Mesa sectorial 15-5-08: DESTINOS PROVISIONAIS MESTRES E SECUNDARIA para o curso 2008-09. Rogos e preguntas da Mesa

Mesa sectorial 15-5-08 Destinos provisionais e rogos e pregu

Na mesa sectorial do 15 de maio de 2008 tratáronse, ademais da Ordes de Xornada Única e o Calendario escolar, as normas para a adxudicación de destinos provisionais para o curso 2008-09 tanto do corpo de Mestres como dos diferentes corpos de Secundaria. Accede aquí tamén ó apartado de Rogos e preguntas desta mesa sectorial
 
MESA SECTORIAL 15-05-08

1.- Destinos provisionais Mestres e Secundaria 08-09
2.- Rogos e preguntas da mesa sectorial 15-5-08
 
1.-DESTINOS PROVISIONAIS MESTRES E SECUNDARIA para o curso 2008-2009
 
 
A Consellaría informa das novidades da convocatoria deste curso en SECUNDARIA:
 
-Base 3ª: Profesorado de EOI con destino definitivo: A explicación de que poidan participar neste concurso, segundo a consellaría, é que no 07/08 creáronse máis extensións que as que existían no 06/07 (actualmente hai sobre 9 extensións). Ao haber tantas extensións e o profesorado definitivo non pode acceder e si os opositores e funcionarios en expectativa, a consellaría decidiu excepcionalmente, mentres non se regulen estas extensións, que as/os funcionarias/os de carreira poidan acceder temporalmente.
.
 
-Administración de empresas: este curso cambia a convocatoria xa que este ano hai oposicións da especialidade de Economía e quedan poucos funcionarios en expectativa da especialidade de Administración de empresas (sobre uns 10). Por iso limitan aos que teñan a especialidade de economía. Este requisito non se estende ao funcionarios en expectativa de Procesos comerciais xa que é un número elevado en expectativa.
 
-Hai un erro no borrador xa que aparecen dous apartados f). Sobra o primeiro.
 
 
A Consellaría informa das novidades da convocatoria deste curso en MESTRES :
 
-Especialidade Primaria: Explican que o profesorado interino e substituto que traballou até este curso, poderá solicitar neste concurso prazas da especialidade correspondente e de “primaria”. No apartado f) nas novas relacións que se elaboren a partir da oposición do ano 2008 cada opositor/a figurará (se posúe a titulación correspondente -anexo II-) unicamente na da especialidade á que se presentou.
 
-Adxudicación de oficio para mestres provisionais: Recoñecen que a redacción non é moi afortunada. Aclaran que mentres haxa vacantes das propias especialidades para as que se está habilitado farán a adxudicación de oficio por estas especialidades. Só no caso de non haber vacantes das propias especialidades adxudicarían de oficio noutras especialidades, agás FI e Orientación. Neste caso o criterio de adxudicación será: 1º Centro; 2º Especialidade.
Insisten na posibilidade de adxudicar de oficio noutras especialidades distintas ás propias por seguridade, evitando así a posibilidade , remota segundo din, de que alguén puidese non obter destino.
Réplica CIG: Opoñémonos rotundamente.
 
 
Sobre os documento que se debatían a CIG-Ensino fixo as seguintes demandas:
 
Demandas da CIG para as dúas convocatorias:
 
-Como un previo a esta orde, a CIG-Ensino manifestou que debe poder optar ás comisións de servizo por conciliación da vida laboral e familiar tanto o profesorado en prácticas como o profesorado interino, ordenándoos a cada un dentro do seu colectivo.
Resposta:  Non a contemplan xa que sería tarde. En todo caso, interpretan que a orde, tal e como está redactada, inclúe ao profesorado que está actualmente en prácticas e que pasará á situación de funcionario de carreira a partir do 1 de setembro. Diante da nosa insistencia afirmaron que colgarían esta información na web da Consellaría.
 
 
-Adxudicación de vacantes: non pode suceder o que está pasando curso tras curso: Aparición de tantas vacantes (interinidades) logo de facerse a adxudicación definitiva. Neste asunto hai responsabilidades!. É comprensible que haxa algún erro, pero non é admisible que un número importante de vacantes aparezan logo da adxudicación definitiva. Outra cuestión: debe quedar claro quen carga as resultas das/os liberadas/os sindicais, as resultas das comisións de servizo, ... É a consellaría? Son os centros?
 
-Desde a CIG-Ensino demandamos unha especial atención aos perfís das vacantes para proporcionar unha mellor información aos participantes: prazas de EI-apoio, prazas de ocio en escolas fogares, liberados sindicais, afíns, prazas itinerantes...
Resposta: aceptan que a inspección educativa se responsabilice máis das vacantes que se ofertan, incluíndo os perfís das mesmas.
 
