Mesa sectorial 4-5-09: OPOSICIÓNS 2009 (Oferta emprego público, valoración e Orde Convocatoria Oposicións Mestres)

Mesa Sectorial 4-5-09

Accede á información sobre o número de prazas ofertadas, a valoración da CIG ao respecto desta OEP e a toda a información detallada da mesa tanto da ofeta pública de emprego 2009 como da convocotaria de Oposicóns de Mestres

OFERTA EMPREGO PÚBLICO 2009
 E 
CONVOCATORIA OPOSICIÓNS MESTRES


1.- Oferta emprego público presentada pola consellaría.
2.- Valoración inicial da Oferta de emprego público.
3.- Información detallada da mesa sectorial sobre a OEP 2009 e convocatoria oposicións de Mestres.

1.- Oferta emprego público presentada pola consellaría

Consulta o CIG-Informa co número detallado de prazas de cada especialidade na seguinte ligazón.

2.-Valoración inicial da Oferta de emprego público

A Consellaría de Educación vén de informar na Mesa Sectorial de hoxe que non vai haber oposicións en Profesores/as Ensino Secundario, Profesores /as Técnicos/as de Formación Profesional, Escolas de Idiomas, Música e Artes escénicas e Artes plásticas e deseño. Oferta 740 prazas de mestres e 13 de Inspectores
 
Desde a CIG-Ensino, temos que lamentar que os novos responsábeis de Educación non crean emprego no ensino secundario.
 
A ausencia de oferta pública no ensino secundario, vén dada, sen lugar a dúbidas, pola negativa de incrementar os cadros de persoal dos centros de secundaria o que suporá non atender adecuadamente a atención á diversidade, non reducir o fracaso escolar, non reducir as rateos, non reducir o horario lectivo aos maiores de 55 anos, etc.
 
A necesidade dun acordo de estabilidade para o profesorado interino colle aínda máis forza e é máis necesario, neste momento, para facilitar o seu acceso como funcionario/a e facilitar tamén o ingreso de novo profesorado ao sistema educativo. Con este compromiso, poderíanse convocar oposicións nalgunhas especialidades de secundaria, tendo en conta o profesorado que se xubila e as necesidades que teñen os centros.
 
Con relación á oferta para o corpo de mestres, aínda sendo importante, redúcese en 188 prazas con respecto á do ano 2008. Para a CIG-Ensino, poderíase facer unha oferta maior, tendo en conta que para setembro de 2009 ten que aplicarse na súa totalidade o acordo asinado pola CIG-Ensino e outras organizacións sindicais, que supón un incremento de profesorado nos centros de ensino de primaria e infantil.
 
A oferta para o corpo de mestres, queda como segue: 
 
Especialidade
Reserva Discapacitados
Libres
Total
31. Educación Infantil
18
242
260
32. Inglés.
6
79
85
33. Francés.
2
28
30
34. Educación Física
6
69
75
35. Educación Musical
6
69
75
36. Pedagoxía Terapéutica
4
56
60
37. Audición e Linguaxe
4
51
55
38. Educación Primaria
7
93
100
 
A oferta no corpo de Inspectores será de 13 prazas.
 
A Consellaría ten pensado publicala coa maior celeridade, pero o decreto de oferta de emprego ten que pasar polo Consello da Xunta, o que suporá un certo retraso nas datas da súa publicación.
 
A CIG-Ensino fixo constar na mesa da convocatoria o noso rexeitamento a que non se nos enviase con antelación a oferta.
 
Noutra orde de cousas, a CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría o rexeitamento a calquera involución no marco da Normalización Lingüística, reclamándolle que en lugar de anunciar a derrogación do Decreto ten que poñer os medios necesarios para o seu cumprimento.

3.- Información detallada da Mesa sectorial sobre a Oferta pública de emprego e convocatoria de oposicións de Mestres

A Administración comeza informando que só hai oferta en Primaria, 740 prazas, e no corpo de inspectores, 13 prazas (non entregaron a convocatoria de inspectores e non nos dixeron cando o farán, non urxe e ademais queren ter garantida a cobertura dos tribunais de Primaria. Convocan 13 prazas porque hai 95 postos de inspectores dos que 82 están cubertos).

Para explicar a falta de oferta en Secundaria a Consellaría baseouse nas seguintes razóns:

-       os resultados das anteriores oposicións.

