Mesa Sectorial 6-5-08: Ordes que regulan a educación básica para as persoas adultas (EPA) e os programas de cualificación profesional inicial (PCPI)

Mesa Sectorial 6-5-08

A Consellaría de Educación levou hoxe á Mesa Sectorial a Orde pola que se regula a Educación Básica para as persoas adultas (EPA) e a Orde que regula os Programas de cualificación Profesional Inicial (PCPIs). A presentación destas ordes obedece ao calendario de aplicación da LOE. Desde a CIG demandamos como cuestión fundamental coñecer o mapa escolar tanto dos centros en que se vai impartir EPA, así como dos centros en que se vai impartir PCPIs.
 
MESA SECTORIAL 6-MAIO-2008
 
Ordes que regulan a educación básica para as persoas adultas (EPA) e os programas de cualificación profesional inicial (PCPI)
 
1.- educación básica para as persoas adultas (EPA)
 
A administración sinala como novidade máis importante a necesidade de incluír aquí a regulación con aquelas unidades que coinciden cos PCPIs. Adapta estas ensinanzas ao determinado na LOE.
 
A CIG di, antes de nada, que non é admisíbel que se envíe tanta documentación con tan pouco tempo para ser estudada precisamente a víspera do día do ensino, o que ademais provoca que non poida ser consultado o profesorado. O resto das OOSS coinciden.
 
O Director Xeral explica que os Decretos saíron no BOE a finais de novembro e tiveron que facer tres comisións porque teñen que estar en vigor o 25 de setembro, é dicir, que tamén eles teñen pouco tempo para facer as cousas.
Nos Decretos de FP a parte dispositiva é igual en todos, o que se modifica é a parte curricular. Teñen que ter 150 decretos en funcionamento o curso que vén. En definitiva, teñen que cumprir un calendario que lles vén imposto. Este decreto vai ser enviado a contraste (centros, empresas) e ten máis trámites (Consello escolar de Galiza, Consello da FP), polo que urxe. 
CIG-Ensino:
 
Na Orde de Adultos debe aparecer que a oferta da Consellería non debe estar interferida por outras institucións. Desde a CIG-Ensino botamos en falta programas de alfabetización que recollan formación na nosa lingua, xeografía e cultura. Sería razonábel que nas localidades de máis de 10000 habitantes existisen centros de EPA que impartisen os niveis I e II, co obxectivo de chegar ao máximo de poboación. Para a CIG, como criterio xeral, todos os IES que impartan algún ciclo formativo tamén deberían ofertar esa posibilidade. É imprescindible coñecer a rede de centros.
Falta adaptar o Decreto de 1999 porque esta Orde podería entrar en contradición.
Resposta: Queren facer unha oferta ampla, territorializada, en núcleos de poboación destacados, que pode ser comarcal ou non en función das necesidades.
Réplica CIG: Demandamos o mapa de centros que oferten estas ensinanzas. A consellaría debe ser flexible e incluír as localidades de máis de 10000 habitantes e procurar chegar ao máximo de poboación.
 
-Artigo 4.1 Para a CIG é necesario valorar a cultura e lingua propias de Galiza, sensibilizándose coa súa normalización.
 
-Artigo 14.1: A redacción é confusa, porque parece que a modalidade a distancia é a única posibilidade para as persoas privadas de liberdade. Habería que darlle outra redacción. Resposta: Aceptado. Ademais os 5 centros hospitalarios van seguir, incluso vai haber oferta de FP.
 
-Artigo 25: referido ao acceso do alumnado, para a CIG a idade e a avaliación inicial só deben servir para determinar o nivel que vai cursar o alumnado porque se supón que todo cidadán pode ter acceso a esta modalidade de formación. Resposta: Será un erro de redacción. A avaliación incial é para situar o alumnado no curso correspondente.
 
