Información da mesa sectorial da orde de convocatoria do CXT

Tamén se tratou a orde do concurso de orientación e a orde que engade un anexo V á que establece os centros e postos cualificados de especial dificultade

Novidades importantes CXT 2021.

Prazo de solicitudes: 3 ao 23 de novembro

Segundo o borrador, as datas definitivas despois dunha reunión entre ministerio e CCAA

Só se pode participar por medios electrónicos e con rexistro único en sede.xunta.gal

As únicas excepcións serán documentos en formatos non admitidos na sede electrónica ou que excedan dos tamaños máximos permitidos 

Haberá dous procedementos electrónicos específicos:

  • ED012A para participar no CXT.
  • ED011A (baremo) só no caso de que se queira actualizar ou modificar o expediente (alegar ou presentar de novo a documentación para o baremo).

Para as publicacións (libros ou revistas) non se teñen  que achegar orixinais, só portada e contraportada. 

Poderán ofertarse vacantes nos CIFP para especialidades do corpo de PES para impartir módulos da FP Básica. Poderán adxudicarse de oficio.

Non haberá concurso de adultos.

Concurso de ámbito galego

Concurso Xeral de Traslados

Borrador da ORDE: ligazón

CIG Informa: ligazón

Concurso orientación de primaria

Borrador da orde: ligazón

CIG Informa: ligazón

Modificación Anexo centros especial dificultade

Borrador da Orde: ligazón

CIG Informa: ligazón

Varios

CIG Informa: ligazón

Recorte de comezo de curso. Transparencia e rigor

Solicitamos que a Consellaría nos dea traslado do número total de docentes, segregados por corpos e niveis educativos, e diferenciado funcionariado de carreira de funcionariado interino que había con data 1 de outubro do ano 2019, 2020 e 2021. Esa é proba final que determinará o nivel dos recortes do presente curso escolar, no que para a CIG-Ensino,  recorte está a provocar numerosos problemas en:

- Centros de Infantil e Primaria. Hai centros nos que non se cumpre o catálogo de postos de traballo. Outros nos que os recortes derivaron na desatención de especialidades como PT e AL e tamén casos nos que se transforman postos de traballo a tempo completo en medias xornadas ou en prazas itinerantes.

- Centros de secundaria, FP e réxime especial. Os recortes afectaron a multitude de centros e aínda que nalgúns casos aumentaron prazas o resultado final é claramente un exemplo do recorte brutal da Xunta. A decisión inicial de recortar tamén na oferta de optativas con menos de 5 ou 10 alumnas ou alumnos é un perfecto síntoma da deriva da Consellaría. É unha vergoña que se impedise que o alumnado puidese elixir materias en casos nos que o profesorado do centro era suficiente. Aínda que a rectificación logo da nosa denuncia foi maioritaria, hai centros que finalmente quedaron sen poder impartir esas optativas, o que é un exemplo de arbitrariedade e mala praxe.

Incremento da contratación a media xornada

Constatamos un incremento de contratacións a media xornada. Pedimos que se nos proporcione información de que contratacións son de substitución dunha xornada que unha persoa titular deixa de facer por redución de xornada das que son para cubrir postos vacantes, xa que temos a seguridade de que son a maioría, como produto dos recortes. A Consellaría recoñece o que denunciamos e alega que iso depende das peticións dos centros e da Inspección.

O que xa non din é que, na maioría dos casos, piden esas prazas así pola imposibilidade de pedir prazas completas.

Profesorado contratado con cargo a programas PROA+ e ARCO

Hai docentes contratados con cargo a estes programas que están dando docencia con carácter ordinario, cubrindo na práctica as carencias dos recortes. A Consellaría debe aclarar a través da Inspección  educativa que este profesorado está para reforzar, non para facerse cargo a tempo completo do currículo dunha materia e mesmo de avaliala. O contrario sería usar dun xeito fraudulento uns fondos destinados a outro fin por parte do Fondo Social Europeo, o Ministerio e a propia Xunta. Como sindicato estamos a favor de que se contrate máis profesorado para desdobrar aulas, aumentado o cadro de persoal en vez de recorrer a contratos programa que teñen un carácter puntual e limitado. Sa a Consellaría opta por autorizar funcións diferentes debe negocialo nesta Mesa Sectorial, xa que afecta ás condicións de traballo do persoal docente.

