Información da Mesa Sectorial da convocatoria integración do PTFP en PES

Celebrada o martes 25 de outubro

Orde de integración do PTFP en PES

Orde pola que se convoca o procedemento para que o profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se integre no corpo de profesores de ensino secundario. 1º Borrador

2º Borrador da orde de convocatoria

Anexo da orde. Ligazón

Ligazón ao CIG-Informa con toda a información do proceso de integración

A CIG-Ensino insiste en que a Consellaría non deixe ninguén atrás no proceso de integración do profesorado técnico de FP no corpo de profesorado de secundaria.

O sindicato insta á administración a non demorar o proceso de integración máis alá deste 2022 dado que se trata dun trámite sinxelo e que pode facer practicamente de oficio.

Seguir lendo

Integración do corpo de PTFP no corpo de PES

Na Mesa Sectorial tratouse como tema central o procedemento de integración no corpo de PES do profesorado, a extinguir, do corpo de PTFP. A CIG-Ensino reiterou na Mesa todas as demandas que formulamos previamente na negociación co Ministerio e que tamén lle fixeramos chegar, con antelación a esta reunión da Mesa galega, aos máximos responsábeis da Consellaría. Tamén propuxemos melloras e aclaracións ao texto.

Seguir lendo

Rogos e preguntas.

Ligazón ao CIG-Informa dos varios

Ligazón ás novidades sobre o concurso excepcional de consolidación.

  • Outros Varios

    Dereitos arrebatados

    Galiza é unha das cinco comunidades que aínda non recuperou o horario lectivo anterior aos recortes de dereitos do profesorado. Levamos anos demandando a baixada de ratios e a recuperación de 18 sesións en secundaria e 21 en primaria, coas que contabamos até que Feijóo eliminou estas melloras. Exiximos que se negocie xa para recoñecer este dereito para o curso 23/24. 

    Na Mesa Xeral de empregados e empregadas públicas ficou claro que, un ano máis, non se incluirá nos Orzamentos da Xunta para 2023 o pagamento do verán ao persoal substituto que traballe cando menos cinco meses e medio. Unha medida que demostra que o Acordo de condicións de persoal interino non é máis que papel mollado cando lle interesa á administración.

    As ratios seguen a ser un dos problemas fundamentais e a súa redución unha demanda sindical e da comunidade educativa máis sentida.

    A Consellaría non contestou nin se comprometeu á apertura de negociacións sobre a recuperación do horario lectivo, reiterou que xa se nos deu resposta ao tema do pago do verán na Mesa Xeral co mantemento do recorte nos orzamentos do vindeiro exercicio e non entrou sequera a valorar o das ratios.

    CMUS superiores: falta de profesorado e consecuencias da nova sentenza do TC sobre as cátedras

    Até onte mesmo houbo unha situación nos CMUS Superiores que non se pode repetir: houbo vacantes sen cubrir e alumnado sen docentes especialistas en determinadas materias desde comezos de curso. Entendemos que isto se debe á situación creada cos vaivéns provocados polos tribunais de xustiza e a xestión das listas de interinidades. 

    A sentenza do Tribunal Constitucional implica unha emenda á totalidade da sentenza do TSXG que anulou unha base do concurso de acceso a cátedras de 2018. A sentenza do TC é contundente e fixa que ter traballado nos CMUS superiores tiña que terse en conta como requisito para acreditar a formación e a tutela investigadora. A situación que se produce agora é totalmente contraditoria: o TC afirma que é inconstitucional o que a propia sentenza do TSXG ditaminou mais esta última xa esta executada. Un “bucle” xudicial non debe entorpecer un servizo público e a Xunta debe actuar.

    Desde a CIG-Ensino exiximos á Consellaría que tome as medidas axustadas a dereito para evitar unha vulneración dos dereitos fundamentais de quen se viron privados/as da cátedra e que se faga coa máxima urxencia para evitar os efectos dunha sentenza que nunca se tería que ter ditado como se fixo. Se é posíbel, e ten amparo legal, o lóxico sería  restituír ás persoas afectadas na praza anulada. En todo caso, debe buscarse unha solución canto antes. 

    Canto ás listas  de interinidades, solicitamos que se revise a restitución nelas de todo o profesorado interino que, carecendo de máster ou doutoramento, acredita experiencia nos CMUS Superiores, cumprindo así co que indica o TC e que se cubran todas as prazas. De feito, este requisito vinculado á experiencia xa conta para xustificar a tutela investigadora para os próximos procesos selectivos.