-Artigo 29: A CIG pregunta por que os períodos lectivos pasan a ser de 50 minutos cando ata agora eran de 40. Deste xeito os horarios pódense alongar moito. Resposta: Cren positivo o aumento de 10 minutos na duración dos períodos lectivos; de feito hai peticións dos centros neste sentido.
 
 
-Artigo 19.2: referido ao acceso de maiores de 16 anos con contrato laboral, a CIG propón que, por motivos de saúde, poidan facelo a distancia. Resposta: Estudarán que o alumnado menor de 16 anos con problemas de saúde, que non pode asistir aos centros ordinarios, poidan cursar os estudos nesta modalidade, pero afirman que a ESO de adultos non pode ser unha válvula de escape.
 
 
-Artigo 30: é contradictorio co 6.4. Debe ser un erro. Resposta: si.
 
-Artigo 33: para a CIG o profesorado do corpo de mestres debería poder impartir os niveis I e II e non limitalos aos que teñan destino definitivo. Resposta: van continuar coa normativa actual.
 
 -Artigo 34: no ámbito de comunicación non se debe permitir a excepcionalidade, a CIG demanda que o profesorado de galego e castelán non debe ser o mesmo.
Resposta: non aceptado.
Réplica CIG: Non se trata dun problema de competencia docente senón debido á situación diglóxica.
 
-Artigo 35: referido á asignación de ámbitos, debe haber criterios obxectivos (como os que rexen na asignación de curso) e non quedar a criterio do xefe de estudos.
 
-Artigo 22.2: a CIG propón que sexa o claustro e non o director quen elixa ao profesorado da comisión de avaliación. Resposta: explicitarán que aínda que elixa a dirección do centro, que sexa escoitado o claustro, a CCP ou os departamentos implicados.
 
En canto ao Currículo:
 
-No obxectivo nº 1 para a CIG habería que engadir “procurando a sensibilización para o seu uso”. Resposta: A administración sinala que estudará a súa inclusión.
 
-No obxectivo nº 22 onde di “organización administrativa española” debería dicir “…galega” e engadir ”Coñecer e valorar a propiedade comunal, a parroquia”. Resposta: A administración sinala que estudará a súa inclusión.
 
A Administración aclara que:
 
As ofertas presencial e non presencial son complementarias.
Na modalidade a distancia telemática non é preciso acudir a ningún centro; na modalidade a distancia é preciso ir un día á semana. O ideal sería unificar estas dúas modalidades, pero a realidade galega impídeo.
Non ven factible a xeneralización da oferta de EPA en centros con ciclos formativos aínda que o van estudar.
 
Van publicar unha circular aclaratoria referida ao nº de alumnos/as por curso, as titorías de unha hora, asignación de ámbitos (explicitarase que aínda que asigne o director, deberá ser escoitado o claustro, a comisión de coordinación pedagóxica ou os departamentos implicados), etc. Réplica CIG: Non deben aparecer nunha circular, para a CIG debe aparecer na orde ou ben aparecer no ROC.
 
Estudarán a posibilidade de que o profesorado poida ter máis dunha titoría.
 
Teñen intención de establecer un plan propio de formación para o profesorado que imparte educación de adultos.
Réplica CIG: Parte da formación do profesorado debe ser en horario lectivo.
Réplica Admón: É posible que sexa en horario de mañá ou tamén de tarde (podería ser de 16:00 a 17:30 ou en horas non presenciais).
 
No artigo 42 explicitarase, pero a avaliación debe ser por consenso.
Tratarán de flexibilizar a matrícula, mais sen chegar a complicacións organizativas.
 
Sinalan a importancia da inclusión das TICs na formación de adultos, así como da idoneidade de reducir o nº de alumnos nas clases de lingua extranxeira.
 
En canto á especialización do profesorado, poderán ter certas dificultades, pero neste tipo de ensinanzas o alumnado debe contar co menor número de profesoras e profesores posible.
 
O alumnado que queira cambiar de modalidade no mesmo centro non terá problema.
 
