Mesa Sectorial 4-12-2008.Varios: Simboloxía franquista nos centros, simboloxía relixiosa nos centros, Normalización Lingüística e libros de texto, Orientación, vacantes concurso traslados, Sexenios...

Información Mesa 4-12-08

Na Mesa Sectorial 4-12-2008 ademais de tratarse o concurso de traslados do profesorado de relixión tratouse o punto de varios no que a CIG preguntou cuestións relativas a: Calendario de temas a negociar, Simboloxía franquista e relixiosa nos centros, Normalización Lingüística e libros de texto, Orientación, vacantes concurso de traslados, supresión optativas, Sexenios,...

Mesa Sectorial 4-12-08

 

TEMAS PRESENTADOS POLA CIG-ENSINO AO FINAL DA MESA SECTORIAL DE 4 DE DECEMBRO DE 2008

 

Calendario de temas a negociar

 

Desde a CIG-Ensino demandamos un calendario de temas a negociar. Xa temos presentado un escrito a primeiros de curso dicindo cales son os temas que queremos que se negocien neste curso. Dentro dos temas a negociar hai algúns que para a CIG-Ensino son prioritarios, e que están avalados por 8125 sinaturas presentadas no seu día exixindo da Consellaría a negociación de certos temas que redundan na calidade do Ensino, como son a dotación de administrativos a todos os centros, a redución das rateos, a aplicación da redución horaria a maiores de 55 anos e outros temas, recollidos na campaña rematada este trimestre.

Reposta: a Consellaría non se comprometeu a presentar un calendario de temas a negociar, escusándose en que nos momentos de crise en que estamos non se poden abordar determinados temas. Con todo, despois da nosa insistencia matizaron que a súa non era unha negativa definitiva. Dixeron tamén que están traballando nos ROC.

 

Negociación dos postos de difícil desempeño: parécenos axeitado que se inicie a negociación tal e como demandáramos, pois cómpre revisar unha relación que data de 1990.

 

Simboloxía relixiosa nos centros

 

Desde a CIG-Ensino consideramos desafortunadas as declaracións da Conselleira ao dicir que é competencia dos centros a retirada deste tipo de simboloxía. Desde a CIG-Ensino recordamos a sentenza de Castela-León. A simboloxía relixiosa non ten cabida nos centros educativos, o ensino ten que ser laico. Pedimos que se actue dalgunha maneira, por exemplo enviando unha circular aos centros e que se vele porque non haxa simboloxía relixiosa nos centros.

Reposta: di que este problema non se dá na maioría dos centros de Galiza e que o caso concreto que saíu na prensa xa está solucionado. En todo caso, de ter coñecemento de que nun centro hai simboloxía relixiosa persuadirano para que sexa retirada

 

Normalización lingüística

 

Pedimos que se actúe ante a contestación que o Delegado de Educación de Coruña enviou a un Instituto de Pontedeume, despois dun escrito emitido pola inspección educativa, e no que se pronuncia ao respecto dos materiais que deben usarse en materias de obrigada impartición no noso idioma. Trátase dunha resposta inadecuada, pois é contraria ao que recolle o artigo 13 do Decreto 124. Solicitamos unha resposta por parte da Consellaría e unha posición clara, pois hai certos colectivos que queren empregar este tipo de erros coa finalidade de contribuír á desaparición do galego no Ensino.

Reposta: A Consellaría confirma que están a recibir escritos de pais que solicitan que os seus fillos teñan o material escolar das materias a impartir en galego en español. Infórmannos de que van desestimar estas solicitudes en base ao que recolle o artigo 13 do Decreto, que é moi claro ao respecto de que o material desas materias ten que estar en galego. (Artigo 13º.-Elaboración e publicación de materiais curriculares en galego.

1. Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.

2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos aos que se refire o parágrafo anterior estarán escritos, con carácter xeral, en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fomentarán a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.)

Tamén se comprometeron, a petición da CIG, a enviar instrucións aos centros, para deixar clarificado o tema de que os materiais teñen que ser en galego.

 

Orientación:

 

A CIG-Ensino pediu a retirada da Circular de Orientación enviada este curso, na que se recolle que os orientadores farán gardas. A CIG reclamou que se retire en base a que trata sobre as condicións de traballo do profesorado e non foi tratada na Mesa sectorial. Neste mesmo sentido xa nos pronunciamos nalgunhas Xuntas de Persoal.

