos por ver que hai gobernos con sensibilidade para avanzar e lamentamos que non fose o noso goberno. Instamos á Xunta a dar os pasos necesarios para poder acadar ese dereito. 

Aínda que non se precisa cambiar a orde polos novos permisos na Lei, somos partidarios de que faga unha modificación da nosa orde para recoller a flexibilización do permiso do outro proxenitor para equiparalo ao de parto, permitindo que en casos de hospitalización do neonato se poda agardar polo goce do permiso e, se procede, pedir unha redución de xornada mentres estea hospitalizada a crianza. Non o van aceptar por instrucións de Función Pública.

Baremos oposicións A2-A1 e A1-A1

Vemos no anexo III que só se puntúan os cursos non inferiores a 30 horas (2.1) e non inferiores a 100 horas (2.2.), cada apartado con 1,5 puntos como máximo. Non se puntúan, por tanto, todos os cursos inferiores a 30 horas. En cátedras de CMUS non o facedes así, o cal entendemos que é correcto. Non o aceptan.

Vacantes CXT

Hoxe publicouse a resolución provisional do CXT e de Orientación. A Consellaría non cumpriu co seu compromiso de convocar ás OO.SS. para negociar as vacantes dos diferentes corpos. Desde a CIG-Ensino fixemos entrega dunha serie de peticións concretas e de estudos globais por centros e especialidades que deixaban clara constancia da inmensa marxe para ampliar vacantes. Temos información dalgunha Xefatura Territorial de que hai un incremento sobre a as vacantes previamente anunciadas. Queremos que a Dirección Xeral confirme esta información e que nos proporcione unha listaxe completa das vacantes adxudicadas (excluídas as resultas). Demandamos que antes da adxudicación definitiva se fixen dúas reunións técnicas (corpo de mestres e corpos de secundaria) para estudar pormenorizadamente as diferentes propostas e o posíbel incremento de vacantes. Non van negociar máis vacantes. Por parte da Subdirección Xeral, tendo en contra as nosas peticións -non todas-, aumentáronse as vacantes con respecto ás previstas.

Filosofía

A Consellaría publicou un comunicado indicando que neste trimestre se publicaría “unha orde ou instrución” para que a Historia da Filosofía fose de oferta obrigatoria en todas as modalidades de Bacharelato. Instamos á Consellaría a traer á Mesa Sectorial a modificación do Decreto ou a orde que corresponde, xa que afecta á organización dos centros e á carga lectiva do profesorado (e non só do de Filosofía).

Comisións Concilia

Non se publicou a orde que pasou pola mesa. Solicitamos que se nos envíe o borrador para contrastar as achegas feitas antes de publicalo. Vai ir directamente ao DOG, non van remitir o texto previamente.

Equipos de Orientación Específicos

Demandamos que se abran listaxes para que se anote o profesorado funcionario de carreira que estaría disposto a cubrir as prazas que quedan vacantes cando non hai xente nas listas do concurso de méritos ou non se convocaron as prazas recentemente. Non pode ser unha decisión arbitraria da inspección educativa. Utilizan os listados de xente que non accedeu á praza, pero se estas non queren, nomean excepcionalmente.

Recoñecemento de Servizos Prestados

Sabemos que a Consellaría está a traballar para actualizar o cómputo deses servizos mais o prazo que se fixara foi novembro e non se cumpriu. A xente que participa no CXT podía ter computados eses méritos e non os ten. Demandamos que se hai reclamacións se acepten e que, desde logo, estea todo listo para as oposicións. Non aceptarán reclamacións no CXT e procurarán telo feito para as oposicións.

Baixas de máis de 90 días

Demandamos que os problemas existentes coa Consellaría de Facenda se solucionen canto antes. Queremos saber se existe xa o informe xurídico pendente. Non estamos de acordo con que se restrinxa o pagamento do complemento a persoas que foron hospitalizadas ou con intervención cirúrxica. Debe ser para todas. Pendentes dun informe xurídico da Xunta, a Consellaría di que quere pagar en todos os casos máis que aínda non saben que decidirá Función Pública.

Elección de horario das persoas con redución de xornada por coidado de filla con cancro ou enfermidade grave

Estase dando algún caso de persoas que piden a redución antes do inicio de curso e con tempo para adecuar o horario ás necesidades familiares e, sen embargo, non se ten en conta esta situación, dificultando así a atención ao fillo ou filla. Non o van tocar.

Auxiliares de conversa

Temos detectado que non se cobren algunhas substitución de titulares que renuncian ao seu posto.

Non figura na orde do día remitida pola administración, quedando pendente para unha próxima mesa sectorial.

Anteproxecto de Decreto polo que se establece o currículo dos niveis Básico A1, Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de Réxime Especial na Comunidade Autónoma de Galicia. Ligazón

Volver