Información da mesa sectorial do estado para a negociación da modificación do RD de acceso e ingreso
A mesa desenvolveuse o martes, 21 de decembro
A CIG-Ensino evidenciou na Mesa Docente estatal que o profesorado interino e o conxunto de persoas que aspiran ao ensino público pagan de novo as consecuencias de lexislar de costas á realidade dos corpos docentes
O Ministerio actuou con improvisación e falta de rigor e respecto ao marco de negociación. Remitiu con menos de 12 horas de antelación (21:30h) un segundo borrador. Na reunión a CIG-Ensino demandou con rotundidade que non se dea por pechada a “negociación” e que se convoquen as reunións que sexa necesarias para dar resposta ás propostas que fixemos.
Se finalmente non se fai así quedará clara que o Ministerio despreza o profesorado e só se limita a “negociar” coas CC.AA. (con quen mantivo tres reunións), convertendo unha Mesa de negociación nun puro trámite. Ante as reiteradas preguntas da CIG-Ensino ao respecto, o secretario xeral do Ministerio só garantiu que se nos remitiría un novo texto coas posíbeis incorporacións dalgunhas das achegas feitas mais sen se comprometer a novas reunións, alegando que “prima a urxencia por publicar o Real Decreto”. Para a CIG-Ensino queda claro que o que prima son os problemas das diferentes administracións educativas, comezando polo MEFP e non a necesidade de negociar como é debido.
En todo caso, a CIG-Ensino formulou propostas concretas partindo da base do documento do Ministerio, claramente mellorábel e que non responde para nada á realidade do profesorado galego, presente e futuro. Fixémolo coa coherencia e determinación de ter defendido desde sempre o que agora se demostra que sería a mellor solución ao abuso de temporalidade e a facer convivir a reparación con aquel profesorado interino con maior tempo de traballo efectivo coas expectativas dese outro persoal interino con escasa antigüidade e das aspirantes sen experiencia previa, é dicir, coa nosa posición estratéxica pola dobre vía, que agora se demostra como legal mais que non se enfoca correctamente.
Cuestións xerais sobre a situación actual e o proceso de negociación
Todos os feitos acontecidos desde a indecencia do acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF en xullo de 2021 até a proposta que se presenta na Mesa Docente estatal, pasando pola tramitación parlamentaria para corrixir o desastre do acordo sindical estatal confirma o que a CIG-Ensino vén declarando desde hai anos:
- A mellor norma estatal é a que non existe ou, no seu caso, a que non impide que os procesos selectivos se poidan acomodar á realidade galega. A modificación do RD de ingreso na función docente non o fai nin de lonxe.
- Partindo de que os dos docentes son corpos estatais, tamén se confirma a denuncia da CIG-Ensino de que as normas e acordos que se fan pensando en todos os empregados e empregadas públicas en xeral, como a Lei para a redución da temporalidade que dá lugar á modificación do RD 276/2007 son unha tremenda limitación para dar unha resposta adaptada ao ensino público. Mentres as condicións de ingreso do persoal docente dependan de normas xerais para todo o funcionariado, teremos as mans atadas dobremente: como docentes, polo que nos fai depender das normas xerais e que non serven para nós; como galegas e galegos, porque as regras de xogo se fixan en Madrid en función de intereses e realidades que non teñen por que coincidir, como é o caso, coa nosa realidade.
Hai unha evidencia moi clara na situación actual, logo da aprobación da Lei de redución de estabilidade e do texto presentado polo Ministerio: mentían quen desde hai anos negaron a viabilidade legal da proposta da CIG-Ensino dun proceso extraordinario de dobre vía, tanto desde os gobernos como, sobre todo, desde as organizacións sindicais estatais. Agora confírmase que se podía regular mediante unha lei un sistema extraordinario, que de feito pode ser unha dobre vía no sentido do que a CIG-Ensino vén defendendo, malia unha serie de desacordos importantes que destacamos a seguir.
A proposta de dobre vía da CIG-Ensino: legal, posíbel e mellor adaptada á realidade docente
A formulación que a CIG-Ensino vén defendendo non incluía o sistema único de concurso porque eramos conscientes das tremendas complicacións que podería ter ao non se poder facer con carácter restrinxido.
A alternativa da CIG-Ensino ao sistema proposto é a mesma que levamos defendendo desde hai anos e é oportuno que se poña agora en contraste co que se vai aprobar:
A nosa proposta: un proceso dobre e simultáneo de ingreso na función docente, diferenciando os procesos en función da natureza das prazas.
