Mesa docente estatal: información doutros temas formulados pola CIG-Ensino

Na Mesa do día 22 de setembro a CIG-Ensino formulou, na rolda final de intervencións, determinados temas que considera de máxima importancia para o profesorado

BAREMO NO CONCURSO EXTRAORDINARIO DE MÉRITOS

Lembramos ao Ministerio a tremenda inxustiza que se causa ao persoal interino de longa duración co baremo aprobado polo MEFP en contra do criterio da CIG-Ensino. O baremo fixado xa desde hai meses e que se ten que aplicar en todas as convocatorias de concurso de méritos excepcional limita a puntuación por antigüidade a 7 puntos sobre 15, o que implica un 46,6% da puntuación total, algo que queda moi lonxe da proposta da CIG-Ensino, xa presentada na negociación do RD 270 no mes de decembro e, novamente, na modificación deste nas Mesas celebradas a finais de curso. A proposta da CIG-Ensino elevaba ao 80% o peso da antigüidade, ao limitar a 10 puntos a suma final de méritos (que por bloques podía sumar 15) e dentro destes chegar a 8 puntos na antigüidade. Lamentamos igualmente que desde outras organizacións sindicais estatais se mantivese en todo este proceso unha posición contraria a incrementar a ponderación da antigüidade, apoiando totalmente o reparto de puntuación presentado polo MEFP.

O Ministerio limítase a afirmar que a puntuación por antigüidade está suficientemente ponderada.

Sentenza do Tribunal Constitucional sobre a tutela de investigación para ocupar prazas do corpo de cátedras de música e artes escénicas

  • - A CIG-Ensino preguntoulle ao Ministerio se tiñan coñecemento da recente sentenza do TC que declara inconstitucional, en referencia á convocatoria de cátedras de música de 2017 en Andalucía, non ter en conta a experiencia previa na docencia como catedrático ou catedrática de estudos superiores de música para acreditar a tutela investigadora. O Ministerio afirmou que non tiñan coñecemento dela.

    - Tendo en conta a proximidade das convocatorias de concursos de estabilización esta sentenza é determinante: o tempo traballado por calquera persoa no corpo de cátedras nun CMUS Superior (ou por extensión en prazas noutro tipo de centro nos que só se impartan estudos superiores como arte dramática ou restauración de bens culturais) ten que ser tomado en consideración como posíbel requisito. De aí a importancia de que as diferentes convocatorias teñan presente a sentenza, cada unha dentro das súas competencias, para recoñecer a tutela investigadora a aquel profesorado que ten experiencia en centros educativos que imparten estudos artísticos superiores. O Ministerio toma nota da nosa información e analizará a sentenza.

Aplicación no ámbito docente da modificación do EBEP ao respecto da duración máxima de tres anos como persoal interino, unha vez que xa transcorreu máis dun ano desde a entrada en vigor do RDL 14/2021 no que se modificou o Estatuto Básico do Empregado Público e non se teña dado ningún paso. 

A CIG-Ensino considera, e así o expresou en varias Mesas, que isto entra dentro do ámbito de xestión da Consellaría de Educación mais quere saber se o MEFP ten intención de dar algún paso neste sentido ou non.

Unha vez máis non obtivemos resposta do Ministerio.

Publicación do RD de integración do corpo de PTFP no corpo de PES e efectos sobre o profesorado interino e de novo ingreso

  • Solicitamos información sobre a previsión da publicación. O MEFP informa que está pendente só do trámite do Consello de Estado e posterior aprobación no Consello de ministros e ministras. Prevén que se publique no BOE no mes de outubro.
  • Como xa propuxemos na negociación do RD consideramos discriminatorio que non se recoñezan no propio texto os efectos do pago das retribucións do corpo de PES a aquel profesorado que é interino ou que aprobou o proceso de ingreso após a entrada en vigor da Lei. Lembremos que desde o sindicato propuxemos no seu día que fose un pacto na Conferencia Sectorial de Educación o que blindase este pagamento a todo o profesorado. O Ministerio, botando balóns fóra, considera que iso será competencia das CC.AA.

Resolución da convocatoria de prazas de asesoría técnica docente na Secretaría Xeral de FP para o curso 2022/2023.

O prazo rematou o 23 de xullo e non se sabe nada.

Din que aínda non houbo resolución e que non teñen máis información.

Volver