    A Consellaría informa que considera que ten moi pouca capacidade de actuación e que así llo trasladou a unha representación do colectivo de persoas afectadas. Nesta semana terán unha reunión coa asesoría xurídica central da Xunta para analizar a situación e tomar a decisión que corresponda.

    Datas de concursos pendentes e demanda de concurso de EPAPU

    Cando vai remitir a Consellaría os borradores das ordes de Orientación de Primaria e do concurso de EOE? Cando ten previsto que poidan publicarse as convocatorias?

    Demandamos concurso de traslados de adultos logo de denunciar que hai 34 prazas entre as EPAPU e o IES San Clemente que están vacantes.

    Non van convocar pero non porque non recoñezan a necesidade senón porque afirman que non teñen capacidade nin recursos humanos para levar adiante un proceso máis dos que xa teñen que xestionar nestes intres.

    Con respecto á publicación da convocatoria do concurso de Orientación indican que se fará unha vez remate o prazo de participación no CXT.

    Negociación na Mesa das novidades previstas na Lei de Emprego Público para o profesorado interino. 

    Polas respostas da Xunta, todo indica que non se van ter en conta as alegacións presentadas pola CIG Mesa Xeral ao texto que vai regular a aplicación ao profesorado interino da nova redacción do EBEP derivada da lei 20/2021. Consideramos que esa decisión sería un erro e que se debería regular como propuxemos, sen fixar diferenzas entre prazas estruturais e non estruturais (aos efectos de permanecer como persoal interino). Demandamos o compromiso de que pase pola Mesa Sectorial calquera modificación que afecte ao futuro do profesorado interino.

    A Consellaría limítase a indicar que, unha vez publicada a lei co texto definitivo, traerán á Mesa Sectorial a normativa para desenvolvela e afirman que non saben aínda se vai existir a nivel estatal unha regulación básica para todo o persoal docente interino.

    Vacantes de persoal en comisión sen cubrir no CADP.

    Temos detectados vacantes de profesorado en comisión de servizos que non se cubriron no CADP,  nun novo exemplo de recortes por parte da Consellaría. Todas as prazas estruturais deben ser cubertas.

    Limítanse a afirmar que se unha praza non se dota é porque non é necesaria para o funcionamento do centro.

    Listas de substitucións

    Preguntamos cando ten previsto a Consellaría actualizar as listas de substitucións, tanto de primaria como de secundaria.

    Afirman que lle dan prioridade ás listas que están próximas a rematar e que van actualizando segundo avanzan, sen concretar nada máis. Indican que os chamamentos se están realizando a partir de listaxes pendentes de publicación.

    Falta de plan de igualdade para o persoal docente 

    Denunciamos novamente a impresentábel negativa de Educación a negociar o plan de igualdade ao que obriga a lei, debendo ser negociado previamente coas organizacións sindicais.

    Non se pronuncian ao ser un tema da Secretaría Xeral Técnica.

    Licenzas de formación.

    Seguimos sen novas claras sobre as licenzas de formación. Comunicóusenos que as licenzas do primeiro trimestre pasarían ao segundo, pero seguen sen publicarse. Cales van publicar e cando? Para cando estarán resoltas? O sindicato insta á Consellaría a ampliar as actuais licenzas para dar resposta ás necesidades do profesorado e poñer fin aos recortes en formación.

    Escúsanse en que é un tema doutra Dirección Xeral e non dan resposta.

    Transporte Escolar.

    Os problemas no transporte escolar están a afectar ás gardas de transporte, ao inicio das clases, ao remate. Causan moito trastorno á organización dos centros e ao profesorado. Ten pensado a Consellaría dar solución aos problemas do transporte escolar denunciados  ao longo de todo o País ou vai seguir mirando para outro lado como se non fose responsabilidade do goberno do Partido Popular? Non contestan.

    Formación do profesorado. Simultaneidade de cursos e problemas coas credenciais

    Desde o CAFI estanse dando instrucións de que se poden compatibilizar cursos a distancia se un deles é obrigatorio (como os de igualdade ou lingua galega para o funcionariado en prácticas) ou de especial interese (como PROENS). A orde de homologación establece  no seu artigo 17, punto g) que non se poderán realizar simultaneamente actividades de formación a distancia. Ante esta contradición xa solicitamos á Dirección Xeral que se dean unhas instrucións claras e uniformes  para evitar que o profesorado realice formación que puidera non serlle computada chegado o caso. 

    Entendemos que se debería deixar formar ao profesorado que ten interese en facelo, evitando poñerlle trabas dado que se viña aplicando mesmo cando a simultaneidade de dúas actividades de formación se pisaban un só día.

