Mesa Sectorial 15-12-08: Decreto creación do INDAGA; orde Actividades formativas de idiomas e artes no estranxeiro. Rogos e Preguntas

Mesa sectorial do 15-12-2008

Información da Mesa Sectorial Docente coa seguinte Orde do día: 1º Orientación educativa (foi tratado antes da reunión da mesa). 2º Proxecto de decreto, polo que se crea o Centro de Innovación na Formación Profesional de Galicia, INDAGA. 3º Orde pola que se convocan actividades formativas de inglés, francés, alemán, portugués e de artes plásticas para o ano 2009 no estranxeiro, destinadas a profesorado que imparte docencia en niveis non universitarios e se aproban as súas bases de concesión. 4º Rogos e preguntas.
INFORMACIÓN DA MESA SECTORIAL DOCENTE DO 15 DE DECEMBRO DE 2008.
Orde do día:
1º Orientación educativa (foi tratado antes da reunión da mesa).
2º Proxecto de decreto, polo que se crea o Centro de Innovación na Formación Profesional de Galicia, INDAGA.
3º Orde pola que se convocan actividades formativas de inglés, francés, alemán, portugués e de artes plásticas para o ano 2009 no estranxeiro, destinadas a profesorado que imparte docencia en niveis non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.
4º Rogos e preguntas.
 
1º Orientación educativa.
 
Ver información no seguinte enlace da nosa páxina web: http://www.cig-ensino.com/ver.php?nav=2086(0).
 
3º Orde pola que se convocan actividades formativas de inglés, francés, alemán, portugués e de artes plásticas para o ano 2009 no estranxeiro, destinadas a profesorado que imparte docencia en niveis non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.
 
Dende a Consellaría informan de que a pesar de ser unha época de crise, prodúcese un aumento das prazas, naquelas de máis demanda. Dunha maneira experimental aparecen prazas en Canadá porque se está a traballar neste país cun sistema de proxectos e porque consideran que mellorará a calidade destas accións formativas pois o proxecto parece bastante atractivo (ao final farase unha avaliación para ver se se continúa). Informan de que tamén inclúen “Artes” polo novo bacharelato.
 
Curso
Destinatarios
Reserva de prazas
Nº total de prazas
Lugar
1.Lingua inglesa
PES especialistas
 1Inspección, 1 Asesoría, 2 EOI especialistas
20
Canadá
2.Lingua inglesa
Mestres especialistas
1 Asesoría especialista
20
Canadá
3.Lingua inglesa
PES non especialistas
 
25
Limerick (Irlanda)
4.Lingua inglesa
PES non especialistas
 
25
Limerick (Irlanda)
5.Lingua inglesa
Mestres non especialistas
 
15
Limerick (Irlanda)
6.Lingua inglesa
Mestres non especialistas
 
15
Limerick (Irlanda)
7. Afondamento en técnicas plásticas en inglés
PES de artes
1Inspección, 1 Asesoría de artes
20
Limerick (Irlanda)
8. Lingua francesa
PES/Mestres especialistas
1Inspección, 1 Asesoría, 2 EOI especialistas
15
Nantes (Francia)
9. Lingua francesa
Mestres non especialistas
1 Asesoría especialista
30
Nantes (Francia)
10. Lingua francesa
PES non especialistas
 
30
Nantes (Francia)
11.Lingua alemá
PES/Mestres especialistas e non especialistas
 
15
Freiburg (Alemaña)
12. Lingua portuguesa
PES/Mestres especialistas e non especialistas
 
30
Braga (Portugal)
 
Actividade
Destinatarios
Nª Prazas
Lugar
Datas
Intercambio Posto a Posto de francés
PES especialistas
10
Francia
1º Trimestre curso 09/10
 
Intervención da CIG-Ensino:
 