Nos criterios de admisión cambiarán a orde do apartado “deportistas de alto nivel”.
 
No artigo 14º, cando falan de alumnado con privación de liberdade estaban pensando en alumnado de centro de menores, .... (non nos centros penitenciarios).
 
 
2º.- ORDE PROGRAMAS DE CUALIFICACIÓN PROFESIONAL INICIAL (PCPI)
 
Admón aclara o seguinte:
Elixiuse a opción de por módulos obrigatorios no primeiro curso. En 2º curso todos os módulos son voluntarios e son os que permiten a titulación de graduado en ESO. Con esta orde conseguense uns PCPIs dinámicos e flexibles. Os módulos voluntarios teñen o mesmo deseño curricular que a E. Secundaria de Adultos. Así un alumno poderá facer os módulos obrigatorios nun centro e os voluntarios noutro centro. Para acceder aos módulos voluntarios hai que ter aprobados todos os obrigatorios. O alumnado que non se adapte ao programa que está cursando estando en idade obrigatoria de escolarización debe volver ao centro ordinario.
Hai poucas unidades de competencia regulamentadas polo MEC, polo que só se poderían poñer en funcionamento 18 ou 20 PCPI nada máis. Esta consellaría era partidaria de seguir impartindo os PGS xunto cos PCPIs no curso que vén, pero foi rexeitada esta medida.
 
CIG-Ensino:
 
Con carácter xeral, desde a CIG demandamos saber en que centros se van impartir os PCPI. A nosa proposta é que se coñeza a oferta e ademais que só se impartan en centros públicos. Resposta: Non admitido o dos centros públicos porque así aparecer recollido xa na LOE, que mesmo fala de que os PGS que se estean a impartir na privada se transformarán en PCPI.
 
 -A CIG demanda unha rede “mínima” de centros que impartisen os PCPIs, debendo impartirse, como mínimo,naqueles centros nos que se imparten ciclos formativos (polo menos da familia profesional que se imparte no centro). Resposta: Non van haber en todos os centros posto que non hai talleres, pero vanse ofertar máis PCPIs dos que son necesarios.
 
-Para a CIG non debe aplicarse a modalidade C de PCPIs. É inadecuado e inapropiado. Só debe ser a Consellaría de educación quen imparta estes programas e dea a titulación correspondente. Resposta: non aceptado (artigo 30 da LOE).
Réplica CIG: O que aparece recollido neste borrador vai máis alá do que di a propia LOE. Outras consellarías poderían impartir PCPIs pero non teñen mestres. Hai que limitar os programas externos.
 
-A CIG reclama a supresión da disposición transitoria única.
 
Concretando:
 
-Os obxectivos deben ir en infinitivo e hai algunha que outra incorrección gramatical. Resposta: Hai que ver a redación inicial da frase.
 
-Artigo 4. apdo b) Debe suprimirse o de “por procedes doutros países” (pode ser unha razón, pero non debe aparecer). A redacción deber ser “desescolarizado”. Resposta: aceptado.
 
-Artigo 1.- Temos unha pregunta, antes os PGS eran de 16 a 21 anos, agora os PCPIs de 16 a 19 anos. Cal é a razón? Resposta: a razón é que con 19 poden ir á ESA ou a otros plans de formación (plan FIP, ...).
Réplica CIG: Por que non se lles pon ese límite de idade na modalidade C?
 
-Artigo 6.2 (pax 8): Desde a CIG demandamos que a autorización destes programas non debe estar condicionada a existir prazas vacantes. Estamos falando de medidas excepcionais, deben poñerse todas as medidas para atender a esa diversidade. Resposta: Non admitido, con 1, 2 ou 3, ... alumnos non poden ofertarse programas. Aclaran que neste curso o 25% dos PGS non chegaban a 4 alumnos e mantivéronse.
 