    Por outro lado, hai unha serie de actividades de formación homologadas das que o profesorado que as realizou non recibiu a credencial da Consellaría por un problema técnico relacionado coa sinatura dixital. Con este mesmo problema relaciónanse certas certificacións de participación en programas de innovación.

    Logo de falar desde a CIG-Ensino co director xeral de Centros e RR.HH. sobre estes temas, comprometeuse a que habería unhas instrucións sobre a simultaneidade de cursos e que estaría resolto o problema das sinaturas antes do Concurso Xeral de Traslados. No mesmo sentido se pronunciou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa coa que tamén nos puxemos en contacto. Porén, continuamos á espera, malia que o prazo de concurso do CXT xa comezou. 

    Informan que en vez dunhas instrucións haberá unha modificación da actual orde e que nola presentarán ás organizacións sindicais en canto estea lista.

    Proa +

    Denunciamos que non se abrise o programa Proa + a novas necesidades para este curso escolar e a Consellaría no lugar de rectificar e realizar unha nova convocatoria o que fai é tirar para diante, nomear o profesorado Proa + deste curso sen avisar sequera aos centros educativos para que este profesorado tivese, cando menos, un horario nos centros aos que se incorpore.

    Por outro lado, deben darse instrucións claras aos centros sobre as funcións deste profesorado xa que, nalgúns casos, se lles fixan horarios lectivos e de permanencia que non se axustan ás condicións estabelecidas pola administración. Non contestan.

    Titulacións de acceso a listas: Belas Artes e Jazz

    Transmítesenos por parte de profesorado de Belas Artes a necesidade de revisar as especialidades docentes ás que dá acceso a súa titulación, así como revisar o programa dos graos que dan acceso a impartir docencia de Debuxo na ESO e Bacharelato.

    Tamén tivemos noticia de que hai persoas que non se lles permite a incorporación a listaxes de substitución por teren un Título Superior de Música en especialidades de Jazz ao non constar estas titulacións na orde que regula as titulacións para listas de interinidades. Debe corrixirse isto e permitir o seu acceso ás listas xa que son titulacións perfectamente válidas. A falta de actualización de titulacións por parte da administración non pode prexudicar a quen quere e pode traballar no ensino público.

    Son conscientes da primeira demanda e non así da segunda (Jazz) e coinciden en que se debe revisar esa orde de titulacións mais non dan ningunha resposta en concreto.

    Coordinación de benestar e protección

    Quen vai asumir a figura de Coordinación de benestar e protección nos centros educativos prevista na Lei de protección integral de protección da infancia e a adolescencia contra a violencia e que xa tiña que estar nestes intres en vigor?  Agardamos que a administración aproveite esta necesidade para dotar de maior persoal os centros de Primaria e Secundaria e non para engadir unha función máis ás que teñen nestes intres departamentos de Orientación e resto de membros dos claustros. No caso de optar pola contratación de profesionais a maiores que asuman este traballo, como esiximos na CIG-Ensino, pedimos unha negociación sobre o perfil máis acaído para o desenvolvemento destas tarefas. Non achegan ningunha información.

    Información sobre o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) de Santiago e o Centro de Innovación de FP Eduardo Barreiros (Ourense)

    Demandamos información sobre a situación na que están estes centros. Está en funcionamento xa o CIEDix, como parece despois da visita de Rueda? Se é así, como foron seleccionadas as persoas que están a traballar nel? Ou é que simplemente se inauguraron as instalacións para facer a foto e agora, como é táctica habitual da Consellaría, se deixa para o final a dotación de persoal. 

    A orde do Centro Eduardo Barreiros, un caso insólito de cesión de control dun centro de ámbito galego a unha Deputación provincial, xa se publicou no DOG o pasado día 17 de outubro. A CIG-Ensino exixe tamén información sobre a situación deste centro e demanda que a selección do seu persoal se faga coa máxima transparencia mediante a correspondente convocatoria das prazas a concurso público.

    Non responden e aluden a que este último non é da súa competencia senón doutro departamento.

    Demandas do profesorado de AL e PT

    Facémonos novamente eco das demandas dun colectivo de especialistas de AL que esixe melloras no desempeño do seu traballo: negociación das súas funcións, reforzo do seu traballo na educación infantil, desconto no tempo lectivo para coordinación e limitación do número de alumnado a atender. A CIG-Ensino considera lexítimas e razoábeis estas demandas e vén reclamando desde hai tempo que mellore todo o relacionado coa atención á diversidade, polo que entendemos que estas demandas se deben ter en conta tamén para o profesorado de Pedagoxía Terapéutica. Toman nota mais non contestan.

Volver