- O centro debe funcionar como rexistro para entrega de solicitudes deste concurso.
 
-Vacantes: A CIG esixe que se negocien as prazas nas xuntas de persoal e que se publiquen as provisionais antes de que se peche o prazo.
Resposta: non van a publicar con antelación as vacantes. Están de acordo en que se negocien nas Xuntas de Persoal.
 
-Para a CIG os concelleiros teñen dereito ao posto de traballo que desempeñaban cando foron elixidos . A CIG-Ensino solicita que quede ben claro que só poderían exercer o dereito preferente á localidade no caso de que ese posto desaparecese (supresión).
Resposta:mellorarán a redacción para que fique claro que só se ten dereito preferente á localidade cando non existe vacante no centro no que estaban destinados cando foron electos.
 
-Desde a CIG esiximos que non se deben adxudicar itinerancias de oficio, xa que así aparece no acordo de itinerantes asinado pola CIG.
Resposta: Aceptado.
 
-Elección de provincia: non aparece nas convocatorias en que prazo o profesorado interino ou substituto ten que escoller provincia/s (se así o desexa).
 
-Desprazados por falta de horario: debe haber unha comunicación da consellaría ao profesorado afectado, publicar estas relacións de persoal na páxina web e que se explique cal é a razón dese desprazamento.
 
-A adxudicación provisional debería coñecerse no mes de xuño, antes de rematar o período lectivo. O único colectivo que tería que facer ou modificar a súa petición durante as vacacións serían os aprobados nas oposicións. Así, a adxudicación definitiva podería realizarse na 1ª semana de agosto ou agardar aos primeiros días de setembro.
 
-A CIG rexeita que se fagan adxudicacións de oficio para outras especialidades solicitadas como afíns.
Resposta: Para Secundaria aceptan a nosa proposta de que só se poda adxudicar destino nunha especialidade afín con carácter voluntario.
 
Demandas da CIG específicas para a convocatoria de MESTRES:
 
-Desde a CIG-Ensino demandamos que as afíns en primaria deben ser excepcionais. Ademais non é como en secundaria xa que en Mestres só se pode marcar afíns pero non se poden escoller. Outra cuestión: que se considera especialidade afín?
Resposta: non aceptan, tal e como lle solicitamos desde a CIG-Ensino seguindo o criterio de Secundaria, de que o propio solicitante seleccione as afíns que quere impartir. Aseguran que a LOE di que todos os mestres teñen competencia en todas as áreas. Tamén afirman que a próxima reforma do Espazo Europeo de titulacións superiores implicará a creación de 2 únicas especialidades (Infantil e Primaria) e que Haberá que debater a continuación se se manteñen as especialidades do profesorado.
 
-Na adxudicación de destinos en Mestres, desde a CIG-Ensino esiximos que se publique na web como en Secundaria (e non por orde alfabética): por especialidades ou por colectivos preferentes, e dentro de cada colectivo por orde de preferencia. No colectivo de comisións por conciliación que apareza ao lado do centro adxudicado a resulta (se é o caso).
Resposta: aceptan a nosa proposta de que, ademais de por orde alfabética, a adxudicación de destinos se publique por especialidades e por colectivos, par facilitar o control e seguimento por parte do profesorado participante.
 
-Na convocatoria de Mestres non aparecen prazos nin datas nin de adxudicación provisional, nin definitiva, ...
Resposta: Afirman, en resposta á nosa demanda, que incorporarán na resolución que se publique datas de referencia para as distintas publicacións das adxudicacións.
 
-Adscricións funcionais Mestres: a CIG-Ensino criticou o feito de que actualmente nalgúns centros se estean a producir adscricións funcionais sen ningún tipo de control. Para cando a causa son motivos de saúde, están as comisións de servizo. En todo caso estas adscricións deben facerse públicas.
Resposta:. A Consellaría interpreta que os cambios de especialidade con carácter provisional previos á oferta de vacantes non teñen ningún problema sempre e cando se fagan con arranxo á norma.
Réplica CIG: Desde a CIG demandamos que todo posíbel cambio pase pola Xunta de Persoal e que non se permita ningún cambio que non estea previamente consensuado entre o profesorado.
 
-Desde a CIG-Ensino estamos en contra da posibilidade de colocar de oficio aos suprimidos que non teñen vacante na súa zona como substituto de zona en especialidades nas que non se está habilitado.
 
