Mesa Sectorial 10 de febreiro: OPE, oposicións Inspectores, axuda gastos accidentes, selección e nomeamento directoras e directores...

Mesa Sectorial 10 febreiro 2010

Información da mesa sectorial docente do 10 de febreiro: oferta de emprego público 2010, concurso oposición ao corpo de inspectores, axudas gastos accidentes, selección e nomeamento de directores. En varios a CIG Ensino tratou a non concesión de axudas neste curso para intercambios no estranxeiro, a máis doutros temas dos que tedes cumprida información neste documento
Mesa Sectorial 10 de Febreiro de 2010
    Temas tratados na mesa: 
  • Oferta de Emprego Público
  • Convocatoria concurso oposición ao corpo de Inspectores de Educación
  • Orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na LOE 
  • Orde pola que se convocan axudas económicas para compensar gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora
  • Varios
Informacións sobre os temas tratados na mesa: 

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO.

A Consellaría inicia o punto explicando os criterios seguidos para realizar a oferta de emprego público: o número de interinos de cada especialidade e as posíbeis xubilacións. Explican que non se convocan prazas daquelas especialidades que se teñen que impartir en ensino superior.
Para o establecemento das prazas de Primaria tiveron en conta a actual negociación do Real Decreto que regula o Concurso de traslados, xa que, segundo a Administración, nel se recollerá, previsibelmente, que non todo o profesorado vai ter a especialidade de primaria.
No caso de Secundaria teñen en conta as especialidades para as que non se convocou oferta durante o proceso transitorio. No caso concreto de Ensinanzas musicais e artes escénicas, a pesar do número de interinos, as prazas que habería que convocar serían prazas de catedráticos, para as que non están aprobados os temarios, motivos polos que non se convocan.
 
CIG:
En primeiro lugar manifestamos a nosa indignación ante a actitude da Consellaría pois foi filtrada previamente aos medios información sobre a oferta. Aos representantes do profesorado non se nos fai chegar, mais a prensa ten información. Ademais coñecemos agora a oferta e por tanto non podemos facer unha valoración da mesma. Tampouco nos parece normal que estea convocada a prensa para as 11, en todo caso é algo que debería estar pactado, isto é un órgano de negociación e se non está pactada a comparecencia ante a prensa, pois haberá que agardar a que remate a negociación.
Globalmente podemos dicir que esta oferta é insuficiente e non vai resolver as carencias dos centros.
Reclamamos a existencia dun acordo de estabilidade que aseguraría o mantemento dos postos de traballo do profesorado interino, isto daría seguridade a todos e non nos veríamos na situación destes anos pasados.
Consideramos que estamos ante unha oferta insuficiente porque está baseada na reposición de efectivos e non hai creación de novos postos, algo que consideramos necesario, porque, ademais, houbo recorte de cadros de persoal, algo que se comproba ao inicio de curso na loita dos equipos directivos por demandar profesorado para cubrir as necesidades dos centros.
En momentos de crise coma estes a Administración ten a responsabilidade de crear emprego, sería o mellor investimento. Desde esa perspectiva e considerando que o ano pasado non houbo oferta en secundaria, a que se nos presenta parécenos insuficiente.
O lóxico e normal para unha boa oferta de emprego sería revisar o acordo de xubilación anticipada, neste momento non se xubila máis do 30% do profesorado que podería facelo, a revisión do acordo sería un incentivo importante para crear emprego. Por tanto, imponse a negociación dun novo acordo e agardamos que a Consellaría faga fronte común para reclamar esta negociación.
Entendemos que nesta proposta deberían estar tamén as xubilacións forzosas previstas.
Ademais, é unha necesidade perentoria as reducións das rateos e a aplicación da redución horaria aos maiores de 55, isto tamén está no programa do partido popular, se se tivese en conta isto estariamos falando dunha oferta mellor e maior, e tamén se os centros puidesen aplicar aqueles PCPI que consideren idóneos.
Sobre o reparto de prazas en cada materia, entendemos que ten que haber unha nova mesa para valorar materia a materia, porque entregando agora a proposta é difícil facer valoracións.
A convocatoria de prazas en Administración de Empresas e Economía, que consecuencias vai ter para as listaxes? É unha pregunta que facemos.
Con este sería o cuarto ano transitorio. Cando remate o quinto ano, haberá interinos que tiveron oferta e outros que non, persoas que levan máis de 20 anos sen que lles convoquen oposición da súa especialidade ou que non teñen a titulación requirida. Na maioría dos casos estamos falando de persoas de máis de 50 anos. Son datos que se deben ter en conta e que fan absolutamente necesario un acordo de estabilidade. Debe haber un compromiso da Administración con este colectivo.
 
