Mesa Sectorial do acceso a Cátedras e selección das Direccións

Toda a información da mesa sectorial, incluídas as prazas de acceso a cátedras

Podes ver nesta ligazón as prazas ofertadas pola consellaría para o acceso a cátedras

Orde do día.

1.- Aprobación das actas anteriores

2.- Orde do procedemento de acceso a cátedras.

Ligazón ao borrador

Ligazón as prazas ofertadas pola consellaría para o acceso a cátedras

Ligazón á información da mesa sobre o acceso a cátedras

CIG Informa da información da mesa sobre o acceso a cátedras

3.- Orde da selección e o nomeamento das direccións dos centros educativos.

Ligazón ao borrador

CIG Informa da información da mesa sobre a elección e nomeamento de direccións

Importante que comprobedes se o voso centro, de ir ter cambio de dirección, aparece no listado do anexo I

  • Información da mesa sobre a selección e nomeamento das direccións dos centros educativos

    Orde de selección de direccións

    A única novidade da orde de selección de direccións deste curso é a eliminación da mínima posibilidade que quedaba de presentarse ou ser nomeada directora sen o requisito de ter superado o curso de formación para a dirección que, no caso de Galiza, se ofertou por vez primeira o ano pasado.

    A obriga de ter feito o curso é un novo exemplo de como a Consellaría aplica sen rubor e os aspectos máis contestados socialmente da LOMCE, mesmo cando ten marxe para democratizar minimamente este proceso de selección. As medidas que a CIG-Ensino propuxo nestes anos e que agora reitera, teñen cabido no actual marco legal como é o caso de ceder a responsabilidade da selección nunha comisión na que a comunidade educativa, e dentro dela o profesorado do centro, sexan claramente maioría.

    Ao respecto da convocatoria da obriga do curso de formación, desde a CIG-Ensino entendemos que, sendo este o segundo ano no que se ofertou o curso, o nomeamento excepcional debe estenderse a todos os centros nos que ningunha das persoas aspirantes é seleccionada. 

    Se unimos unha comisión verdadeiramente democrática, na que os centros teñan capacidade de decisión e non as persoas nomeadas a dedo pola Administración, coa eliminación dun requisito do que moitos aspirantes poden carecer, estariamos a falar dun cambio fundamental e que respondería a unha concepción abertamente democrática da elección da dirección dun centro.

    A CIG-Ensino reitera a proposta dun modelo que parte da democracia interna nos centros e da non inxerencia da Administración. 

    O modelo que propón a CIG-ENSINO pasa por un sistema de selección en dúas fases:

    1ª fase. Só se podería presentar o profesorado con destino definitivo no centro. Nesta fase non se aplicaría ningún baremo de méritos e sería a través da decisión democrática dos órganos colexiados do centro como se elixira a persoa idónea para ocupar a dirección. Nesta fase as persoas candidatas terían que presentar un proxecto de dirección. A Comisión, conformada exclusivamente por profesorado e representantes do Consello Escolar actuaría por mandato dos respectivos órganos de elección, mediante voto delegado do Claustro e Consello, que terían que revisar e valorar as candidaturas. 

    2ª fase. Só para aqueles centros nos que non houbese candidaturas ou estas foran rexeitadas pola Comisión, se habilitaría un concurso de méritos de similares características ao que se presenta na proposta da Consellaría, tendo en conta as propostas de cambio que a CIG-Ensino presenta ao propio texto nesta Mesa Sectorial, especialmente as relacionadas coa exención do curso de formación.

    A nosa é unha clara alternativa a un reparto da comisión proposto pola Consellaría.

    Hai exemplos todos os cursos de actuacións claramente arbitrarias dalgúns representantes nomeados pola Consellaría que evitan seleccionar á persoa que goza do apoio maioritario do consello e o claustro.

    O profesorado de PT e AL en Secundaria vale para todo menos para cobrar o complemento da ESO. 

    O profesorado de PT e AL que desempeñan funcións de atención á diversidade aparece agora expresamente citado para poder optar á dirección dun IES mais segue sen poder cobrar o complemento da ESO. Consideramos unha clara discriminación e un insulto a este profesorado que siga excluído de cobrar o equivalente ao resto do profesorado do centro e reclamamos que se sexa tratado con igualdade, tamén no salario.