Reposta: desde Educación responden que esa circular foi enviada despois de consultar a lexislación e que é conforme con ela.

            Desde a CIG-Ensino manifestamos que cómpre que sexa negociada e que, en todo caso, haberá que pór límites.

 

            Por outro lado o vindeiro martes día 9 de decembro haberá unha nova reunión para tratar novamente o Borrador de Decreto sobre Atención á diversidade e tamén para aclarar a aplicación do acordo de 8 xuño ao respecto do cómputo de unidades para establecer os Departamentos de Orientación.

 

Vacantes do Concurso de Traslados

 

Desde a CIG-Ensino queremos saber se se van negociar as vacantes do concurso correspondentes ás delegacións de Coruña e Pontevedra nas correspondentes Xuntas de Persoal. Pedimos que se dean instrucións nese sentido. Como desde estas Delegacións non o fan, reiteramos de novo nesta mesa que se lles dean instrucións para obrigalas a negociar e que se faga canto antes.

 

-Prazas da Escola Superior de Arte Dramática (E.S.A.D.): temos noticia de que se pretende convocar vacantes para o concurso de traslados na ESAD, para a CIG-Ensino é un despropósito que se saquen prazas neste centro cando non hai profesorado en expectativa nin definitvo en Galiza, xa que nunca houbo oposicións, o que significaría na práctica que viría profesorado de fóra, e non se recolle a esixencia da competencia lingüística no noso idioma, algo fundamental nunha escolar que pretende formar os actores galegos do futuro. Non estamos de acordo con que se saquen vacantes neste centro, porque entre outras cuestións habería que aclarar que pasa co profesorado que actualmente está alí.

Reposta: din non ter información sobre se vai haber vacantes ou non (tamén din que se as hai non poden deixar de sacalas), admiten que podería acceder xente de fóra. En todo caso din que aceptan e van recoller o requisito lingüístico. Analizarán con cautela o tema das vacantes neste curso.

 

-Vacantes de Grego para o concurso de traslados: desde a CIG-Ensino que se revisen e que se convoque algunha vacante no concurso.

 

 

Simboloxía franquista nos centros


Desde a CIG-Ensino gustaríanos saber que se leva feito ao respecto.

Reposta: din que van avanzando, que teñen problemas puntuais con centros que se poida considerar que son elementos patrimoniais (vidreiras...)

 

Supresión de Optativas en ESO e BAC


A CIG-Ensino presentou un escrito, dirixido á Secretaría Xeral, denunciando este supresión. Os centros estiveron impartindo estas materias, pode ser que estes centros non seguisen a norma establecida, mais hai que ter en conta que o alumnado estivo recibindo clase até novembro e agora suprímeselle, de que se van avaliar? Ademais, hai que ter en conta que as caracteríticas de cada centros son diferentes, que hai centros pequenos que están en precario ao respecto dos que teñen máis alumnado, pois se lles reduce a optatividade.

Reposta: Consellaría explica que se suprimiron as optativas naqueles centros que non cumpriron o recollido na norma, por agravio comparativo con outros centros que si a cumpren. Porén acepta que esta supresión se realizou demasiado tarde e que xera un novo problema prexudicando o alumnado.

 

Sexenios

 

Parécenos axeitada a circular enviada, mais cómpre que se recoñeza de oficio o tempo traballado, incluíndo o ano de prácticas para a acreditación de sexenios. Reposta: xa empezaron a enviar as primeiras certificacións de servizos, incluíndo o ano de prácticas.

 

Apertura de Listaxes Interinidades/Substitucións

 

Desde a CIG-Ensino denunciamos que se están abrindo listaxes para interinidades e substitución e non se nos convoca, como organización sindical, a ningunha comisión de baremación.

Resposta: Hai un acordo dos asinantes da addenda (que non asinou a CIG) pola que se aplica o mesmo baremo que o do último procedemento selectivo e xa non se convoca nas comisións. Se se propuxese un baremo novo, este pasaría pola mesa sectorial.

            Desde a CIG insistimos na necesidade de que as organizacións sindicais esteamos presentes cando se aplica ese baremo, especialmente no caso das materias en que non houbo oposición (chinés, xaponés, árabe...)

 

Listaxe de Inspectores para substitucións

 

Desde a CIG-Ensino demandamos que se faga pública na páxina web esa listaxe.