Ambos deben ser abertos para poder garantir a súa legalidade, partindo da xurisprudencia do Tribunal Constitucional: pode non gustarnos, mais o que non fará nunca a CIG-Ensino é presentar propostas que saibamos que van rematar coa anulación dun proceso selectivo e a tremenda frustración que isto implica. Vexamos:
- proceso de estabilización de emprego temporal: a CIG-Ensino considera que a do concurso é unha fórmula que pode traer moitas complicacións. Ao ser aberto calquera persoa poderá presentarse a todos os concursos que se convoquen, só con cumprir os requisitos de titulación exixidos. Así, unha persoa non só poderá presentarse en todas as CC.AA. que queira, senón en varios corpos e especialidades en cada unha desas CC.AA. aínda que o baremo, tal e como propoñía a CIG-Ensino, reforza os servizos prestados na especialidade pola que se presenta. Por iso a CIG-Ensino aposta por un sistema de concurso-oposición extraordinario no que o concurso sexa claramente definitorio, e dentro deste, a puntuación por experiencia docente na especialidade, mais no que haxa que facer algún tipo de proba ou presentación dunha programación, memoria etc, que implique a presenza física das persoas aspirantes diante dun tribunal. Neste proceso deben incorporarse todas as prazas que estiveron ocupadas temporalmente máis tempo do que se fixa na lexislación para que se convoquen a oposición: no caso actual, todas as prazas ocupadas durante máis de tres anos. Este sistema debe ser extraordinario e o seu obxectivo é, unha vez realizado, que todas as prazas estruturais se oferten a oposición no ano seguinte á súa dotación por persoal interino, evitando deste xeito que se repita a situación actual, para o que tamén é necesario e fundamental que se elimine a limitación da taxa de reposición no sector educativo.
- proceso ordinario de reposición de prazas: un proceso selectivo no que a oposición teña máis peso que o concurso e que, solucionado o problema do abuso da contratación temporal, sexa o permanente. Este sistema debería coincidir simultaneamente co extraordinario, no ano que este se celebre, para que as persoas aspirantes, malia poderen matricularse libremente de ambos, optasen por aquel que máis lles beneficia. Neste caso, incluiríanse todas as prazas produto de xubilacións, defuncións etc (unha cifra que no caso de Galiza, mais tamén en xeral no Estado, garante ofertas amplas, próximas ás 1.000 prazas anuais, nos próximos anos, tal e como se pode comprobar no estudo feito pola CIG-Ensino sobre o número de profesorado fixo galego maior de 55 anos por especialidades).
A resposta da CIG-Ensino á proposta do Ministerio de Educación de modificación do RD de ingreso
As limitacións impostas, tanto pola Lei xeral como polo obriga de negociar no ámbito estatal cunha regras do xogo marcadas e que limitan enormemente, non vai impedir que desde a CIG-Ensino fagamos unha serie de consideracións e propostas para mellorar a proposta do Ministerio:
Un único Real Decreto, tres modelos diferentes que deixan quedar en dous.
Hai que ter claro o que pretende o Ministerio coa modificación proposta. Por un lado, non modifica o sistema ordinario do RD 276/2007, un sistema que leva anos sen aplicarse e seguirá varios máis sen facelo, vista a proposta ministerial. Ese sistema, para a CIG-Ensino, está desfasado e debería actualizarse e aplicarse ás prazas de reposición. Nin estamos de acordo coa ponderación de oposición e concurso, nin coa estrutura do proceso en si, mais iso non nos pode facer mirar cara outro lado: a Lei que dá pé á modificación do RD fixa que o concurso-oposición extraordinario é para dous tipos de prazas: aquelas ocupadas temporalmente con anterioridade a xaneiro de 2018 e aqueloutras das oposicións anteriores que quedasen desertas ou que non se convocasen. É dicir, que todas as demais prazas (por resumir, as xubilacións) terían que ter unha norma ordinaria e non extraordinaria.
É obvio que a complexidade provocada por facer todo tarde, mal e arrastro, é enorme: para axustarse plenamente ao que se regula na Lei de redución da temporalidade, no ensino público terían que convivir neste mesmo ano 2022 (e nos seguintes) tres modelos diferentes para os procesos selectivos, todos abertos a quen se queira presentar:
- proceso excepcional con concurso: computan as prazas ocupadas temporalmente desde antes do 1 de xaneiro de 2016.