    Propostas da CIG-Ensino ao articulado:

    • Artigo 2.b. e 2.c. Non estamos de acordo con exixir 5 anos de antigüidade. O único requisito de antigüidade debe estar vinculado con ter a condición de funcionariado de carreira. Faise así para centros pequenos ou con pouco profesorado e pode facerse con todos.
    • Artigo 3.1.b. Non ten sentido pedirlle acreditación do curso de formación a quen o fixo coa Consellaría xa que consta nos datos que xa ten a administración.
    • Artigo 3.1.c. O proxecto deberá estar redactado en galego, como respecto ao carácter vehicular do noso idioma e como garantía de que alguén que vai ocupar a dirección ten competencia no seu uso.
    • Artigo 3.3. En coherencia coa nosa proposta dunha selección en 2 fases, propomos que as persoas candidatas á dirección presenten o seu proxecto diante do Claustro de profesorado e do Consello escolar e que a Consellaría delegue os membros que lle corresponden no Claustro, 2 representantes, e Consello Escolar, 1 representante.
    • Artigo 5.1. As persoas que forman parte da comisión en representación do Claustro de profesorado e do Consello Escolar deben respectar a decisión deses órganos colexiados, actuando como voto delegado deles.
    • Artigo 6. Nos centros de menos de 4 unidades non ten sentido crear a comisión e debe elixirse directamente a dirección.
    • Artigo 7.4. A entrevista debe ser eliminada, xa que pode ser un elemento para promover a elección dun director ou directora a pesar de non ter o aval dos órganos do centro.
    • Artigo 8.3. Propoñemos mudar os criterios de desempate, atendendo primeiro á maior puntuación no apartado 1 do baremo (antigüidade) e logo no 2 (cargos directivos e de coordinación).

    Baremo

    O Baremo só ten xustificación, na proposta que presenta a CIG-ENSINO no caso dunha selección en segunda fase, cando non hai candidaturas no propio centro. Para estes casos, estas son as propostas de cambios que presentamos:

    • Apartado 1. Maior puntuación da antigüidade, pasando de 4 a 5 puntos. Que se puntúen as fraccións de anos, por meses, e se se fai, que se indique.
    • Apartados 1.1. e 1.2. Como se puntúa antigüidade dunha persoa que pertence a dous corpos (p.ex. mestre, PES). Defendemos que a puntuación máxima (0,50) se dea cando sexan anos de antigüidade nun corpo dos que imparten docencia no centro ao que se opta.
    • Apartado 2. Menor puntuación no desempeño de dirección e outros cargos, pasando de 6 a 4 puntos
    • Apartado 2.3. Eliminar a puntuación de cargos como subdirección e xefatura de servizos na administración educativa.
    • Apartado 3. Non aparecen os graos, só as licenciaturas, entendemos que é un erro de actualización que xa se daba o ano pasado.
    • Apartado 5. Eliminar a puntuación por formar parte do corpo de cátedras.
    • Apartado 6. Eliminar a puntuación por estar en servizo activo ou darlla a quen está en excedencia. Supón unha discriminación innecesaria para persoas que están, por exemplo, nunha excedencia por coidado de familiares. Neste caso, garantir que se puntuarán igual.
    • Apartado 7. Maior puntuación por ter destino definitivo no centro ao que se concursa. Subir de 2 a 5 puntos.
    • Apartado 8 (aparece 6 por erro). Proxecto de dirección. Non debe ter puntuación. Só debe ser cualificado como apto e non apto.

    Para rematar reiteramos a nosa solicitude de que se faga pública no portal da Consellaría a relación definitiva de directoras e directores seleccionados.

4.- Varios.

CIG Informa cos varios da mesa sectorial.

  • Corona Virus

    Desde a CIG-Ensino insistimos en que é ás administracións, especialmente a sanitaria, mais tamén a educativa, ás que lles corresponde informar correctamente a toda a sociedade e concretamente á comunidade educativa. Debe existir non só unha total transparencia senón tamén unha correcta xestión das indicacións que debemos adoptar por parte de quen traballamos nun centro educativo no que se produce algún caso de contaxio e, por extensión, a todos os colectivos. Así, demandamos que se unifiquen criterios sobre como actuar, tanto no caso de que noso colexio ou instituto teñamos un caso de contaxio como se non. Urxe un protocolo que se envíe a todos os centros.