Reposta: volverana pór

 

Centros concertados que segregan alumnado en función do sexo

 

Desde a CIG-Ensino denunciamos a posición timorata que está tendo a Consellaría, permitindo e financiando este centros. Preguntamos se se van seguir financiando. Recordemos que estes centros foron subvencionados con  máis de 2.000.000 € dos orzamentos da Consellaría de Educación e o feito de que segreguen o alumnado por razón de sexo debería ser motivo suficiente para que se lles retirase o concerto e, que nós saibamos, nin sequera teñen un apercibimento.

Reposta: a Consellaría está a traballar na convocatoria de novos concertos e entende que non se pode separar o alumnado por razón de sexo, cuestión que terán en conta á hora de conceder os concertos e para iso vano deixar claro nas normas de matriculación.

 

Horas de dinamización fóra do horario do alumnado

 

Desde as inspeccións, polo menos as de Lugo, estase impedindo aos centros que as horas de dinamización se realicen fóra do horario do alumnado. Desde a Consellaría deben darse instrucións claras ao respecto.

Reposta: enviarán instrucións aos centros aclarando que as horas de dinamización poden realizarse tamén fóra do horario lectivo.

 

Prazas nos C. Mús. Superior da Coruña e Vigo

 

Non se aplican as rateos que corresponde a Conservatorios superiores, dotación de conserxes e administrativos, que si que se levou a cabo en Vigo. Ademais en Vigo falta profesorado de certas especialidades como viola, trombón, guitarra e dúas de piano acompañante.

Reposta: din que non hai vacantes pendentes de cubrir.

 

Cerámica na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña

 

Matriculáronse 14 alumnos e logo anulouse a matrícula. Que vai facer a Consellaría?

Reposta: a profesora está impartindo docencia en Lugo e parece que estará todo o ano, non se trata dun ciclo formativo, senón dun curso que está condicionado a que haxa orzamento.

 

Artes Gráficas (CIFP Compostela de Santiago)

Houbo unha protesta do alumnado dos estudos de Artes Gráficas con motivo da visita ao centro, no mes de novembro pasado,  do presidente da Xunta. Esta protesta débese a que o alumnado manexa materiais perigosos para a súa saúde e o centro non conta coas instalacións adecuadas, que xa se solicitaron anteriormente. Nesa protesta o alumnado esparciu nalgunha zona do centro algún dese material tóxico. A inspección enviou un escrito ao Director do centro e este ao profesorado, pedindo un informe sobre o tema. Nese centro fíxose unha avaliación de riscos e queremos saber se a Consellaría ten pensado actuar ao respecto.

 

“Instrucións” da delegación de Coruña sobre licenzas e permisos

 

Desde esta delegación, non sabemos se desde algunha máis, increméntase a carga burocrática das direccións obrigándoas a que envíen por correo postal todas as licenzas e permisos que solicite o profesorado deses centros.  Desde a CIG-Ensino solicitamos a retirada desa “instrución”.

Reposta: descoñecen a existencia desas instrucións

 

Xefatura de Departamento e FCT

 

Estes nomeamentos son até o 31 de agosto, mais exércese o cargo tamén en setembro. Logo para a nova persoa que ocupa o cargo o nomeamento comeza o 1 de outubro, cando comezou a desenvolver o cargo a mediados de setembro (isto é así sempre nos departamentos unipersoais). Esta situación dase co profesorado provisional e co definitivo que se traslada por concurso, dándose a paradoxa de que un profesor provisional que volve ter destino no mesmo centro, exerceu a xefatura no mes de setembro e, porén, nin ten nomeamento, nin percibe a retribución correspondente. Hai que darlle unha solución a este tema..

Reposta: di que iso é así para o profesorado provisional, para o definitivo non, porque os nomeamentos teñen efectos de 1 de setembro.

 

Acompañantes Transporte Escolar

 

Desde a CIG-Ensino pedimos que a Consellaría de Educación interveña, pois dos 900€ que se destinan para os acompañantes do transporte escolar, estes só perciben 175€, e non parece que os custes salariais poidan ser tan elevados.

Reposta: dísenos que a Consellaría asinou un acordo coas empresas de transporte seguindo o que recollen os convenios provinciais de transporte. Que se as empresas non cumpren é un tema que haberá que levar á inspección de traballo.

 

 

Volver