Parécenos ben a rectificación da Consellaría no tema da oferta simultánea de contratos ARCO e PROA+ logo de termos detectado o problema e non temos nada que alegar a que se recorra a unha modificación da addenda de persoal interino cos sindicatos asinantes dese acordo. Ora ben, queremos saber se esa modificación é só para saír do paso e non vai sequera a DOG ou se, pola contra, si se vai publicar. De ser así, debe pasar pola Mesa aínda que sexa só por unha cuestión de forma.

A Consellaría recoñece que se tratou simplemente dunha cuestión formal e puntual para evitar problemas coa medida que lle propuxemos.

Orzamentos

Novamente perderemos poder adquisitivo no ano que vén e un ano máis o profesorado substituto quedará sen cobrar o verán se traballa cinco meses e medio. Ningún docente recuperou o salario que perdeu desde o 2010 e xa veñen novos recortes. Se esta é a maneira que teñen os gobernos español e galego de recoñecer o “esforzo” do profesorado, o que están a crear é unha maior desafección e desprestixio de quen nos goberna.

Negociación dos ROC e novos currículos LOMLOE

En maio deste anos preguntamos á Consellaría pola reforma dos ROC. A Consellaría indicou daquela que se estaba na fase de grupos de traballo. Transcorridos máis de cinco meses non tivemos ningunha noticia. Solicitamos información. Tamén nos gustaría manter unha reunión monográfica coa Secretaría Xeral de Educación para coñecer de primeira man que está a defender a Xunta na negociación dos novos currículos e en que medida van afectar á carga horaria do profesorado e a oferta dos centros.

Formación obrigatoria durante o período de prácticas

Solicitamos que a Consellaría permita a simultaneidade dos cursos obrigatorios durante o período de prácticas, xa que forman parte do proceso de selectivo, con outros cursos online. Trasladarán o tema a Formación.

Formación presencial durante o curso 2021-2022

Solicitamos que a Consellaría aclare se ao igual que ocorreu no curso pasado vai considerar os cursos presenciais que se realizan de forma telemática pola situación de pandemia como cursos presenciais, é dicir, vai deixar simultanear un curso presencial-telemático cun curso online? Trasladarán o tema a Formación.

Xestión de formación en centros: máis burocracia e en castelán

A xestión dos programas de formación en centros de traballo debería corresponderlle, como función burocrática que é,  á dirección  xeral de formación. Pola contra cárgase esa tarefa á persoa que leva a coordinación en cada centro. Mais se isto é criticábel, o que non é de recibo é que se teña que cubrir toda a información tamén en castelán na aplicación informática (incluídos os obxectivos e os contidos). Iso nin se lle debe nin se lle pode exixir ao profesorado. Pedimos que se rectifique.  Trasladarán o tema a Formación.

Un toque de atención a CUALTIS: como galegos temos dereito a que os informes médicos estean na nosa lingua

Desde a CIG-Ensino exiximos da Consellaría que dea instrucións a CUALTIS para que os informes da revisión médica que acaba de comezar estean de oficio en galego e que, como empresa prestataria dun servizo público, cumpra coa lei de normalización lingüística.

A Consellaría afirma que para esta campaña non modificaron o prego porque se estaba nunha prórroga do contrato anterior mais confirmar que para a licitación do curso que vén si incluirán o requisito de que os informes se teñan que facer no noso idioma.

A CIG-Ensino non entende xustificada esta demora que amosa unha desidia da Xunta na protección dos nosos dereitos lingüísticos e denuncia tamén a posición da empresa CUALTIS. Con todo, o sindicato felicítase dos efectos da denuncia e da campaña pública do sindicato desenvolvida neste comezo e curso e agarda que o curso que vén estea solucionado. Unha decisión que chega tarde e arrastro mais agardemos que, cando menos, remate ben.

Alumnado sen escolarizar no centro de menores de Rábade e erros nos chamamentos.

No Centro de Menores José Rábade Arias de Rábade a Consellaría tivo sen escolarizar a cinco menores durante un mes enteiro. É unha vergoña. A tutela deste alumando é responsabilidade da Xunta e a administración ten que poñer un especial coidado nestes centros.

Por outro lado, Educación nomeou a semana pasada a dúas profesoras a media xornada sen informalas de que ían traballar nun centro de menores, xa que o que se lles adxudicou foi a EPAPU Albeiros de Lugo. Non se pode volver a repetir este erro. Desde logo se as docentes quixesen reclamar a adxudicación feita a Consellaría ten a obriga de aceptarlla.

Volver