-       A porcentaxe de interinos está nun 5,6% o que aconsella unha maior prudencia na oferta. Hai 700 prazas de xubilación, das que 400 son de mestres de Primaria e 100 de mestres que imparten na ESO. As 200 restantes corresponde ás distintas especialidades de Secundaria.

-       Redución de alumnos nos ciclos de FP.

A convocatoria de Primaria, de 740 prazas, baséase pois en cubrir as 400 xubilacións, 57 prazas de nova creación e as restantes son o cálculo de profesorado interino que podería aprobar. Para repartir as 740 nas distintas especialidades tiveron en conta o número de interinos de cada unha e os resultados do concurso de traslados en que quedaron se cubrir vacantes de EF, EM, FF.

Desde a CIG-ENSINO manifestamos que se debeu facer un esforzo en adiantar a información de que ía haber oposicións e mesmo en que especialidades. Tamén deixamos claro que este non é o noso modelo de acceso á función pública docente. Vimos reclamando, como sistema excepcional e transitorio, un acceso diferenciado en función de se se conta ou non con servizos prestados á Administración educativa, xa que o actual sistema pode servir de elemento de confrontación entre colectivos. Para a CIG-ENSINO é unha evidencia neste momento que cómpre un acordo de estabilidade, que hoxe por hoxe posibilitaría, seguramente, a oferta de Secundaria.

Respecto da non convocatoria en Secundaria a CIG manifestou que sería posíbel realizar oferta en Secundaria se se incrementasen os cadros de persoal dos centros, algo que, por outro lado é necesario, se se queren acadar os obxectivos fixados polo Acordo de Lisboa para o ano 2010 que establece reducir a taxa de abandono da escolarización obrigatoria por debaixo do 15%. Cómpren cadros de persoal máis amplos para reducir as rateos, o fracaso escolar, aplicar a redución horaria aos maiores de 55 anos e poder realizar a atención ás necesidades educativas específicas. Ademais a CIG manifestou que é prexudicial para o profesorado que non se realice a convocatoria este ano pois supón perder un ano de oferta do período transitorio. Por todo o anterior reclamamos un esforzo orzamentario para incrementar os cadros de persoal dos centros.

Por outro lado a CIG non acepta que se empregue como argumento que non hai oposicións no resto do estado para que non a haxa en Galiza, especialmente cando os galegos temos no requisito do idioma unha ferramenta para contrarrestar o acceso de persoas procedentes doutros territorios, un elemento de potenciación dos nosos opositores.

Canto á oferta presentada a CIG-ENSINO lamentou non coñecer con antelación á reunión a proposta da Consellaría, pois deste xeito non se pode realizar unha valoración demorada. Para a CIG esta oferta debe garantir o cumprimento do acordo de 8 de xuño sobre a ampliación de catálogos e a aplicación de 21 horas lectivas para todo o profesorado, que segundo marca o propio acordo debe cumprirse definitivamente o 1 de setembro de 2009. A Administración respondeu que o acordo estaba cumprido coa resolución do Concurso de Traslados. En todo caso desde a CIG insistimos no seu cumprimento. Tamén agardamos que non poña en perigo o traballo do profesorado interino.

Para a CIG-ENSINO esta oferta parece inicialmente importante, mais non podemos dicir que é suficiente, agardamos que estean feitos os cálculos tendo en conta o acordo de catálogos, a súa aplicación nas unitarias e centros incompletos, e tamén nos centros completos.

A CIG-ENSINO reclamou que para o ano que vén coñezamos con tempo suficiente. Cando se vai publicar esta convocatoria? A resposta é que non vai ser mañá, nin pasado, aínda que o antes posíbel.

Sobre a convocatoria a CIG-Ensino esixiu que toda a proba se realice en galego, pois desde o noso punto de vista iso é o que cabe interpretar do artigo 33 da Lei da Función Pública de Galiza, que establece que unha das probas debe ser en galego, e aquí estamos falando dunha única proba. A convocatoria segue fixando que soamente haxa que presentar en galego a programación (un terzo da proba).