-Artigo 10.3.- Exiximos que sexa en centros públicos exclusivamente. Resposta: Non aceptado.
 
-Artigo 11.- A CIG exixe a desaparición da modalidade C. En todo caso, de existir, serían os programas mixtos e eliminar os programas externos. Resposta: Non aceptado, ademais a FP non depende só da Consellaría de Educación.
 
-Artigo 13.3- Para matricularse en 2º non debería ser preciso ter aprobados todos os módulos de primeiro. Resposta: Non aceptado, dío a LOE.
 
-Artigo 19.- En canto á competencia/atribución docente, para a CIG a orde debera recoller as especialidades dos mestres (PT, AL, ...). Desde a Admón. ténsenos demandado que fixésemos propostas para a problemática do profesorado de Procesos comerciais e xestión administrativa. Desde a CIG demandamos que este profesorado poida impartir FOL nos PCPIs. (neste punto houbo que insistir e finalmente acabaron dicindo que o estudarían)
 
-Artigo 20.- Función titorial FCT: maior duración horaria e recoller cales son as súas funcións (de maneira máis explícita).
 
-Artigo 29.- Pode haber alumnado que non aprobe o PCPI pero debera ter unha certificación profesional de que superou os módulos específicos. Non se entende que non se lle poida dar unha acreditación. Resposta: Non aceptado, dío a LOE.
 
-Disposición adicional nº1 e nº2: Aínda que hai que autorizar ano a ano os Programas, é insuficiente que non haxa uns criterios xerais polos que se saiba máis ou menos en que centros se van impartir os PCPIs.
 
-Disposición adicional 1ª.3.- A CIG demanda a reducción de 12 a 8 alumnos por aula. Resposta: Non aceptado, os PGS eran de 15, aquí xa se baixa a 12.
 
-Disposición adicional 2ª.2. A CIG demanda reducir de 12 a 8 o alumnado para poder agrupalo.
 
-Disposición adicional 2ª.3.- A CIG demanda que o número mínimo debe pasarse de 10 a 6 en coherencia coa disposición adicional 2ª.1.
 
-Disposición adicional 3ª: A CIG considera que a FCT non debe impedir que un alumno pase a 2º curso. Resposta: Non aceptado, dío a LOE.
 
-Disposición transitoria única: Desde a CIG a posibilidade de concertar debe desaparecer. Resposta: será só para módulos obrigatorios. Din ser máis restrictivos que a propia LOE.
 
-A CIG demanda que nos centros nos que se impartan os PCPIs que tamén se fagan as probas para o acceso aos ciclos na medida en que deben facerse en centros públicos.
 
 
Por outro lado a Admón aclarou que:
 
            -Non se poden convalidar módulos porque deixar alumnos con horas libres levaría consigo problemas organizativos nos centros. Se se repite será con todos os módulos.
            -A FCT en PCPIs terá as mesmas axudas que a FCT dos Ciclos formativos (para as prácticas en empresas).
            -No curso 09-10 poñerán en marcha os cursos preparatorios para as probas de acceso aos ciclos.
            -Os centros privados terán un centro público de referencia.
            -As convalidacións das probas de acceso virán reguladas nas probas de acceso.
            -Tamén explica que aquel alumnado que non faga un bo proveito dos PCPIs estando en idade de escolarización obrigatoria debe volver ó centro ordinario a cursar ESO.
           
 
 
 
 
