Información da mesa sectorial para a orde de avaliación

Desenvolveuse o xoves 16 de decembro

Podes ler nesta nova toda a información da mesa sectorial.

ORDE do _ de ___ de 2021, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia. Ligazón

A orde de avaliación presentada pola Consellaría crea máis incertezas e problemas dos que resolve.

A CIG-Ensino considera que o borrador presentado pola Consellaría non dá resposta ás dúbidas creadas pola falta de entendemento entre a administración galega e a estatal en todo o relacionado co desenvolvemento da LOMLOE, como no tema de avaliación. Ligazón

Ligazón ao CIG-Informa da orde de avaliación.

  • Varios da mesa sectorial

    Procesos selectivos (concurso,  oposicións)

    A CIG-Ensino xa esixiu da Consellaría a convocatoria dunha Mesa urxente e específica para tratar todo o relacionado cos futuros procesos selectivos, tanto dos que deriven dos procesos de estabilización da Lei que se aprobará no Senado a semana que vén como dos ordinarios de reposición de efectivos. Hai miles de aspirantes, moitos deles profesorado interino, que deben contar canto antes coa información necesaria: 

    • Como se vai regular o proceso excepcional mediante concurso para as prazas ocupadas temporalmente desde antes de xaneiro de 2016?
    • Que vai acontecer co proceso transitorio para aquelas prazas ocupadas temporalmente desde antes de xaneiro de 2018? 
    • Como vai afectar a aplicación da nova lei no ensino (con OPE que teñen que publicarse antes de xuño e procesos que deben convocarse antes de rematar o ano
    • Que vai pasar finalmente coa suma das OPE de 2021 e 2022? Que especialidades se van convocar?
    • Como se vai ver afectado nos próximos procesos selectivos o profesorado interino do corpo extinguido de PTFP que, segundo o previsto, pasará a ser no mes de xaneiro de 2022 do novo corpo de profesorado especialista de sectores singulares da FP?

     

    Continuidade do programa ARCO

    Desde a CIG-Ensino non aceptamos o argumento da Consellaría de que os fondos enviados polo Ministerio e a Unión Europea  teñen carácter finalista e non poden ir máis alá deste ano natural nin que ao comezar con retraso xa terían  computado un maior número de contratos dos previstos para poder executar todo o orzamento asignado, obviando nesta xustificación que tardaron semanas en cubrir as vacantes de ARCO nalgúns dos centros, e esas semanas tampouco se van recuperar. 

    Seguimos esixindo que se amplíen os ARCO, como mínimo até febreiro, e se teñen que ser con fondos da Consellaría pois que así sexa, xa que as necesidades do noso alumnado non entenden de onde veñen os cartos: só entenden de ter nos centros o profesorado necesario. 

    Non o van ampliar, din que o programa remata o 31 de decembro e punto.

    Coidado das crianzas: deber inescusábel

    Seguimos sen ter solución sobre que facer cando as nosas crianzas son contacto directo dun positivo por COVID ou cando lles pechan a aula, non poden acudir ao centro escolar pero nós non temos permiso para o seu coidado. Esiximos que se computen como o que son: un deber inescusábel.

    Contacto estreito con persoa positiva en COVID

    A Consellaría está actuando dun xeito arbitrario e contraditorio coa xustificación de non poder ir traballar por ser contacto estreito dun positivo. Temos casos nos que se lles indican que teñen que ir traballar e outros nos que cunha acreditación de corentena asinada pola directora xeral de saúde pública se lle exime desa obrigatoriedade. Debe existir un único criterio.

    Vacinación do profesorado

    Solicitamos que a declaración responsábel sega a ser válida para profesorado con efectos secundarios da vacina xa que é imposíbel lograr cita para que o SERGAS autorice esa ausencia.

    Plan de Igualdade para o persoal docente da Consellería de Educación

    Toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a elaborar un Plan de Igualdade antes de marzo de 2022. Función Pública xa está negociando o seu para o persoal da administración xeral, que no caso da Consellería de Educación só afecta ao persoal non docente. A CIG-Ensino demanda que Educación comece a negocialo canto antes para o profesorado.

    Continúa a improvisación nas EOIs

    Desde as EOI trasládannos o malestar pola nova apertura de matrícula das probas libres para a xente que non formalizara a matrícula no seu momento, cando desde a Consellaría se informou ás direccións no sentido contrario e así llo fixeron saber ao alumnado que consultaba. O das probas libres nas EOI é un exemplo máis das improvisación constante coa que traballa esta Consellaría. Recordamos que neste curso a CIG-Ensino presentou un recurso contencioso polo incumprimento da normativa sobre as probas libres que se manteñen en datas diferenciadas. 

    Non respostan a ningún destes temas alengando que son responsabilidade da dirección xeral de centros e recursos humanos.

    Prazas asesores do CIEDix e do CGIFP

    Van ser convocadas este ano as prazas destes dous organismos?. Como está a tramitación destes dous decretos?

    A administración di que seguen o seu proceso, e despois dos decretos irán as ordes e a convocatoria das prazas, non dan datas.

Ligazón ao CIG-Informa dos varios da mesa.

Volver