-Os mestres de 1º ciclo de ESO suprimidos ou desprazados teñen que poder solicitar prazas en 1º ciclo.
Resposta: . Aseguran que non é obxecto desta convocatoria. Aínda así afirman que estas vacantes irán diminuíndo. Recoñecen que hai un acordo implícito da Mesa Sectorial para que se oferten aquelas prazas que teñan demanda. Desde a CIG-Ensino aproveitamos para denunciar a retirada de 5 vacantes e 5 resultas no Concurso Xeral de Traslados, unha demostración de que a Consellaría non está a cumprir o pactado. Curiosamente Canosa informa da diferente interpretación existente a día de hoxe a nivel estatal entre as distintas administracións educativas. A Consellaría de Educación defende que todos os mestres e mestras que tiñan destino definitivo a 24 de maio de 2006 na ESO teñen dereito a pedir destinos na ESO, aínda que actualmente estean en Primaria. O resto das CC.AA. interpretan que a marcha á Primaria supón a perda do dereito a pedir destinos na ESO.
 
 
 
Demandas da CIG específicas para a convocatoria de SECUNDARIA:
 
 
-Desde a CIG pedímoslle á consellaría que nos explique que se considera materia afín.
 
-Profesorado de procesos comerciais: deberan poder solicitar as prazas correspondentes para poder impartir en certos módulos dos PCPIs.
RespostaMóstranse de acordo coa proposta da CIG-Ensino de que este profesorado poda impartir estes módulos. Así e todo consideran que a escasa carga horaria que supón non vai ter unha incidencia importante
 
-Desde a CIG-Ensino demandamos que deben perfilarse ben as prazas e que non saian con máis horas de afíns que da propia especialidade.
 
-Inicio contrato profesorado interino SECUNDARIA: desde a CIG-Ensino esiximos que a data con efectos económicos e administrativos non debe ser a de inicio do curso senón a data de toma posesión no centro.
 
-Cadros persoal secundaria: desde a CIG demandamos que para calcular os cadros (nº de profesorado de cada departamento) non se divida o número de horas do departamento entre 18 senón entre 15.
 
-Adxudicación provisional e definitiva de FP: deberan coñecerse as datas destas adxudicacións para o profesorado de FP.
Resposta: Afirman, en resposta á nosa demanda, que incorporarán na resolución que se publique datas de referencia para as distintas publicacións das adxudicacións.
 
-Solicitamos a inclusión da titulación de Diplomado en Terapia Ocupacional no anexo VI para a especialidade de “servizos á comunidade” (591-225).
 
 
 
Outras respostas da Consellaría:
 
·         Cubrir código de provincia: En canto a poder escoller provincia sen ter que cubrir cada un dos códigos desa provincia aseguran que iso pode dar lugar a moitos problemas informáticos como os da adxudicación de hai dous cursos, mais que revisarán esta posibilidade.
 
·         Exixencia de titulación superior para postos de Orientación. Din que o decreto 120/98 só fala de preferencia e non de obrigatoriedade de contar cunha licenciatura polo que non poden esixila.
 
·         Comunicación da obriga de participar aos novos substitutos que nunca pediron destino. Aceptan que se lles envíe unha comunicación para evitar que alguén, por descoñecemento, poida quedar sen participar.
 
 
 
 
2.- ROGOS E PREGUNTAS MESA SECTORIAL 15-05-08
 
-Desde a CIG-Ensino rexeitamos as “formas” nas que a Consellaría deu resposta a unha solicitude da CIG de entrevista sobre o decreto de Bacharelato. Non se nos pode responder mediante unha carta logo das mobilizacións, folga, ... Esta cuestión non pode darse por pechada.
 
-Equipos de normalización Lingüística: A CIG entregou xunto coa AS-PG e MNL as sinaturas de 190 equipos de normalización lingüística se non hai un cambio de rumbo por parte da consellaría: plans de formación do profesorado, plan de integración do alumnado inmigrante, ... Fíxose unha norma e a Administración mira para outro lado e non vela polo cumprimento do decreto.
 
-Desde a CIG-Ensino denunciamos que o centro privado “Los Sauces” de Pontevedra non se cumpre o horario da materia de lingua e literatura galega.
Resposta: pasarán o tema á delegación provincial.
 
-Desde a CIG-Ensino insistimos en coñecer cando se van negociar os Regulamentos Orgánicos.
Resposta Recoñecen a existencia de problemas que seguramente provocarán que non se negocie antes de finais de curso.
 
-Desde a CIG-Ensino esiximos a constitución da Mesa Sectorial segundo os resultados das últimas eleccións sindicais. A Consellaría comparte o noso malestar e di estar á espera da comunicación formal de Función Pública. Nós insistimos na fraude que se está a cometer coa presenza dalgunha organización que non ten dereito a estar na Mesa.
 
-Adxudicación de oficio nos CRA. A Consellaría confirma que se adxudicaron de oficio vacantes nos CRA. Estes postos de traballo que de feito serán itinerantes só teñen esta consideración aos efectos do dereitos recollidos no acordo de itinerantes (gastos de desprazamento, ...), mais non á hora de adxudicar con carácter forzoso, xa que no concurso os CRA considéranse como un único centro ordinario.
 

Volver