Mesa Sectorial 8-4-08: ORDES DE CONVOCATORIA DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO

Mesa Sectorial Convocatoria Oposicións

Na Mesa Sectorial de hoxe, a CIG-Ensino realizou as seguintes demandas respecto das ordes de convocatoria das oposicións: Desde a CIG-Ensino queremos deixar claro que este non é o noso modelo de acceso á función pública docente. Vimos reclamando, como sistema excepcional e transitorio, un acceso diferenciado en función de se se conta ou non con servizos prestados á Administración educativa, xa que o actual sistema pode servir de elemento de confrontación entre colectivos. Mais, tendo en conta o marco legal actual, que establece un sistema de concurso oposición, defendemos: (Sigue lendo)
 MESA SECTORIAL 8-4-2008 
ORDES DE CONVOCATORIA
DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO
 

ORDES CONVOCATORIA OPOSICIÓNS MESTRES, SECUNDARIA E ACCESO A2 a A1.

 
Na Mesa Sectorial de hoxe tratáronse as Ordes de convocatoria de acceso á función pública de Infantil, Primaria e Secundaria, e acceso do subgrupo A2 a A1.
 
Primeiro a Consellaría aclarou certas modificacións nos requisitos para o acceso para diferencialo do que son as probas (en canto á acreditación do coñecemento do galego e do español). Aclaran tamén certas novidades menores con respecto á convocatoria do curso pasado.
 
 
Desde a CIG-Ensino queremos deixar claro que este non é o noso modelo de acceso á función pública docente. Vimos reclamando, como sistema excepcional e transitorio, un acceso diferenciado en función de se se conta ou non con servizos prestados á Administración educativa, xa que o actual sistema pode servir de elemento de confrontación entre colectivos. Mais, tendo en conta o marco legal actual, que establece un sistema de concurso oposición, a CIG-Ensino demandou o seguinte ao respecto das ordes de convocatoria das oposicións:
 
 
Informe:
 
En primeiro lugar, a CIG-Ensino propuxo que poidan acollerse á opción de presentar o informe todas as persoas que estean en activo e poidan acreditar unha antigüidade acumulada de seis meses. En calquera caso, para a CIG-Ensino é irrenunciábel que se recolla como o ano pasado, que poderán acollerse todo o profesorado substituto que teñan seis meses de antigüidade neste curso, e así o esixiu. Ademais, a CIG pediu ás restantes organizacións sindicais que se posicionasen sobre o tema, procurando a unanimidade nesta cuestión. Tamén esixiu que se aclarase se tiñan dereito ao informe o profesorado interino que presta servizos na administración educativa doutra Comunidade autónoma. Resposta: A Consellaría comprometeuse despois da nosa insistencia a que se poida acceder ao informe cos mesmos requisitos da convocatoria do ano pasado.
 
Proba en galego:
 
Ao respecto do emprego do noso idioma, a CIG-Ensino esixiu que toda a proba se realice en galego, pois desde o noso punto de vista iso é o que cabe interpretar do artigo 33 da Lei da Función Pública de Galiza, que establece que unha das probas debe ser en galego, e aquí estamos falando dunha única proba. Se non é así, como mínimo deberan desenvolverse integramente en galego todas aquelas especialidades que se recollen no Decreto de galego como de obrigada impartición, e no resto das especialidades tanto a programación, como as unidades didácticas e as súas defensas. Contra a nosa proposta posicionáronse ANPE, CCOO, UGT e CSIF, que consideran que é suficiente tal e como está recollido no borrador. Mais, ANPE chegou manifestar que era suficiente coa proba de acreditación.
 
Actuacións dos tribunais:
 
Desde a CIG insistimos en que a Consellaría debe clarificar debidamente aos tribunais que deben cinxirse a xulgar as probas e que non é o seu cometido xulgar o sistema. Ademais fixemos fincapé en que na propia convocatoria se especifiquen co máximo detalle as condicións formais que deben reunir os documentos a presentar polos opositores e que se relacione minuciosamente cales poden ser as causas de exclusión, sen que estas queden suxeitas á valoración dos tribunais e para que non se dean as situacións que se produciron o ano pasado e que repercusión teñen sobre a permanencia nas listaxes.
 