Resposta da Administración:
Ø Dan un prazo de 48 horas para presentar alegacións. A oferta pode modificarse en función das propostas sindicais, porque cando se aprobe no Consello serán nº globais, polo que hai marxe en cada materia, dentro do cómputo global.
Ø Sobre a convocatoria de Admón de empresas e Economía, din que terán que traer á Mesa Sectorial ese tema, porque hai dúas sentenzas firmes, unha do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no sentido de que, convocadas oposicións en Economía hai dous anos, non se elaborou a listaxe e a sentenza obriga a elaborar unha listaxe propia (lembramos que a Administración agrupou as listaxes destas dúas especialidades). Hai outra sentenza, firme, que determina a imposibilidade de eliminación de permanencia en máis dunha listaxe, porque non está recollido en ningures e por tanto unha persoa pode estar en varias. (a CIG-Ensino xa reclamara no seu día, antes de haber sentenza, que se debía recoller que estas persoas puidesen volver as listaxes en que estaban no caso de non traballar pola listaxe en que escolleran quedar).
Ø Acceso do A2 ao A1: dentro do 15% da oferta que establece o Decreto dise que non se pode superar o 50% de cada especialidade, a oferta está feita dentro deses límites potenciando FOL, ou Economía e Administración de Empresas, polas dificultades que ten a Consellaría de colocación do funcionariado de carreira de Procesos comerciais. 
Ø A Consellaría xustifica a súa oferta, que a CIG cualificou de insuficiente, mencionando a perda continuada de alumnado en Secundaria durante os últimos 10 anos.
Ø Declaran que tiveron en conta as dificultades de colectivos carentes de titulación, caso de debuxo, para non facer convocatoria. En FP son conscientes de que está pendente unha reestruturación, ciclos que pasarán a dous anos, que incrementarán profesorado, e ciclos que están funcionando cun número moi reducido de alumnos que conlevarán supresións.
Ø Educación de adultos: non vai haber oferta de emprego e xustifícano dicindo que a Administración ten sobredimensionada a oferta.
Ø Tamén comentaron que en materias como X e Hª non hai convocatoria, porque forma parte dese núcleo de materias que parece prudente non convocar (estes dous últimos anos houbo problemas na adxudicación de destinos aos funcionarios).
Ø Non se mostran proclives a abrir negociacións sobre a estabilidade.
 
