
Mesa sectorial 27-5-08. Varios: FONDO ACCIÓN SOCIAL, ITINERANCIAS, EPA, Nóminas Persoal comedores, Decreto Bacharelato, ...
Mesa sectorial 27-5-08: Información de varios
MESA SECTORIAL DE 27 DE MAIO DE 2008
INFORMACIÓN de ROGOS e PREGUNTAS
A CIG-Ensino, na Mesa Sectorial de 27 de maio, presentou os seguintes temas no punto de varios:
Constitución da mesa sectorial: desde a CIG-Ensino estamos cansos de reclamar a constitución da Mesa Sectorial de acordo cos resultados electorais (as eleccións celebráronse en decembro de 2006). Hai dous meses xa que debería estar constituída a Mesa coa nova distribución (hai organizacións sinidicais que xa non lles corresponde estar). Reclamamos que a vindeira mesa se convoque de acordo coa nova composición.
Instrucións para o aboamento das itinerancias: a Consellaría comprometeuse a enviar unhas instrucións aos centros para explicitar como se deben facer estes aboamentos. Desde a CIG-Ensino demandamos que debe recoller as itinerancias do programa PROA. Está rematando o curso e aínda non se enviaron.
Fondo acción social: acaba de realizarse unha modificación na tramitación do Fondo Social que implica máis traballo para as direccións dos centros, pois están obrigados a revisar as solicitudes e a súa documentación, e en moitos casos estamos a falar de centros que non contan con adminsitrativos. Ademais está habendo problemas coa aplicación web, está o servizo colapsado, e non se atende desde os teléfonos de Presidencia, o que está a xenerar inquietude entre o profesorado. A CIG-Ensino demanda que se traslade esta queixa a Presidencia e que se resolva a situación.
Educación Permanente de Adultos (EPA): desde a CIG-Ensino queremos trasladar a preocupación do profesorado en relación cos criterios de asignación de ámbitos, estamos ante ámbitos de moita amplitude, o que pode supor dificultade para o profesorado ao desaparecer a posibilidade de que cada profesor ou profesora poida impartir só a súa especialidade. Por tanto demandamos que se revise a asignación de especialidades dos ámbitos.
A Consellaría resposta que tamén recibiu o escrito remitido polo profesorado de EPA e que tiveron xuntanzas cos directores, coñecen a preocupación do profesorado, mais indican que a norma non se pode modificar e que é preceptivo que estea recollido deste xeito, pois na EPA non está contemplada a especificidade das materias, senón máis ben todo o contrario. Con todo trasladarán á inspección que sexa flexíbel á hora de distribuír este ámbito entre o profesorado (permitindo que poida impartir máis dun departamento dentro do ámbito científico-técnico).
Ensinanzas artísticas: desde a CIG-Ensino queremos saber se existe un proxecto sobre a estrutura das ensinanzas artísticas, reclamamos información sobre este tema e reclamamos que se traia á Mesa.
Respostan que toda a documentación relativa a este tema vai pasar pola Mesa e non hai ningún documento oficial.
Persoal de comedores: temos coñecemento de que no inicio de curso se comunicou que non había que facerlle o desconto do IRPF aos colaboradores do servizo de comedor, mais agora comunícase desde Educación que si hai que facelo. Non poden existir estes desaxustes, hai que dar a información exacta desde o principio.
Formación: desde a CIG-Ensino propoñemos que se revise a distribución territorial para a realización de cursos de formación nos CEFOREs en atención ao profesorado que traballa e vive en provincias diferentes.
Decreto de Bacharelato: a CIG-Ensino esixe que volva o tema á Mesa Sectorial.
Calendario de temas a negociar: xa non ten sentido volver reclamar o calendario de temas a negociar cando está para rematar o curso, mais é lamentábel que, despois de varios escritos e demandas non se trouxese á Mesa en todo o curso.