  • Aparecen reserva de prazas para Asesores e Inspectores, tanto en especialistas, como en non especialistas: para a CIG non ten xustificación esa reserva de prazas no grupo de “non especialistas”. Poderíamos entender que se contemplen como grupo independente para as prazas “especialistas”, especialmente no caso dos Asesores. Resposta: eliminarán os “non especialistas” tanto en Asesores como en Inspectores.
  • Por outro lado estráñanos que desapareza o requisito de coñecemento do noso idioma, que xa aparecía na convocatoria do ano pasado. Debe esixirse o Celga 4. Resposta: din que é un erro, que o exixirán.
  • Memoria: explicitar que debe facerse en lingua galega. Aceptado
  • Desde a CIG reclamamos que se amplíen o número de prazas. Debera haber intercambio “posto a posto” para Inglés (Mestres e PES) e Francés (Mestres). Debera haber tamén máis prazas en PES e Mestres de Inglés para especialistas. Resposta: explican que teñen moitos problemas para conseguir intercambios posto a posto en lingua inglesa.
  • Demandamos que se amplíe a duración dos cursos, pois consideramos que menos de 15 días son escasos.
  • En canto aos requisitos, no artigo 4º, entendemos que ter unha antigüidade de “3 anos” debe ser unha preferencia, máis ca un requisito excluínte.
  • Artigo 1º: Non nos parece acaído a reserva de prazas dos Asesores en prazas “non especialistas”, en todo caso deberan ir en “especialistas”. Inspectores: non deberan aparecer en “especialistas” xa que en teoría os Inspectores non o son dunha especialidade (no seu corpo de orixe son dunha especialidade, pero non como inspectores).
  • Desde a CIG-Ensino demandamos que non se exclúa de poder solicitar aos seleccionados dos 3 últimos anos. Propomos que se lles dea preferencia aos que nos últimos 5 anos non foron seleccionados. Resposta: aceptado con reservas, por problemas informáticos non é posíbel incluír esa preferencia, xa que os obrigaría a facer a selección de candidatos manualmente. Por iso engaden os dos 2 puntos para o persoal que nunca foi seleccionado. Estudarán unha solución. Réplica da CIG: en todo caso debe cambiarse “participar” por “obter” (no apdo. que asigna eses dous puntos) e incrementar esa puntuación para que poidan obter praza os que nunca gozaron de ningún curso.
  • As axudas para asistir aos cursos deben ser maiores.
  • Baremo: na convocatoria do ano pasado se aceptaron propostas da CIG. Mais hai que mellorar o apartado 2º, desde a CIG demandamos que non se faga diferencia entre cursos impartidos e recibidos, incluíndo os dous nun apartado de máximo 4 puntos, puntuando máis a impartición que a asistencia e permitindo así que os participantes que teñan un número suficiente de cursos poidan acadar o máximo por calquera dos dous subapartados ou polos dous..
 
En canto as dietas din que as actualizarán. Aclaran que para Portugal será suficiente cos 35 € e logo actualizarán o resto de países (con Canadá estano estudando).
 
2º Proxecto de decreto, polo que se crea o Centro de Innovación na Formación Profesional de Galicia, INDAGA (propostas realizadas realizadas tamén no Consello galego de FP)
 
A CIG-Ensino comezou a súa intervención manifestando a súa estrañeza porque a creación deste centro non aparecese expresamente recollida no Plan galego de FP e tampouco na priorización de actuacións para o ano 2009 do mesmo. Por outro lado, hai aspectos que poden colisionar coas funcións recollidas para os Centros Integrados (recollidas no Decreto 266/2007, que regula os CIFP de Galiza, artigo 6º aptdo. 1.b (vínculos co sistema productivo do contorno para a formación do profesorado), 2.b (impulsar e desenvolver accións e proxectos de innovación e desenvolvemento en colaboración coas empresas do contorno e os interlocutores sociais, e transferir o contido e valoración das experiencias desenvolvidas ao resto dos centros), 2.c (colaborar na promoción e desenvolvemento de accións de formación para os docentes e formadores dos diferentes subsistemas..) e 2.d (informar e asesorar a outros centros de FP). Resposta: din que non aparece no Plan, mais si foi recollido na elaboración dos orzamentos do mesmo. Indican que este é o instrumento que pode pór en marcha os obxectivos do II Plan galego de FP e que non vai haber colisión cos CI porque unha das funcións do Indaga será coordinar os Centros Integrados.
            En primeiro lugar a CIG-Ensino foi a única central que criticou que este centro careza dun organismo democrático, todo recae no director, e, respecto do seu nomeamento, entendemos que, máis que por concurso de méritos, debería ser por elección do equipo do centro e entre o equipo do centro.
Ø Preguntamos por que os departamentos asumen funcións que neste momento teñen os CFRs. Resposta: os asesores de FP nos CFRs dependerán posteriormente do Indaga, onde non só xestionarán a formación deseñada desde a Dirección Xeral.
Ø Reclamamos que se dea a coñecer o cadro de asesores. Resposta: din que non hai un número fixo, que vai depender moito do número de proxectos que haxa, por tanto será en función das necesidades.
Ø Sorpréndenos que se diga que este centro non vai supor ningún gasto? E a dotación de asesores?. Resposta: hai un orzamento de un millón de euros para o centro, para a realización das obras, que estará ubicado no CIFP Monte de Conxo. Efectivamente o centro terá gastos de funcionamento que se recollerán nos orzamentos da Consellaría de Educación. A CIG-Ensino insiste en que non é apropiado manter este apartado nun Decreto.
Ø Valoramos positivamente que se aceptase a nosa proposta de que pode participar ao centro todo o profesorado dos distintos corpos de Secundaria. Tal e como estaba inicialmente no borrador, os artigos que falan da selección persoal do INDAGA: director/a (6.2), coordinadores/as (13.2) e asesores/as (14.1) dicían que a selección se fará entre o funcionariado de carreira do corpo de PES. Só no caso do responsábel de calidade recollía corpos docentes de ensinanza secundaria.
 