    É fundamental que se revise como se van a actuar á hora de recoñecemento de permisos do profesorado se se ve obrigado a ausentarse do traballo (deber inescusábel pola tutela dun menor ou pola cancelación de actividades lectivas nos nosos centros). A Consellaría ten marxe de manobra, tamén para mellorar certa improvisación que se está a producir nas zonas máis afectadas neste momento.

    Tamén é importante acompañar aos centros educativos nas decisións a tomar en canto a manter ou non as excursións que se levan a cabo nestas épocas a países como Francia, Italia, Gran Bretaña… e que non sexan os centros e as familias as que teñan que tomar as decisións e no seu caso asumir os custes da decisión tomada.

    A Dirección Xeral non aclara ningunha novidade e limítase a informar das reunións interdepartamentais nas que se coordina a actuación da Xunta.

  • Protocolo nos casos de abusos sexuais a menores

    Tivemos constancia dentro das XVII Xornadas das Mulleres da CIG Ensino que desde a Consellaría non se participou no deseño dun protocolo de actuación nestes casos promovido por instancias xudiciais.  É máis, un representante da Consellaría acudiu á primeira reunión e non volveu. É urxente que se revise a normativa (por exemplo, o decreto de convivencia) para poder actuar na prevención e detección destes acosos e na toma de decisións con carácter de urxencia. Como docentes temos que ter ferramentas para atallar casos de acoso ou agresión sexual. Non responden.

  • Denuncias de acoso na ESAD

    Desde a CIG-Ensino queremos trasladar todo o noso apoio ao alumnado e profesorado na campaña contra o acoso sexual na Escola Superior de Arte Dramática e esiximos que se tomen todas as medidas cautelares para rematar con esa situación, depurando as responsabilidades que correspondan. Informan de que están a espera dun informe da Inspección  e que actuarán en consecuencia.

  • Clarificación dos permisos de hospitalización e lactación

    Hospitalización.  Preguntámoslle á Consellaría se ten resposta ao noso escrito demandando a modificación da duración do permiso de hospitalización despois da sentenza gañada pola CIG, pola que se aclara que non se pode reducir o permiso aínda que se produza alta hospitalaria. A Consellaría confirma que a sentenza así o obriga e que a modificarán en breve.

    Lactación. Tamén ao respecto deste permiso preguntamos se van dar unha resposta afirmativa ao escrito que presentamos para que a administración reconsidere a información que estaban proporcionando a docentes que desfrutan o permiso por nacemento con carácter descontinuo ou cando se pide un permiso sen soldo ou unha excedencia. Desde a CIG-Ensino entendemos que as 4 semanas de acumulación por lactación deben gozarse completas aínda que a persoa solicitante non traballe todo o tempo entre o remate do permiso por nacemento (nai biolóxica ou outro proxenitor) e o cumprimento de 1 ano pola crianza. A Consellaría confirma o cambio e que se van desfrutar as 4 semanas en todos os casos descritos (permisos sen soldo, goce descontinuo, excedencia).

  • Nepotsimo na Consellaría: o enchufe confirmado polo Tribunal Supremo

    Pedimos a dimisión da conselleira de Educación e a depuración de responsabilidade pola conivencia nun enchufe confirmado polo Tribunal Supremo.

    Denunciamos desde o primeiro momento un escandaloso caso de enchufe á actual directora do MUPEGA e tiveron que transcorrer catro anos para que finalmente se bote abaixo un caso absolutamente impresentábel de nepotismo na administración autonómica: a creación dunha praza inexistente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para “colocar” a unha funcionaria docente con destino en Asturias e cuñada de Susana López Abella, naquel momento Secretaria Xeral de Igualdade.

PRAZAS DE ATENCIÓN PREFERENTE. Agardarán á resolución do CXT para saber se é preciso convocar.

ORIENTACIÓN DE PRIMARIA. Tal e como lle solicitamos van actualizar as listas de Orientación coas persoas da última oposición que reúnan os requisitos de titulación.

Volver