CONVOCATORIA CONCURSO OPOSICIÓN AO CORPO DE INSPECTORES DE EDUCACIÓN 
Convócanse 13 prazas. A Administración comeza dicindo que tiveron que agardar a que se publicase no BOE o temario e que a convocatoria axústase ao recollido no Real Decreto: tres partes eliminatorias, baremo, ...
A CIG propuxo:
Ø Tribunais: que o presidente sexa a sorteo.
Ø Comisión de selección: de habela non debe estar constituída só polos presidentes, ten importantes cometidos e sería unha comisión integrada na totalidade por persoas nomeadas pola Administración. En beneficio do propio sistema e da Administración, debería ser a sorteo.
Ø Estamos ante unha oposición en que non só se debería acreditar o coñecemento do noso idioma, senón tamén demostrar competencia de uso. Entendemos que deberían realizar as probas, ou algunha das probas, en galego, porque é preocupante a actuación dalgúns inspectores sobre este tema. Por outro lado, exímeselle a todos os que aprobaron unha oposición de demostrar o requisito do coñecemento, e non todos os que pasaron por unha oposición tiveron que reunir o requisito. Debe promoverse o uso do noso idioma, moito máis ao falarmos da inspección e non abonda con cumprir o requisito.
Ø Choca que a valoración da proba de galego vaia ser feita por unha comision de inspectores nomeada pola Adm. Se a resposta é que hai inspectores de galego, entón fágase o sorteo entre os que teñen licenciatura en galego.
Ø Débense baremar os méritos despois de realizar todas as probas. Non podemos aceptar que non sexa así, van ser poucas persoas, e por tanto que a valoración do baremo debe ser ao final, e así garantir que non é coñecida polo tribunal.
Ø Non estamos de acordo con que se poidan facer preguntas nas probas, a valoración debe ser sobre o que se expuxo, sen que exista a posibilidade discrecional de realizar preguntas que poden favorecer ou prexudicar aos opositores. O mesmo para a terceira proba, o caso práctico, onde di que será o tribunal o que valore que material poden levar á proba... non estamos de acordo que iso lle corresponda ao tribunal, debe ser o/a opositor/a o que decida que material levar.
Ø A comisión de cualificación das prácticas debe ser a sorteo.
Baremo:
Ø Estamos en desacordo con que se primen os servizos na Administración, o nivel 26 ou superior, a condición de catedráticos, para a CIG deben valorarse os servizos docentes, tamén os prestados como interinos.
Ø Respecto do exercicio como inspector accidental, entendemos que só se lle debería ter en conta ás persoas que accederon por un sistema público (nomeadas a partir dunha listaxe á que accederon a través dunha oposición).
Ø Non estamos de acordo con que se prime o exercicio de cargos directivos.
Ø 4.2. formación específica: estráñanos, parécenos ben que se recolla, mais se se valora a formación, haberá que valorar toda a formación. Non podemos aceptar que non se valore o resto da formación.
Ø Desacordo total co 4.4., avaliación da función docente, que se retire.
Ø No apartado de valoración do coñecemento de idiomas botamos en falta a valoración do noso idioma, que se inclúan os cursos de especialización.
Resposta da Administración:
Ø Estiveron condicionados pola normativa básica para a elaboración da convocatoria e moitas das achegas que fixemos están condicionadas por esa normativa: a valoración polo corpo de catedráticos, inspección accidental, nivel 26...
Ø Presidencia do tribunal, seguirá sendo nomeada, e a comisión de selección será como está na convocatoria, aínda que prevén que non terán que convocala porque serán poucas e poucos opositores.
Ø Sobre a posibilidade de que haxa persoas que no seu día non fixeron a proba de galego, estas persoas terán que facelo.
Ø É irrelevante que se poidan facer ou non preguntas, só o demandou a CIG e se os demais sindicatos non din nada, manterano. A proposta sobre o do material para a proba práctica si que a analizarán.
Ø Incorporarán toda a formación se o Real Decreto o permite, posibelmente no apartado anterior, mais a formación específica hai que mantela porque está no Real Decreto.
Ø Sobre o punto 4.4. está no RD, mais non está realizada, polo que na práctica non terá efecto. Poñendo como exemplo o caso das persoas que viñesen de fóra coa avaliación feita, insistimos na posíbel discriminación das galegas e dos galegos ao non a teren. Ante isto a Consellaría aceptou a retirada deste apartado, supeditado a que non teñan ningún recurso.
Ø Aceptaron estudar a nosa proposta de ter en conta todas as titulacións sobre o noso idioma, por exemplo cursos de especialistas.
Ø Despois da convocatoria das oposicións, cos non aprobados elaborarán unha nova listaxe para o nomeamento de inspectores e inspectoras accidentais. Terán que analizar que fan cos que traballaron a partir da listaxe feita despois do concurso de méritos realizado no seu día.
 