A CIG-Ensino defendeu que as prazas non se deben distribuír entre tribunais, senón que debe ser a comisión a que adxudique as prazas e estabeleza os aprobados e aprobadas (por exemplo o que ocorreu o curso pasado con Música (PES). Para isto a Consellaría deberá dar instrucións ás comisións para que cumpran debidamente o seu cometido. A Consellaría comparte que as prazas non poden ser distribuídas entre tribunais, entre outras cuestións, porque estamos nun concurso oposición.
 
A CIG reclamou que os tribunais deixen claro desde o momento da presentación, mesmo por escrito, cales serán criterios de avaliación. Ademais deberán resolver todas as dúbidas que os opositores consulten e recepcionar cantas reclamacións se lles presenten. A Consellaría aceptou a proposta da CIG de que se deben recepcionar todas as reclamacións, mais que o feito de as presentar diante dos tribunais non produce efectos administrativos, e que serán contestadas ou non a criterio dos tribunais.
 
A CIG-Ensino tamén reclamou que:
  • Que non repitan as persoas que xa estiveron en tribunais o ano pasado, tamén os presidentes. Manifestaron que o estudarían, como tamén estudarán se admiten que decaian dos tribunais, voluntariamente, as persoas que non impartiron recentemente a especialidade para a que son chamados.
  • Que se recolla posibilidade de que quen renuncia a presentarse se lle devolvan as taxas.
  • Tribunais: non deberían exceder de 90 opositores por tribunal. Resposta: Non aceptado, incluso van aumentar a rateo da convocatoria do curso pasado.
  • A CIG demandou que se fixe un prazo para a constitución dos tribunais unha vez sorteados. Aceptado.
  • Que se fixe data e lugar, na orde, do sorteo dos tribunais. Aceptado
  • Obriga de participar en todas as partes, é excesivo, que sexa suficiente con ir á primeira proba. Neste caso si entenden que toda a oposición é unha única proba.
  • Non nos parece positivo que un tribunal xulgue máis dunha especialidade, que xulguen só a propia. (acceso do grupo A2 a A1)
  • Presidentes dos tribunais por sorteo. Preocúpanos que a comisión de selección estea formada por presidentes, debería ser a sorteo.
  • As puntuacións de concurso non deberán coñecerse até rematar a fase de oposición. Manifestan que non poden retrasar o coñecemento destas puntuacións, porque se retrasaría todo o proceso.
  • Aclarar cales son as causas que poden eximir de formar parte dos tribunais.
  • Que se dean pautas para cualificar os informes, e que non se repita a situación do ano pasado en que non se puxo o máximo da puntuación a informes que tiñan todas as respostas positivas.
  • Aclarar que, cando na programación ou UD falte algún aspecto (obxectivos, metodoloxía, ...) que non sexa motivo de exclusión, senón de cualificación negativa.
  • Garantir o anonimato (nalgunhas partes a numeración correlativa non o favorece). Aceptaron revisar este tema e pensan en buscar unha numeración non correlativa.
  • Aclarar as modificacións na oferta, respecto do primeiro borrador. Resposta: recollen as prazas de galego e español para estranxeiros de EOI e a reserva para discapacitados en Servizos á comunidade, propostas pola CIG. Indican ademais que nesta especialidade se suprime a proba práctica.
  • Aclarar a redacción de cales son os currículos nos que se deben basear as programacións (sobre todo 2º e 4º ESO; 3º,4º,5º, 6º Primaria). Para estes cursos poderá presentarse a programación de acordo co currículo vixente(LOXSE) ou o que está publicado no DOG no 2007 (LOE), de futura aplicación.
  • Os chamamentos deberan facerse a través da web. Aceptan.
  • Especialidade de Primaria: aclarar se a programación pode ser dunha única área tal e como aparece recollido no borrador ou ten que ser globalizada. Resposta: Será dunha área soamente.
  • Aclarar se os mestres de francés teñen obriga de presentarse ao procedemento selectivo. Resposta: aclaran que non, pero que as/os mestres de Matemáticas, Ciencias, ... teñen obriga de presentarse. Respecto de “Primaria”  o profesorado interino e substituto de Mestres que traballou ou traballe durante este curso e non aprobe o procedemento selectivo seguirá continuando nas listaxes de Primaria. Por outro lado, o profesorado que acceda por primeira vez a unha interinidade ou substitución despois do procedemento selectivo do 2008 será chamado unicamente pola especialidade á que se presentou ( sempre e cando cumpra os requisitos para estar nesa listaxe).
  • Na especialidade de imaxe e son (cod 229) xa van 4 convocatorias e o RD de currículo está sen publicar. Hai 7 prazas e profesorado que non se pode presentar. Tomaron nota.
  • Exención da fase de prácticas para aquel profesorado que acredite un ano de servizos como funcionaria ou funcionario de carreira. Aceptada.
  • Explicitar o material que se pode utilizar na exposición das unidades didácticas.
 Baremo:
  • Profesorado de relixión: como acceden mediante un sistema anómalo non lles deberan ter en conta os servizos prestados para a súa baremación. Sobre isto hai sentenzas que din que si se debe ter en conta.
  • Só se deberan ter en conta os servizos prestados en centros públicos.
  • Reclamamos que o permiso de maternidade se compute como servizos prestados. Aceptado, o que non se computa como servizos prestados son as excedencias por coidado de menores ou de maiores a cargo.
  • CAP: debera terse en conta, como mérito, para aquelas especialidades nas que non é requisito. Non aceptan, hai sentenzas do Tribunal Superior.
  • En Infantil e Primaria deben terse en conta cursos de formación como “Xornadas de lingua e literatura”.
  • Respecto dos méritos a CIG-Ensino volveu manifestar a súa preocupación pola forma en que se establecen os créditos de formación neste borrador. Propuxemos que se acumulen todas as horas de formación, puntuando cada 10 horas, até catro puntos. Non pode ser que se estableza unha puntuación segundo a cal puntúa igual un curso de 99 horas ca de 31, ou que se son menos de 30 non se valore. Ademais tamén reclamamos que no apartado 2.5. se puntúen os cursos impartidos.
  • Puntuaranse os cursos de Iniciación e Perfeccionamento, mais non o Celga 4 porque non se considera un curso de formación.
  • Reclamamos que se devolvan as publicacións orixinais presentadas para o concurso. Aceptado
  • Reclamamos que se puntúen as coordinacións de cursos, especialmente se consideramos que neste momento o coordinador ou coordinadora ten que asistir obrigatoriamente ao curso. Estudarano coa dirección xeral de ordenación educativa.
 Proba
 