Propostas ao articulado:
 
Artigo 6.- Director/a.
2. Seleccionarase mediante concurso público entre o funcionariado de carreira do corpo profesores de ensinanza secundaria, e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que será a que determine o procedemento de selección.
 
Que a súa selección se realice por elección entre o equipo do centro e polo equipo do centro.
 
Artigo 9.- Funcións do/a responsable de calidade.
1. d)     Calquera outra función que lle encomende a dirección do INDAGA dentro do ámbito das súas competencias.
2. f) Calquera outra función que lle encomende a dirección do Indaga dentro do ámbito das súas competencias.
 
Artigo 10.- Departamento de innovación.
2. f)      Calquera outra función que sexa inherente ao seu posto ou que lle encomende a dirección do INDAGA dentro do ámbito das súas competencias.
 
Artigo 11.- Departamento de teleformación.
2. i)      Calquera outra función que sexa inherente ao seu posto ou que lle encomende a dirección do INDAGA dentro do ámbito das súas competencias .
 
Artigo 12.- Departamento de formación especializada.
2. h)     Calquera outra función que sexa inherente ao seu posto ou que lle encomende a dirección do INDAGA dentro do ámbito das súas competencias.
Que se supriman os apartados anteriores. En todo caso que se recolla que se lle poderán asignar funcións propias do seu cargo.
Resposta: acéptano e propoñen que se recolla nestes apartados o texto que recolle o artigo 16.- h) Cantas outras lles atribúan a dirección xeral competente en materia de formación profesional, dentro do ámbito das súas competencias, que está relacionado coa nosa proposta.
 
Artigo 10.- Departamento de innovación.
1. Ao departamento de innovación correspóndenlle as seguintes funcións:
b) Procurar o apoio e a colaboración das empresas de I+D+i , dos centros tecnolóxicos e dos departamentos de investigación universitarios en proxectos relacionados coas ensinanzas de formación profesional.
Que se engada “e con outras Administracións públicas” (caso das deputacións ou o propio caso citado da Consellaría de Medio rural que está a pór en marcha en Sarria un proxecto de I+D+I do IES As Mercedes de Lugo). Aceptado.
 
Artigo 13.- Coordinadores e as coordinadoras.
 
Artigo 14.- Asesores e asesoras do INDAGA.
Que poida acceder profesorado de todos os corpos de Secundaria. Está aceptado.
 
Artigo 21.- Plan estratéxico e plan anual.
2. O director ou a directora do INDAGA elaborará o plan estratéxico para un período de cinco anos. O devandito plan será aprobado polo director ou á directora xeral con competencias en materia de formación profesional.
3. O director ou directora do INDAGA elaborará un plan anual que desenvolva os obxectivos fixados no plan estratéxico para ese período. O devandito plan será aprobado polo director ou á directora xeral con competencias en materia de formación profesional.
Non se debe recoller deste xeito, entendemos que todo o profesorado do centro debe participar nestes plans. Esta proposta só foi realizada pola CIG-Ensino. Aceptan recoller que o Director elaborará os Plans oídos os departamentos.
 
Disposicións adicionais Primeira.- A creación do INDAGA non supón aumento de gasto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Debe eliminarse, non se pode entender que non lle vaia supor incremento de gasto á Consellaría.
 