- proceso extraordinario de concurso-oposición coas partes da fase de oposición (teórica, didáctica) non eliminatorias: computan prazas ocupadas temporalmente con anterioridade a xaneiro de 2018 así como prazas desertas. No caso de Galiza non hai prazas de OPE pendentes.
- proceso ordinario de concurso-oposición: reposición de efectivos (xubilacións etc)
O Ministerio argumenta na exposición de motivos que os procedementos selectivos que se convoquen nos anos 2022, 2023 e 2024 serán todos idénticos, coas mesmas “normas e criterios”. O argumento é simple: “evitar unha dualidade…que dificultaría a xestión e tramitación e podería xerar confusión tanto nos aspirantes como nos órganos de selección, xerando situacións de desigualdade non xustificadas”. É dicir, dáse prioridade ás cuestións técnicas sobre á adecuación á natureza das prazas a ofertar. Quen coñeza a marcha das oposicións en moitas CC.AA., con moitos procesos sen convocar, e por conseguinte con altos índices de temporalidade, próximas nalgúns casos ao 50%, entenderá que se adopte esta medida. Como CIG-Ensino poderiamos compartila se esa fose a nosa realidade, mais non o é.
Á CIG-Ensino preocúpalle enormemente a falta de seguridade xurídica ao optar por agrupar nun único modelo de concurso oposición extraordinario as prazas que expresamente responden a ese criterio coas que non (xa que son de reposición), tendo en conta a estrita e precisa identificación da natureza das prazas que fai a Lei de redución da temporalidade como norma de rango superior.
Para a CIG-Ensino, a adaptación ao estrito marco legal imposto pasa por dar a máxima seguridade a todos os procesos.
- CONCURSO EXCEPCIONAL: a cuestión fundamental deste proceso non está en como se formula, con toda a importancia que ten o baremo, senón nos criterios á hora de ditaminar as prazas, que para a CIG-Ensino debe levar a que se oferten por esta vía todas as prazas ocupadas provisionalmente desde antes de xaneiro do 2016 (agás aquelas con funcionariado de carreira con reserva de praza) e non só as ocupadas por persoal interino, debido ao sistema de destinos provisionais galego que adxudica prazas na mesma resolución -CADP- a funcionariado de carreira sen destino definitivo e persoal interino. A diferenza entre facelo dun ou doutro xeito pode implicar unha enorme diferenza de prazas.
- CONCURSO-OPOSICIÓN ORDINARIO: para todas as prazas definidas como de reposición. Neste caso, a CIG-Ensino demanda que se negocien igualmente cambios neste sistema ordinario, algo ao que se nega o Ministerio. A CIG-Ensino considera que debe facerse e presenta unha proposta que require unha modificación mínima dada a urxencia dos prazos, e que debe recoller o carácter non eliminatorio das actuais partes A e B (teórico e práctico) do exame da especialidade, cunha nota mínima de 5 para superar a 1ª proba e a mesma nota mínima para a 2ª proba (presentación de programación e defensa dunha unidade didáctica). A ponderación debe ser 60% da oposición e 40% do concurso. No sindicato somos conscientes da necesidade de introducir cambios máis importantes no modelo ordinario (comezando polos temarios, o maior grao de obxectividade das probas, maior transparencia e concreción na publicación das rúbricas de corrección, dereito a reclamación durante o proceso así como o anonimato en todas as probas que non requiran exposición pública). Con todo, debemos primar a garantía de que non se paralicen as oposicións, polo que buscamos unha saída que implique melloras sobre a actual estrutura.
- CONCURSO-OPOSICIÓN EXTRAORDINARIO: para o resto das prazas que cumpran cos requisitos fixados na Lei.
PROPOSTAS DA CIG-ENSINO NO CONCURSO OPOSICIÓN EXTRAORDINARIO (disposición transitoria 4ª)
As nosas propostas están condicionadas polo debate xeral sobre a coexistencia co concurso oposición ordinario ou non.