A CIG-Ensino defendeu que:
  • Debería facerse pública a puntuación de cada unha das partes da proba, sería positivo para os opositores.
  • Na proba práctica nos Conservatorios que se concrete, que se reduza a súa duración e que se grave a parte práctica. Que as partituras se adecúen ao instrumento.
  • Probas prácticas de Música deben celebrarse na mesma localidade.
 Acceso de A2 a A1:
  • Que no acceso de A2 a A1 se puntúe a tesiña, suficiencia investigadora... Aceptado.
  • Que a proba se desenvolva en galego. Non aceptado.
  • Que se puntúen os cursos de EOI, non só nivel avanzado.
  • Que se eliminen os méritos por exercer a función inspectora, cargos directivos, cargos da administración e que se poida acumular o máximo de puntuación coa antigüidade no corpo.
  • Que non haxa que presentar a documentación en todas as especialidades ás que se presentan. Aceptado.
  • Que os tribunais estea compostos maioritariamente das especialidades. Resposta: polo menos haberá un membro de cada unha das especialidades asignadas a ese tribunal.
 ________________________________________________________________________________________________________
 Accede á información de Rogos e preguntas desta Mesa sectorial (Cátedras, Axudas Equipos Normalización Lingüística, Decreto bacharelato, xornada única, retirada nomes franquistas e fascistas, Orde permisos e licenzas, PCPI). Ligazón
___________________________________________________________________________________________