Nota de prensa
 
A Consellaría de Educación levou hoxe á Mesa Sectorial a Orde pola que se regula a Educación Básica para as persoas adultas (EPA) e a Orde que regula os Programas de cualificación Profesional Inicial (PCPIs). A presentación destas ordes obedece ao calendario de aplicación da LOE. Desde a CIG demandamos como cuestión fundamental coñecer o mapa escolar tanto dos centros en que se vai impartir EPA, así como dos centros en que se vai impartir PCPIs.
            A orde de EPA regula o currículo e tamén a ordenación do ensino básico dirixido ás persoas adultas conducente á obtención do graduado escolar. Na orde regúlase que módulos teñen que cursar, cales son os requisitos de matrícula, quen pode acceder a este ensino, etc.
A orde de PCPI regula a ordenación destes programas que están dirixidos a alumando de máis de 16 anos con dificultades para seguir o ritmo escolar habitual e que se prevé que non acadará a titulación na ESO. Na orde establécese que alumnado pode cursalos e que requisitos ten que reunir, a duración do programa, cales son os módulos obrigatorios e cales os voluntarios e conduce a unha cualificación profesional para facilitarlle a inserción no mundo laboral. Tamén pode facilitarlle o acceso a un ciclo formativo de grao medio ou mesmo chegar ao título da ESO mediante a realización dos módulos voluntarios.
Para a CIG-Ensino a cuestión máis preocupante é que a orde dos PCPI recolla a posibilidade de concertar ou subvencionar este programas a entidades privadas. Malia o rexeitamento da CIG-Ensino a Consellaría mantívose na súa posición, o que non vai introducir ningunha modificación na política de concertos e subvencións que se viu seguindo até o de agora.
A CIG-Ensino reclamou que non se escatimasen recursos e medios suficientes para que o alumnado que teña que acceder a estes programas teña todas as facilidades para conseguir a titulación en graduado escolar. Nese sentido defendemos a redución das rateos establecidas que non deben superar os dez alumnos por programa en ningún caso, ao mesmo tempo que defendemos que se satisfagan as demandas de todos os centros que reclamen a implantación destes programas.
A CIG-Ensino demandou que estas ordes veñan acompañadas dunha oferta o suficientemente ampla e realizada pola propia Consellaría de Educación, sempre en centros públicos. A CIG-Ensino defendeu que como criterio xeral en todos o concellos  ou comarcas de máis de 10000 habitantes se impartan os niveis I e II de EPA e de Bacharelato e FP para adultos, estendendo o nivel I e II de EPA a todo o país. Tamén reclamamos que tanto a EPA, como os PCPIs se impartan, como mínimo inicialmente, en todos os IES que estean impartindo ciclos formativos na actualidade. A Consellaría só manifestou que teñen a intención de facer unha oferta de EPA de maior distribución territorial.
Para a CIG-Ensino na orde que regula a EPA falta o programa de alfabetización que recolla a formación básica na nosa cultura, lingua, xeografía e historia, etc. Ademais, a CIG defendeu que se recollese nas dúas ordes a necesidade de que o alumnado se sensibilice coa necesaria normalización da nosa lingua e da nosa cultura e que o ámbito de comunicación sexa impartido normalmente por dous profesores ou profesoras, en atención á situación do noso idioma, sendo así impartidas por profesorado diferente a lingua galega e a lingua española.
A CIG reclamou que o nomeamento do profesorado para a comisión de avaliación e a determinación de a que profesorado lle corresponde impartir en cada ámbito se faga de acordo cos mesmos criterios que rexen a elección de curso. A Consellaría aceptou esta proposta da CIG mais indicou que se faría mediante unha circular, cuestión que a CIG non aceptou pois este tipo de medidas deben estar recollidas nas propias ordes ou no futuro ROC.
A Consellaría aceptou estudar a proposta da CIG de que tamén se poida acoller á modalidade de ensino a distancia o alumnado menor de 16 anos que teña problemas de saúde que lle impidan seguir o ensino en horario normal.
A CIG-Ensino propuxo que nos PCPI o profesorado técnico de Xestión Administrativa e Procesos Comerciais poida impartir o módulo de iniciativas persoais e relacións laborais nestes programas.
A CIG-Ensino reclamou, ademais, que se estabeleza que o profesorado, especialmente o de EPA, poida realizar a formación dentro do horario lectivo. A Consellaría soamente se comprometeu a realizar un plan de formación específico para este profesorado.
 

Volver