Mesa sectorial 15-5-08: A proposta da CIG de restablecer a xornada reducida continua de xuño e setembro foi rexeitada pola consellaría de educación co apoio dos sindicatos CCOO, UGT, ANPE e CSI-CSIF

Mesa sectorial sobre calendario escolar e xornada única

Na Mesa Sectorial do 15 de maio, a Consellaría non aceptou na negociación do calendario escolar, co apoio de CCOO, UGT, ANPE e CSI-CSIF, a proposta da CIG-Ensino de restabelecer, en todos os centros educativos, a xornada reducida de xuño e setembro, suprimida o curso pasado.
HOXE TRATOUSE NA MESA SECTORIAL O CALENDARIO ESCOLAR PARA O CURSO 2008-2009 E ORDE QUE REGULA A XORNADA ÚNICA
 
A proposta da CIG de restablecer a xornada reducida continua de xuño e setembro foi rexeitada pola consellaría de educación co apoio das organizacións sindicais CCOO, UGT e ANPE
 
Hoxe, 15 de maio, na Mesa Sectorial, a Consellaría non aceptou na negociación do calendario escolar, co apoio de CCOO, UGT e ANPE, a proposta da CIG-Ensino de restabelecer, en todos os centros educativos, a xornada reducida de xuño e setembro, suprimida o curso pasado.
A Consellaría, ao reafirmarse na proposta do curso pasado, vén de amosar o seu autoritarismo e prepotencia ao non atender a consulta realizada pola CIG-Ensino nos centros de EI, EP e CPIs na que o 78,55% do profesorado de infantil e primaria (8.548 profesores de 10.871 afectados) exixía da Consellaría de Educación o mantemento da xornada reducida de 4 horas durante os meses de xuño e setembro. Así mesmo, nesta consulta, o profesorado exíxelles aos sindicatos, que o curso pasado acordaron coa Consellaría a supresión da xornada reducida, a súa rectificación e que non aceptaran ningún acordo coa Consellaría que supoña a liquidación deste tipo de xornada. Malia isto hoxe CCOO, UGT e ANPE apoiaron a proposta da Consellaría para que no calendario para o curso 2008/2009 non haxa a xornada reducida.
A CIG-Ensino fixo, entre outras, as seguintes propostas para o calendario escolar 2008/2009:
  • Que o curso para Infantil e Primaria comece o 12 de setembro e remate o 22 de xuño, en secundaria, que se inicie o 18 de setembro e remate o 22 de xuño. A respecto disto a Consellaría quedou de dar unha resposta nos próximos días a esta proposta.
  • Que as vacacións de semana santa sexa a partir do xoves santo e abranga a semana seguinte. A Consellaría amosou o seu acordo pero rexeitouna escusándose na oposicións que existe a esta proposta entre certos sectores da comunidade educativa.
  • Que se conmemore nos centros a data do 10 de marzo como día da clase traballadora galega.
  • Que as conmemoracións nos centros relativas ás distintas etapas educativas que fan referencia ao santoral sexan suprimidas pola súa connotación confesional. Tendo en conta ademais que o seu carácter non lectivo concentrouse no día do ensino que para o curso que vén celebrarase o 20 de marzo. A Consellaría aceptou esta proposta.
 
Orde pola que se establecen os criterios para acollerse á xornada única
A Administración sigue sen asumir a proposta da CIG-Ensino que se concreta en:
  • O transporte escolar nunca debe condicionar a xornada lectiva que decida o centro. 
  • Para proceder á implantación da xornada única soamente se debera requirir a participación do 50% do censo (un voto por unidade familiar) e o voto favorable de 2/3 dos participantes.
  • Suprimir a imposibilidade de iniciar en tres anos un novo proceso para cambiar á xornada única se o resultado da votación foi negativo
  • Que a xornada mixta proposta pola Consellaría se poida conceder cunha xornada soamente pola tarde.
A Consellaría reafírmase que se necesita o informe do servizo de transporte escolar para que os centros se acollan á xornada única e sempre que supoña incremento de custe non será concedida. En cambio; asumen a proposta da CIG de que se compute un só voto por unidade familiar. Continúan defendendo os tres quintos dos votos afirmativos do censo para establecer a xornada única. E finalmente a Consellaría rebaixa a proposta de xornada mixta de tres a dúas xornadas á tarde. E os centros poderán solicitar de novo a xornada única unha vez transcorridos dous anos de que fóra rexeitada en votación.
Para a CIG-Ensino segue sendo insuficiente a proposta da Consellaría, polas porcentaxes que piden de participación, mais, fundamentalmente, porque con esta proposta haberá centros que aínda co 100% dos votos favorables, non poderán implantar a xornada ao estar condicionada esta polo informe favorábel do servizo de transporte escolar
 
A CIG-Ensino levará a cabo unha concentración de delegados/as do ensino público, mañá, día 16 de maio, ás 11:30, diante da Consellaría de Educación polo mantemento da xornada reducida de 4 horas en xuño e setembro.

Máis información

Volver