ORDE ELECCIÓN DE DIRECTORES/AS CENTROS PÚBLICOS.
 A CIG-Ensino manifestou que, malia sabermos que esta orde emana do sistema de elección estabelecido na LOE e do posterior Real decreto marco para todo o Estado, non nos evita facer constar, unha vez máis, o noso desacordo con este modelo de nomeamento de direccións, que para nós non ten as garantías democráticas e participación necesaria do profesorado para a elección de cargos directivos.
A CIG-Ensino defende que calquera profesor/a con destino definitivo no centro debera poder optar a ser elexido/a director ou directora sempre que tivese apoio maioritario do consello Escolar.
Propomos que os membros do claustro que formen parte da comisión de selección deben respectar a decisión maioritaria á hora de apoiar as candidaturas.
Respecto do articulado, propuxemos:
Ø Artigo 2.c. e 2.d., estamos en desacordo con que se exixan cinco anos de antigüidade como funcionario de carreira, por tanto que se supriman estes apartados. Propomos que calquera profesor ou profesora con destino definitivo no centro se poida presentar.
Ø Artigo 3.3. Propomos que as persoas candidatas á dirección presenten o seu proxecto diante do Claustro de profesores e profesoras e do Consello escolar.
Ø Artigo 5: Propoñemos que no apartado 5.8. sexa por “previa consulta ao claustro” e non exclusivamente oído o claustro e consello escolar.
Ø Art. 6º Nos centros de menos de 4 unidades: que non se cree a comisión. Que se elixa directamente.
Ø Artigo 7.4. Que se elimine a entrevista (aínda que houbo un avance ao recollerse xa, na convocatoria de hai tres anos, que se faría se se lle facía a todos os participantes).
Ø Artigo 8.3. Que só se teñan en conta os/as candidatos/as doutros centros no caso de ausencia de candidatos/as do propio centro.
Ø Artigo 10.2. Programa de formación inicial: debe recoller formación en lingua galega e sociolingüística.
Ø Artigo 12. Que os directores e directoras que integren a comisión que avaliará a formación sexan seleccionados por sorteo.
Ø Non debería existir o baremo. En todo caso propoñemos que se valore con 1 punto cada ano de antigüidade, independentemente da situación administrativa, e que non se valore a condición de catedrático nin os servizos prestados na Administración. Ademais que se elimine a puntuación polo exercicio de cargos directivos, ou que se reduza drasticamente, pois deste xeito créase un círculo fechado en que sempre teñen máis puntuacións as persoas que xa exerceron.
Ø Que o inspector ou inspectora que forma parte da comisión non sexa o mesmo que ten asignado o centro.
Ø Que no proxecto para a dirección, que, obviamente, deberá estar en galego, se inclúa tamén cales serán os obxectivos para o cumprimento do Decreto 124/2007 e para o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.
Ø Que se recoñeza a todos os efectos o tempo que se desempeña provisionalmente como resultado dunha substitución do cargo de director ou directora.

Por outro lado manifestamos que hai unha sentenza do CEE da Barcia que di que a comisión estivo mal conformada e non se executou a sentenza, é dicir, habería que reiniciar o proceso.
En relación con isto, mais tamén con carácter xeral, aproveitamos para manifestar que o profesorado está obrigado a realizar a formación no CEFORE da súa zona e debería permitirse que o faga na que lle sexa máis próxima e, por tanto, máis barata, con carácter xeral.
Resposta da Administración:
Ø Están analizando o caso do CEE da Barcia, se ao final conclúen que a execución é volver convocar, farano... é un tema complicado, derivado dunha corrección de erros...
Ø Todas as cuestións comentadas sobre o baremo veñen impostas pola normativa superior
Ø Van ampliar o prazo de exposición do proxecto.
 
ORDE AXUDAS ECONÓMICAS PARA COMPENSAR GASTOS DERIVADOS ACCIDENTES DE TRÁFICO.
Desde a CIG-Ensino demandamos:
Ø Que o orzamento sexa aberto para atender todas as demandas.
Ø Incrementar a 15000€ a axuda máxima.
Ø Dotar de vehículo de substitución en caso de sinistro.
Ø Que se inclúa ao profesorado que vai a formación homologada pola Consellaría (non só a convocada polos CFRs).
Ø Que se inclúan os desprazamentos na mesma localidade (fixemos fincapé no tema poñendo o exemplo dos desprazamentos con alumnado a centros de saúde).
Ø Que se inclúan as viaxes por cuestións oficiais que non aparecen na orde.
Ø Parécenos reducido o incremento orzamentario.
 
