Mesa do 3 de febreiro: informacións sobre a orde de acreditación de competencia en idiomas para impartir nunha lingua estranxeira

Outro ataque á lingua

A CIG-Ensino denunciou que esta orde vén desenvolver o Decreto de Plurilingüismo e que, polo tanto, conta co noso rexeitamento, pois con ela se pretende perpetrar a redución da presenza do noso idioma nas aulas, no mellor dos casos, a un terzo do horario lectivo.

ORDE ACREDITACIÓN COMPETENCIA EN IDIOMAS PARA IMPARTIR NUNHA LINGUA ESTRANXEIRA

Para a CIG-Ensino a aplicación desta orde ten tres consecuencias negativas:

1º Que se aposta de xeito inadecuado pola potenciación das linguas estranxeiras, non é este o procedemento, para potenciar a aprendizaxe en linguas estranxeiras habería que considerar en primeiro lugar a redución de alumnado por aula, ademais doutras medidas.

2º Que o obxectivo real desta orde é minorar a presenza da nosa lingua. En todo caso, á vista do recollido, gustaríanos que criterios que se establecen aquí sobre a formación, se recollesen tamén para a formación no noso idioma. Ademais, consideramos totalmente negativo orientar o ensino a un terzo de inglés, porque está orientado decididamente ao inglés (o 86% das actividades formativas que se presentan na orde seguinte son para se formar en inglés), esquecendo o portugués, por exemplo, lingua próxima e de extensa utilidade (para a que se reduce nun 80% a oferta).

3º Esta orde non vai supor potenciar o coñecemento en linguas estranxeiras para o alumnado. É unha proposta clasista e elitista, por non estar prevista a mellora da aprendizaxe de idiomas para todo o alumnado. Aí están os recentes datos de abandono do sistema educativo e con medidas como esta estamos propoñendo un elemento máis que pode incrementar o fracaso escolar.

Esta orde é unha mostra de como este goberno ten un obxectivo, reducir a presenza do galego nas aulas, e está disposto a pasar por enriba de todo para levalo a cabo, e adórnao dicindo que se vai impartir docencia noutra lingua. Porque non se pode impartir unha materia noutra lingua co nivel B2, pois se acudimos ao que di o marco europeo veremos que o nivel acaído sería o C1, para que verdadeiramente o profesorado que ten que impartir en lingua estranxeira teña o coñecemento suficiente para facelo con calidade: “Nivel C1: adquírese cando o estudante ... sabe expresarse de forma fluida e espontánea sen mostras moi evidentes de esforzo para atopar a expresión axeitada; cando pode facer un uso flexíbel e efectivo do idioma para fins sociais, académicos e profesionais”. A CIG-Ensino, que foi a única organización que fixo fincapé en que se recollese o nivel C1, entende que este é o nivel de coñecemento que debe ter o profesorado tal e como recolle o marco europeo. Manter o nivel B2, demostra que estamos ante unha proposta para saír do paso e que se pretende regular cunha competencia insuficiente.

Outra das contradicións que sustenta esta orde é que parte da suposta orixe de que o alumnado ten un nivel baixo en idioma estranxeiro, entón se ten nivel baixo como vai estudar certas materias noutra lingua?

Por outro lado, desde a CIG-Ensino propoñemos que a Consellaría debe asumir a formación do profesorado do ensino público. A formación dos traballadores da privada non pode ser unha obriga da Administración pública e que, en todo caso, tería que ser despois de estar garantida a formación de todo o profesorado do ensino público que a solicitase (a orde vai dirixida ao profesorado dos centros públicos e privados concertados).

A CIG-Ensino fixo as seguintes alegacións ao texto da orde:

  • Ø    Parágrafo 3 do preámbulo: todo o que aí se di sobre conservación de lingua e cultura, pensamos que o inglés non o precisa, hai no noso país outra lingua que si precisa.
  • Ø    2º parágrafo da páx. 2 do preámbulo: gustaríanos que algunha vez se poña isto en relación coa nosa lingua (Con tal fin, é necesario articular mecanismos para que o profesorado acredite a súa formación lingüística, así como xerar unha actitude de formación permanente e expectativas positivas en prol da incorporación da lingua estranxeira como lingua vehicular no ámbito académico).
  • Ø    Art. 1: debería requirise o nivel C1, tal e como recolle o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.
  • Ø    Art. 2: entendemos que está incluído o profesorado interino, mais a Consellaría non debe equiparar a formación da privada coa pública
  • Ø    Art. 5: incluír C1
  • Ø    Art. 5.2. cando se di que as estadías formativas poderán ser noutros centros docentes, a que centros se refere e en que condicións?
  • Ø    Probas de acreditación: deberían ser para a obtención do C1. En todo caso, para o profesorado que segue os intinerarios formativos, as probas terán que realizarse e deste xeito dar lugar á certificación correspondente, non parece lóxico que se realice a formación e non se acceda á certificación da mesma. Despois dun longo debate en que a Consellaría acabou preguntando se todas as organizacións estaban de acordo neste punto e a CIG e as demais organizacións sindicais dixeron que si, a Administración comprometeuse a modificalo.
  • Ø    Estadías formativas: entra en contradición coa orde de PALE que veremos despois, aquí recóllese que o requisito para acceder será contar co B2, se se pide como requisito, non ten moita lóxica que sexa o final da formación, ademais de que dexia fóra a un número importante do profesorado. Tamén estamos en desacordo que sexa necesario estar impartindo en lingua estranxeira ou comprometerse a potenciar o plurilinguismo para poder participar. A Consellaría responde queo que está pensado é que a orde de PALE saia antes desta orde, polo que soamente este ano non tería efectividade o requisito do nivel B2, mais si no futuro. A CIG-Ensino insiste no seu desacordo con este requisito pois limita o acceso a estadías formativas no futuro.