Disposicións adicionais Segunda.- Os funcionarios e as funcionarias que accedan aos postos de traballo do INDAGA manterán o complemento específico docente correspondente ao corpo docente de procedencia. Para o recoñecemento a efectos administrativos, de méritos e de percepción de complementos serán equivalentes aos seguintes cargos:
a) Director ou directora do Indaga: equivalente a director ou directora de centro A.
b) Responsable de calidade: equivalente a director ou directora de centro B.
c) Coordinador ou coordinadora de departamento: equivalente a director ou directora de centro
d) Asesor ou asesora: equivalente a xefe ou xefa de estudos de centro A.
A CIG foi o único sindicato que reclamou que estes complementos deben estar equiparados aos CFRs, senón cada vez se producen maiores diferencias retributivas.
 
Tamén a CIG foi o único sindicato que cuestionou que a cobertura destes postos non debe ser primada cunha puntuación específica máis alá da recoñecida para o persoal dos CFRs que ademais xa vén retribuída cuns complementos que superan aos xa establecidos para a mesma categoría. Este tipo de valoracións contribúen a crear unha elite de profesorado con puntuacións ás que non todo o profesorado pode optar e que lle incrementan as garantías de obter outros postos ou destinos, en detrimento das persoas que non poden acceder a eles. O complemento económico non incide en terceiros, mais asignar determinadas puntuacións si incide noutros docentes.
 
Disposición transitoria Única.- Entanto que se procede á determinación dos postos de traballo do INDAGA e á selección e o nomeamento do persoal destinado a eses postos por concurso público, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do director xeral Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, nomeará o persoal destinado no Indaga con carácter provisorio, por un período máximo dun ano.
Debe desaparecer, este centro posibelmente estea creado en setembro e non nos parece correcto que se arbitre este procedemento, que se asignen os postos mediante concurso público desde o principio.
Resposta: queren que o centro estea en funcionamento canto antes, entre outras cuestións porque as axudas para proxectos de I+D+I teñen carácter de ano natural.
 
O Indaga estará situado no CIFP Monte de Conxo, será a sede única, situada nunha nova á do edificio e totalmente separada del.
 
4º Rogos e preguntas.
Propostas da CIG-Ensino
1.- VACANTES DOS CONCURSOS DE TRASLADOS: que quede constancia de que nos parece inaceptábel que non se negocien nas Xuntas de persoal, nomeadamente en Coruña e Pontevedra, as vacantes dos concursos de traslados e iso a pesar de ter denunciado o tema reiteradamente (a CIG-Ensino presentou un escrito) e de ter un compromiso nese sentido nesta Mesa. Que se dean as ordes necesarias desde a Consellaría para que así se faga. Exiximos a súa negociación.
2.- BAIXAS DO PROFESORADO: non se entende que non se cubran as baixas do profesorado desde o 10 de decembro, nalgúns casos mesmo vacantes por xubilación que son até final de curso. Desde a CIG demandamos que se fagan defectivas a cobertura desas baixas.
3.- SUPRESIÓN DE OPTATIVAS: xa foi plantexado na anterior mesa, non se entende que se tomase a decisión de suprimir optativas, por parte da consellaría, a estas alturas de curso, ademais cando non supuña incremento nas dotacións de profesorado dos centros a impartición das mesmas.Reclamamos que se siga ofertando.
4.- IDIOMA (Decreto 124/2007): o informe do Consello de Europa respecto da aplicación do decreto 124 de Normalización do Galego evidencia que non se está cumprindo a impartición do 50% do currículo no noso idioma. Reclamamos, unha vez máis, que se faga a aplicación real do Decreto. Ademais cómpre abordar outras cuestións recollidas no Decreto e aínda non cumpridas como o plano de Formación do profesorado, o plan de atención ao alumnado inmigrante ou a creación das comisións de dinamización que están sen poñerse en marcha.
5.- SIMBOLOXÍA RELIXIOSA nos centros: nunha intervención nosa ao respecto, noutra mesa, a Consellaría respondeu que os centros que aparecían na prensa que tiñan simboloxía relixiosa eran unha minoría e xa estaba solucionado. Desde a CIG demandamos, xa na anterior Mesa, unha resolución por parte da Consellaría que se envíe aos centros para que se retire esta simboloxía. Á CIG cónstalle que hai centros que aínda a manteñen.

Volver