CONCURSO OPOSICIÓN. SISTEMA EXTRAORDINARIO |
|
BORRADOR MINISTERIO |
PROPOSTA CIG-ENSINO |
Fase de oposición |
|
Valor ponderado: 60% (vinculado á Lei) O tribunal só fai pública a nota final e global.
|
Valor ponderado: 60% Deben facerse públicas as notas de cada parte unha vez rematada cada unha ou, cando menos, ao final da fase de oposición.
|
Fase de concurso |
|
Só se acada esta puntuación sumando méritos nos tres bloques de puntuación: 10 puntos entre os tres e en total. |
A puntuación da suma dos tres bloques pode ser superior á puntuación máxima total: 12 puntos entre os tres bloques e 10 como máximo, que se poderían obter combinando a puntuación dos apartados de experiencia, formación e outros méritos como se detalla a continuación.
|
Experiencia previa |
|
|
Nun proceso excepcional como este compartimos que se prime a puntuación na especialidade mais entendemos que non se pode deixar de puntuar a experiencia noutras especialidade e corpos. Non é de recibo que non se puntúen mentres que si se fai con servizos en centros privados. |
Formación académica e permanente (ELIMÍNASE A PERMANENTE. NOVIDADE 2º BORRADOR) |
|
O borrador remite a un Anexo I que na actualidade só se refire á formación académica |
Máximo 2 puntos |
Outros méritos |
|
|
Máximo 3 puntos en todo o apartado de “outros méritos”
|
Non se indican criterios de desempate |
En caso de empate na nota da fase de oposición debe fixase o criterio de desempate na fase de concurso. De se producir un empate tamén na nota máxima desta fase (10 puntos) debe indicarse o criterio de desempate: - No caso de que se mantivese o empate, puntuación en cada un dos subapartados de cada bloque |
Acreditación do coñecemento da lingua cooficial nas CC.AA. con lingua propia |
Acreditación do coñecemento da lingua cooficial nas CC.AA. con lingua propia que será considerado como requisito. |
Fase de prácticas |
O profesorado cun determinado tempo de servizos en centros públicos (por exemplo, 2 anos) estará exento da fase de prácticas. |
PROPOSTAS DA CIG-ENSINO NO CONCURSO EXCEPCIONAL (disposición transitoria 5ª)
Toda vez que non podemos movernos do marco do concurso para o sistema excepcional, con todas as súas eivas e complexidades, a CIG-Ensino presentou as seguintes propostas, co obxectivo de darlle maior puntuación ao elemento que pode limitar, xa que non impedir, que o concurso deixe de ter os efectos que a CIG-Ensino considera fundamentais nun proceso destas características, é dicir, que na medida do posíbel se consolide o persoal con maior tempo de servizos prestados nas especialidades que se convoquen, cumprindo co obxectivo de dar resposta ás medidas reparadoras para o abuso de temporalidade que a propia xustiza europea sinala aínda que sen concretar como.
CONVOCATORIA EXCEPCIONAL. CONCURSO ÚNICO |
|
BORRADOR MINISTERIO |
PROPOSTA CIG-ENSINO |
Só se acada a puntuación máxima sumando méritos nos tres bloques de puntuación: 15 puntos entre os tres e en total. |
A puntuación máxima da suma dos tres bloques pode ser superior á puntuación máxima total: 15 puntos entre os tres bloques e 10 como máximo. |
Experiencia previa |
|
|
|
Formación académica e permanente (ELIMÍNASE A PERMANENTE. NOVIDADE 2º BORRADOR) |
|
- Máximo 3 puntos |
- Máximo 3 puntos |
Outros méritos |
|
|
Máximo 4 puntos en todo o apartado de “outros méritos”
|
Non se indican criterios de desempate |
En caso de empate na nota máxima (10 puntos) debe indicarse o criterio de desempate: - No caso de que se mantivese o empate, puntuación en cada un dos subapartados de cada bloque |
Acreditación do coñecemento da lingua cooficial nas CC.AA. con lingua propia |
Acreditación do coñecemento da lingua cooficial nas CC.AA. con lingua propia que será considerado como requisito. |
Fase de prácticas. ELIMÍNASE. NOVIDADE 2º BORRADOR) |
Non se pode exixir a fase de prácticas xa que esta ten un carácter eliminatorio ao considerarse como unha parte máis do proceso selectivo. Ao se tratar dun concurso non cabe esta opción. |
Outros aspectos:
O Ministerio non presenta ningunha proposta para o cambio de corpo ou de especialidade e o normal sería aproveitar esta modificación do RD para incorporar, sequera con carácter transitorio, un sistema máis simple para poder facelo.
Das respostas do Ministerio cabe salientar:
- O Ministerio considera que a acumulación de prazas de estabilización e de reposición é legal e que se pode argumentar que se aplique o mesmo réxime xurídico a prazas de natureza diferente nun mesmo marco temporal.
