Mesa Docente estatal de trámite á espera de reformas necesarias para mellorar a profesión docente

A CIG-Ensino apremou ao Ministerio a desenvolver canto antes a negociar melloras para todo o profesorado e a desenvolver a nova Lei de Ensinanzas Artísticas

Este mércores, 12 de xuño, tivo lugar unha reunión da Mesa Docente estatal limitada a tratar un Real Decreto que modifica moi parcialmente dous reais decretos: o RD 132/2010 de requisitos mínimos dos centros e o RD 659/2023 de ordenación da FP.

A reunión foi enfocada polo propio Ministerio como un trámite legal xa que o texto xa fóra previamente ditaminado polo Consello Escolar do Estado e, por erro e como vén sendo habitual, non pasara previamente polo ámbito de negociación sindical. Os cambios introducidos fan referencia principalmente á Formación Profesional, derivados da necesidade de se axustar á nova ordenación destas ensinanzas.

Na súa intervención, a CIG-Ensino trasladou, en primeiro lugar, a súa crítica a dúas cuestións que considera básicas:

  • A extemporaneidade do momento en que se nos remite este documento, case tres meses despois de que pasase polo Consello Escolar do Estado e polo Consello Xeral de FP e co obxectivo de cumprir coa formalidade do seu paso pola Mesa Docente, sen que se abra, en ningún caso, ningún proceso negociador merecedor de tal nome.
  • A ausencia, por parte do Ministerio, dunha proposta aberta a todo o texto do actual Real Decreto 132/2010, ao introducirse principalmente cambios neste texto relativos á impartición de ensinanzas de FP. Para a CIG-Ensino, pérdese unha oportunidade para introducir melloras fundamentais en cuestións tan sensíbeis como as ratios, reducíndoas con carácter básico en todas as ensinanzas, evitando efectos tan nocivos como os provocados polo recente acordo dunha minoría sindical co goberno galego, que deixa fóra ou demora a longo prazo melloras nas ratios en case todas as etapas educativas.
Con referencia ao texto presentado, a CIG-Ensino trasladou as seguintes cuestións:

1. Con respecto do artigo 1 (autorización excepcional de localización de ensinanzas de FP en edificios de titularidade pública con uso compartido), consideramos moi ambigua a redacción.

Se ante a insuficiente oferta de espazos en centros públicos para poder afrontar unha maior oferta de ciclos ou cursos, se opta por usar outros espazos, como se apunta no texto, estes deben cumprir expresamente os requisitos mínimos desas instalacións (algo que non se di no texto). O texto ministerial é ambiguo e debe recoller dereitos de profesorado e estudantado. Así, non é o mesmo que docentes e discentes teñan que desprazarse a dous edificios diferentes para cursar diferentes módulos, algo que non consideramos xustificado, a que uns cursos formativos se impartan integramente nunhas instalacións municipais.

Por tanto, demandamos maior concreción e garantías de cumprimento de requisitos das instalacións e de condicións para a comunidade educativa.

2. En referencia aos cursos de formación para acceder a ciclos de grao medio ou superior,consideramos que o texto do Real Decreto debe recoller que as administracións públicas garantirán unha oferta pública ampla e suficiente de cursos de formación específicos, coa condición da gratuidade que xa figura no texto.

Non somos partidarios de que sexa a oferta privada a que veña a suplir, como sucede maioritariamente na FP, as limitacións na oferta do sistema público, en moitas ocasións imposta por administracións que buscan favorecer o negocio da oferta privada en detrimento de a rede pública, como acontece coa Xunta de Galiza.

Esta oferta pública e gratuíta ten que ser diversificada territorialmente, evitando que existan persoas que pola súa zona de residencia (ámbito rural, barrios socialmente desfavorecidos…) sufran unha clara discriminación, reforzando a súa vulnerabilidade e redución de oportunidades para formarse e acceder aos estudos de FP. Estas garantías deben formar parte do texto da lei.

3. No tocante ao módulo optativo anual, somos partidarios de que a súa implantación sexa decisión das administracións competentes, permitindo desta forma que, se así se considera ben polas propias administracións ou polos propios centros formativos, en función de como se regule en cada Comunidade Autónoma esta toma de decisión, as 80 horas que figuran no articulado e no anexo puidesen distribuírse, por exemplo, para reforzar parcialmente diversos módulos profesionais, xa que son estes os que maior redución horaria sufrirán cos cambios introducidos na nova regulación coa aparición de novos módulos. É ben coñecida a crítica que a CIG-Ensino leva feito desde que se coñeceron as intencións do Ministerio de minorar os módulos profesionais específicos, aplaudidas e executadas na peor das versións pola Consellaría de Educación, polo que apostamos por medidas que poidan, mitigar os efectos que os cambios terán no actual deseño curricular dos ciclos formativos.

En relación con este tema atopamos o que parece un erro pola non modificación do artigo 102 do RD 659/2023 xa que se mantén o cómputo horario de entre 80 e 160 horas que se cambia no 96.1 e o anexo IV.

Sen saír do tema dos cambios relacionados coa FP, aínda que non forman parte do texto a debate, CIG-Ensino interesouse pola previsión de crear dúas novas familias profesionais (Intelixencia Artificial e Desempeño e competencias transversais). No caso de que isto sexa así, o sindicato considera que todo o que afecte ao profesorado debe pasar pola Mesa Sectorial e crear novas familias ten un efecto directo xa que condiciona a configuración de departamentos didácticos e a organización interna dos centros.

A CIG-Ensino formulou, na rolda final de intervencións, as seguintes cuestións:

  • A nosa posición crítica pola ausencia dun mecanismo de convocatorias da Mesa Sectorial que obedeza non só aos intereses do Ministerio senón que teña presente as propostas da representación sindical. A Mesa só se convoca para cambios legais que o Ministerio precisa e non para atender o que sindicatos como a CIG propoñemos. O plan de traballo do Ministerio non prevé actualmente ningunha modificación lexislativa substancial para o profesorado, nunha lexislatura na que tanto o presidente do goberno como a ministra de Educación cualificaron como “a lexislatura do profesorado”. Iso é unha mensaxe clara de que non se pretende cumprir con esa afirmación.
  • A urxencia da apertura de negociacións para dar resposta á nosa demanda da integración de todo o profesorado no subgrupo A1 e a unha modificación dos complementos de destino docente. O Ministerio limítase e dicir que toma nota da nosa demanda e que a elevará aos altos cargos ministeriais, mais sen adquirir ningún compromiso de negociación.
  • A urxencia para que o Ministerio presente toda a normativa para desenvolver a recentemente aprobada Lei de Ensinanzas Artísticas, especialmente en todo o relacionado cos novos corpos docentes. O Ministerio informa que de momento non hai nada avanzado.
  • Preguntamos pola previsión do Ministerio para tratar na Mesa o borrador de Real Decreto de Inspección Educativa. O Ministerio afirma que está previsto que pase pola Mesa a comezos de curso que vén e, en todo caso, antes de rematar este ano.

Volver