VARIOS.
1.      Calendario de negociacións: é inaceptábel que a estas alturas non teñamos o calendario de negociacións, se non se trae un calendario, tomaremos medidas. Ese calendario debería recoller prioritariamente tres asuntos, que, ademais, forman parte do programa electoral do PP, mais para os que non se implica como noutras cousas, así: a regulación da redución horaria a maiores de 55 anos, redución das rateos e dotación de administrativos. Tamén nese calendario deberían figurar os Regulamentos Orgánicos dos centros (ROCs).
2.      Bases do Decretazo: é innegábel que ante as diferentes posicións feitas públicas só cabe unha saída para as Bases presentadas durante o período de vacacións como nós denunciáramos na mesa anterior que podía suceder. Só cabe, dicíamos, a retirada das bases, por tanto esixímolo.
3.      EEOOII: reclamamos unha vez máis a retirada da circular 5/2009 e a apertura de negociacións.
4.      Xubilación anticipada: entendemos que debe haber negociacións sobre a continuidade desta xubilación, que nós defendemos que sexa indefinida, preguntamos que posición vai defender a Administración galega, e ademais reclamamos a apertura de negociacións sobre as gratificacións.
5.      Pacto pola Educación: tamén queremos que se nos informe de cal foi a posición da Consellaría na reunión das Comunidades sobre o pacto pola Educación.
6.      Vacantes por xubilación no concurso de traslados: propoñemos que se adxudiquen na resolución provisional, pois se as diferenzas coa adxudicación definitiva van ser grandes, serano máis se non se recolle ningunha destas vacantes, malia estarmos en período de renuncia e por tanto non seren definitivas. Responden que non é posíbel, porque aínda hai prazo para seguir solicitando e renunciando, e a adxudicación provisional vaise publicar xa neste mes, e a única solución que eles lle ven é non recoller estas vacantes.
7.      Axudas intercambios co estranxeiro: dámos traslado da preocupación dos centros ao saber mediante chamada telefónica á Administración que se van suprimir as axudas para os intercambios. É inadmisíbel, os centros teñen os trámites feitos e os gastos tamén, son programas importantes de grande valor pedagóxico e que non teñen nada que ver coas viaxes de verán xestionadas por empresas privadas e que non son accesíbeis para todo o alumnado por motivos económicos. Esiximos que se manteñan estas axudas. Ademais esta actitude pon de manifesto que o recollido nas Bases sobre a lingua estranxeira era unha cortina de fume para reducir a presenza do noso idioma, pois non hai un verdadeiro compromiso coa adquisición de idiomas.
8.      Ensinanzas artística superiores: deben traerse á Mesa Sectorial a negociación destas ensinanzas.
9.      Folga do 21 de xaneiro: manifestamos que temos presentado un recurso contra a orde de servizo enviada aos centros porque non lle corresponde ás Direccións realizar o trámite de audiencia. Ademais insistimos en que as deducións de haberes se envíen como axuda a Haití. Responderon que non se podía facer legalmente, ao que desde a CIG nos ofrecemos para explicarlle o mecanismos legais de doar eses cartos.
 
O Director Xeral de centros e RRHH e presidente da Mesa Sectorial dixo que tomaba nota e trasladaba á dirección correspondente, ao que a CIG responde que como presidente da Mesa era a súa responsabilidade respostar, especialmente no relativo ás deducións de haberes pola folga.


Borradores e informacións das Ordes tratadas.

· Oferta pública de emprego 2010: Ligazón
· Convocatoria concurso oposición ao corpo de Inspectores de Educación. Ligazón
· Orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na LOE. Ligazón
· Orde pola que se convocan axudas económicas para compensar gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora. Ligazón

Volver