Canto aos tribunais continúa habendo cuestións que corrixir, por iso, desde a CIG insistimos, un ano máis, en que a Consellaría debe clarificar e informa debidamente aos tribunais que deben cinxirse a xulgar as probas e que non é o seu cometido xulgar o sistema. A Consellaría deberá dar instrucións ás comisións para que cumpran debidamente o seu cometido e para que estean debidamente coordinadas, pois segue habendo casos de diferenzas na actuación dos tribunais dunha mesma especialidade. A CIG reclamou que os tribunais deixen claro desde o momento da presentación, mesmo por escrito, cales serán criterios de avaliación e que se dea aos opositores o máximo de información. A CIG-Ensino tamén reclamou que:

Ø Que todos os membros dos tribunais sexan por sorteo. Non estamos de acordo con que as comisións, ao estar integradas só polos presidentes, acaben sendo comisións de persoas designadas pola Administración, por iso entendemos que sería mellor que se constituíse por sorteo entre os membros dos tribunais.

Ø Que se permita renunciar ao tribunal ao profesorado que participou nalgún tribunal nas tres anteriores convocatorias. Responden que tres anos lles parecen excesivos, que estudarán amplialo a dous.

Ø Canto á proporción de xénero para a composición dos tribunais que sexa proporcional á composición da especialidade. Responden que o poden estudar.

Ø Tribunais: non deberían exceder de 90 opositores por tribunal. Estudarano.

Ø As puntuacións de concurso non deberán coñecerse até rematar a fase de oposición. Manifestan que non poden retrasar o coñecemento destas puntuacións, porque se retrasaría todo o proceso, e porque o tribunal debe contar coa puntuación definitiva para o cálculo da nota.

Ø Garantir o anonimato (nalgunhas partes a numeración correlativa non o favorece). Aceptaron revisar este tema.

Ø No caso de Educación infantil, e considerando que non está publicado o Decreto, que se acepten as programacións que se presenten de acordo co Real Decreto 1630/2006 ou seguindo o Decreto galego 426/1991 e a orde que o desenvolve, que é o que empregan os centros na súa programación.  A Consellaría respondeu que o analizará.

Ø Explicitar o material que se pode utilizar na exposición das unidades didácticas e que todos os tribunais teñan os mesmos criterios.

Ø As prazas da quenda de discapacitados que non se cubran, especialmente no caso de materias en que non se presenta ninguén ou en que se están a presentar menos persoas que prazas, que se acumulen á oferta xeral.

Baremo:

Ø Profesorado de relixión: como acceden mediante un sistema anómalo non lles deberan ter en conta os servizos prestados como profesores para a súa baremación. A Consellaría responde que hai sentenzas que din que si se debe ter en conta.

Ø Que se compute o servizo de maternidade como servizos prestados.

Ø Formación: que se aclare debidamente como se puntúan os cursos do apartado 3.2. (outros méritos). Que se puntúen as imparticións de cursos inferiores a cinco horas, que se estableza unha puntuación por hora.

Ø Puntúanse os cursos de Iniciación e Perfeccionamento, mais non o Celga 4 porque non se considera un curso de formación. Demandamos que se puntúe igualmente, tal e como se fai coas validacións de Iniciación e perfeccionamento. Analizarano

Ø Aclarar na convocatoria que a asignación da puntuación é un acto público (momento en que o tribunal abre as plicas e asigna a nota de cada parte a cada opositor). Recollerano nas instrucións.

Ø Que nos apartados 2.5. e 3.2. se inclúa a formación en normalización lingüística como transversal. Analizarano

Ø Máis recursos humanos para procurar que non haxa tantos erros nas baremacións.

 

A CIG-ENSINO manifestou que entende que se reduzan os prazos pensando en que as probas se poidan realizar nas datas habituais, mais reclamou que non haxa os cambios de última hora do ano pasado e que no caso de que haxa que realizar algunha modificación que se lle comunique debidamente aos opositores evitando confusións. Responden que procurarán que non se volva producir.

 

A Consellaría aceptou substituír os seis meses requiridos para ter dereito ao informe por 180 días, tal e como viu reclamando a CIG estes anos. Ademais reivindicamos que non haxa que estar en activo no momento de se publicar a convocatoria no DOG para ter dereito ao informe.

 

A CIG-ENSINO tamén reclamou que o profesorado nomeado pola Consellaria que imparte en centros doutras Administracións poida acollerse ao informe, mais a Consellaría di que non se pode facer e que ese profesorado opta a esas prazas sabendo que non terá dereito ao informe.

 

A CIG-ENSINO reclamou que unha vez superada a oposición, durante o período de prácticas o permiso por maternidade ou a baixa por risco no embarazo computen como tempo efectivo no centro, pois do contrario sería unha discriminación que afectaría exclusivamente ás mulleres. A Consellaría mostrou disposición a flexibilizar as posíbeis situacións.

 

 

Volver