NOTA DE PRENSA ENVIADA AOS MEDIOS:

 
A MESA SECTORIAL DE EDUCACIÓN DEBATEU AS ORDES DE CONVOCATORIA DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO
 
Na Mesa Sectorial de hoxe, a CIG-Ensino realizou as seguintes demandas respecto das ordes de convocatoria das oposicións:
Desde a CIG-Ensino queremos deixar claro que este non é o noso modelo de acceso á función pública docente. Vimos reclamando, como sistema excepcional e transitorio, un acceso diferenciado en función de se se conta ou non con servizos prestados á Administración educativa, xa que o actual sistema pode servir de elemento de confrontación entre colectivos. Mais, tendo en conta o marco legal actual, que establece un sistema de concurso oposición, defendemos:
Ante a proposta inicial da Consellaría, que impedía o acceso ao informe ao profesorado substituto, a CIG-Ensino propuxo que poidan acollerse á esta opción todas as persoas que estean en activo e poidan acreditar unha antigüidade acumulada de seis meses, ou como mínimo seis meses traballados neste curso escolar, como na pasada convocatoria. Despois da insistencia da CIG-Ensino, e o apoio das outras organizacións sindicais, a Consellaría accedeu a manter os termos da convocatoria tal e como se fixaran o ano pasado: poderán acoller se todas as persoas que estean en activo no momento de se publicar a convocatoria e que acrediten seis meses de antigüidade no presente curso escolar.
Desde a CIG insistimos especialmente en que a Consellaría debe clarificar debidamente aos tribunais que deben cinxirse a xulgar as probas e que non é o seu cometido xulgar o sistema. Fixemos fincapé en que se especifiquen co máximo detalle as condicións formais que deben reunir os documentos a presentar polos opositores e que se relacione minuciosamente cales poden ser as causas de exclusión, sen que estas queden suxeitas á valoración dos tribunais e para que non se dean as situacións que se produciron o ano pasado. Tamén reclamamos que os tribunais deixen claro desde o momento da presentación, mesmo por escrito, cales serán criterios de avaliación. Ademais deberán resolver todas as dúbidas que os opositores consulten e aceptar cantas reclamacións se presenten. Defendemos que todos os seus membros, incluídos os presidentes, sexan elixidos por sorteo e que se garanta que os membros das comisións seleccionadoras non serán soamente os presidentes, pois de ser así todos eles estarían serían membros designados pola Consellaría. Ademais reclamamos que non repitan as persoas que xa formaron parte dos tribunais o pasado ano, extremo que quedaron de analizar.
Desde a CIG-Ensino valoramos como insuficiente que soamente se realice en galego a programación e a súa defensa, entendemos que, como mínimo, a parte B da convocatoria de oposicións debe realizarse integramente na nosa lingua, é dicir, demandamos que se realice tamén en galego a defensa da unidade didáctica e a proba práctica e estenderse a toda a proba para as materias de obrigada impartición en galego.
Respecto dos méritos a CIG-Ensino volveu manifestar a súa preocupación pola forma en que a Consellaría propón valoralos. Propuxemos que se acumulen todas as horas de formación, puntuando cada 10 horas, até catro puntos. Non pode ser que se estableza unha puntuación segundo a cal puntúa igual un curso de 99 horas ca de 31, ou que se son menos de 30 non se valore. Ademais tamén reclamamos que no apartado 2.5. se puntúen os cursos impartidos.
En canto á proba, a CIG-Ensino defendeu que debería facerse pública a puntuación de cada unha das partes da proba, que se debe realizar a lectura en público e que nas probas prácticas do Conservatorio se concrete como será a realización da proba e se reduza a súa duración (45 min.).
A CIG-Ensino insistiu reiteradamente en que a Consellaría dea as intrucións necesarias para que o desenvolvemento das probas se realice coa máxima garantía de obxectividade para todos os opositores e para que non se dean as situacións de inseguridade e vulnerabilidade dos dereitos dos opositores que se deron o pasado ano.

Volver