- Non se meteron no debate que provocou a CIG-Ensino sobre o tema da obriga de ter que sumar puntos nos tres bloques para chegar ao máximo da puntuación. Para a CIG-Ensino, se se acepta a nosa proposta de incorporar a formación permanente en outro méritos, é un aspecto central.
- O Ministerio comprométese a revisar a puntuación da formación permanente que, de se incorporar, iría no bloque de outros méritos (como vén sendo a norma nos procesos selectivos en Galiza desde hai moitos anos).
- Van revisar a puntuación dos diferentes subapartados da experiencia previa (para puntuar noutras especialidades).
- Revisarán o tema dos desempates mais consideran que pode estar xa recollido co actual Regulamento que non cambia
- Non pode haber exención da fase de prácticas para persoal interino con 2 anos de experiencia porque vén fixada na lei.
- A determinación das prazas que deben ir a concurso excepcional será competencia das CC.AA. O Real Decreto non pode entrar niso.
Segundo borrador do RD, enviado ás organizacións sindicais con tan só 12 horas de antelación. Ligazón
Primeiro borrador do RD polo que se modifica o Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes aos que se refere a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso ao que se refire a disposición transitoria decimo sétima da citada lei. Ligazón
Outros temas tratados na mesa sectorial
- PROFESORADO DE FP. Unha vez aprobada a Lei Orgánica de FP o Ministerio debe convocar con urxencia unha Mesa para negociar os procesos de integración. O MEFP non volveu convocar esta Mesa e hai profesorado que leva un ano co requisito de acceso ao corpo de PES sen poder exercer ese dereito. Con independencia de que os cambios introducidos na Lei non son suficientes para a CIG-Ensino que defende a creación dun único corpo docente e, nese camiño, a integración de todo o PTFP a extinguir no corpo de PES, o certo e verdade é que agora temos un marco legal co que temos que traballar. Urxe facelo, por cuestións de ingreso nas futuras oposicións de quen é persoal interino, por cuestións retributivas e de organización interna nos centros para acomodar para quen se integre nos corpos de PES e no novo de PESFP, así como de mobilidade para os futuros concursos de traslados e adxudicacións de destinos provisionais. O Secretario Xeral indica que a aprobación da LOPF é inminente e se nos convocará inmediatamente.
- NEGOCIACIÓN DUN ESTATUTO DO PERSOAL DOCENTE. Na liña do que empresamos na nosa intervención, para a CIG-Ensino o mellor Estatuto é o que regule as condicións de traballo e a carreira profesional do profesorado galego. Se ten que existir un marco estatal, debe ser de mínimos e debe ter o mesmo rango que o Estatuto Básico do Empregado Público, pasando a substituílo por completo. Só así evitaremos no futuro ter as nosas condicións de ingreso, as titulacións de ingreso (véxase o caso da extinción do PTFP) ou a nosa carreira profesional, supeditadas ao marco de negociación xeral da función pública.
- ADAPTACIÓN DA MODIFICACIÓN DO EBEP AO ÁMBITO EDUCATIVO. A nova disposición adicional 17ª do EBEP incorporada pola Lei de redución da temporalidade incorpora unha das medidas máis lesivas pactadas por CCOO, UGT e CSIF co Goberno. Di así: “Todo acto, pacto, acuerdo o disposición reglamentaria, así como las medidas que se adopten en su cumplimiento o desarrollo, cuyo contenido directa o indirectamente suponga el incumplimiento por parte de la Administración de los plazos máximos de permanencia como personal temporal será nulo de pleno derecho”. Este texto fai referencia ao tempo máximo de 3 anos como persoal interino. A CIG opúxose radicalmente a esta desfeita para o persoal interino, sexa da administración que sexa. O borrador da nova Lei do Sistema Universitario recolle que o profesorado universitario substituto só poderá estar 3 anos nun posto, aínda que o seu titular non se incorpore. A CIG-Ensino demandará que no ámbito educativo a xestión do persoal interino dependa exclusivamente das CC.AA. que para algo son as que xestionan realmente o seu persoal (lembremos que o Ministerio de Educación só xestiona o profesorado de Ceuta e Melilla). En todo caso, a nosa posición é rotunda: os contratos do profesorado son anuais, polo que nunca se debe aplicar a norma descrita no acordo sindical e non se deben poñer limitacións a pactos de estabilidade para o profesorado interino, na liña do que defende en Galiza a CIG-Ensino.