Apartado 9: é inxustificábel que se obrigue ao profesorado a asinar “comprometéndose a promover a creación ou mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües no seu centro de destino e a impartir docencia na lingua estranxeira da súa especialidade”. Que desapareza. Se se mantén estudaremos a presentación de recurso. A Consellaría di que o ten que recoller así, que ten que pensar no alumnado. A CIG-Ensino insiste en que estamos ante unha situación sumamente grave, coa que se bota pola borda o actual concurso de traslados. No seu día gañamos unha sentenza contra as comisións de servizo, e logo reguláronse, xa dicimos que estas non imos estar dispostos a regulalas. É unha cuestión grave, unha maneira indirecta de colocar o profesorado, considerámolo ilegal.

Ao final, o PP pretende que soamente poidan gozar das diferentes estadías o profesorado que estea disposto a impartir a súa materia nun idioma estranxeiro.

ORDE POLA QUE SE CONVOCAN PRAZAS PARA A REALIZACIÓN DE ITINERARIOS FORMATIVOS RELATIVOS AO PROGRAMA DE APOIO AO ENSINO E APRENDIZAXE DE LINGUAS ESTRANXEIRAS (PALE) E A OUTRAS ACTIVIDADES DE FORMACIÓN, PARA A MELLORA DA COMPETENCIA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS, PARA O ANO 2011 

A CIG-Ensino inicia a súa intervención remitindo ao xa dito sobre a aplicación do Decreto de Plurilingüismo. Reclamamos que a formación en linguas estranxeiras se divida en cursos para especialistas e non especialistas, e nada máis. Non estamos de acordo que os cursos para non especialistas estean dirixidos a crear fornecer centros plurilingües, pois isto é pór a formación do profesorado ao servizo da imposición da ideoloxía lingüistica do PP.

Alégranos de que a palabra inmersión parece que non é tan maligna, porque si se pode usar para as linguas estranxeiras, aínda que non no caso do noso idioma. Benvida sexa e a ver se así entendemos quer ao noso idioma tamén lle podemos pór programas de inmersión.

Reclamamos que os cursos da modalidade 3.4., 3.5., e 3.6 sexan abertos a todo o profesorado.

Debería establecerse tres bloques para acceder a esta formación e eliminar os criterios de exclusión recollidos no artigo 4º:

1º as e os que non participaron en ningunha estadía.

2º as e os que non tiveron ningún nos últimos 5 anos

3º as e os que si participaron nos últimos cinco anos

Todo isto considerando tamén, que non é aceptábel que se limite a formación ás persoas que teñen nivel B2. En relación con isto propoñemos que se suprima que para poder participar haxa que ter o B1 ou B2.

Respecto dos cursos de Portugués, parécennos poucas as prazas que se ofertan (pasaron de 25 a 5, unha redución do 80%). Tal e como está a orde déixase fóra da formación ao profesorado que imparte portugués e non ten a especialidade, que é o profesorado de galego. Nesta orde tamén se ve que o portugués é unha lingua de 3º, cando debería potenciarse como 2º lingua no sistema educativo galego.

  • Ø    Entendemos que esta formación debe poder solicitala todo o profesorado do ensino público, sexan ou non funcionario de carreira. A Consellaría non acepta a proposta.
  • Ø    Suprimir o apartado 3.f) suprimir, igual có resto dos apartados que recollen como requisito ter nivel B1 e B2. A respecto do 3.f) estamos en desacordo con que se esixa o compromiso de participar no Plan de seccións bilingües ou o de centros plurilingües a partir do curso 2011-2012, porque estariamos falando de definitivos ou de que a Consellaría vai ter unha bolsa de profesorado para ir colocando a xente onde queira, tal e como vimos na orde anterior.
  • Ø    Modalidade 2, non nos parece axeitado que esta modalidade soamente se recolla para os coordinadores e quen acredite o nivel B1 ou 2.
  • Ø    No apartado c) na modalidade 3, en 3.4., 3.5. e 3.6, o que dicimos é que esta oferta ten que ser para os centros públicos.
  • Ø    Suprimir o apartado 3. d) “O profesorado ... deberá asinar o anexo VI, comprometéndose a promover a creación ou mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües, no seu centro de destino e a impartir docencia na lingua extranxeira da súa especialidade.”
  • Ø    De acordo co xa exposto sobre o compromiso para impartir en lingua estranxeira e sobre requisitos de acceso, reclamamos que se supriman os apartados c, d e e) do artigo 7.
  • Ø    Art. 8, que a comisión que vai baremar teña un carácter máis técnico, sen que estean os subdirectores xerais e cun profesor ou profesora de cada especialidade.
  • Ø    No caso de desempate pensamos que no apartado b debe considerarse a puntuación do apartado 2.1. do baremo.
  • Ø    Ademais da comunicación a través da web debe haber outra.
  • Ø    Sobre o baremo:
    • ·         non debe haber prelación se se ten b1 ou b2, se non se recolle a nosa proposta de tres niveis de acceso á formación, entón habería que crear unha puntuación segundo os tres bloques que nós facemos ou como mínimo un novo apartado de 3 puntos para as persoas que nunca realizaron esta formación. A Consellaría responde que vai estudar a inclusión deste apartado de 3 ptos para o profesorado que nunca participou.
    • ·         Que a antiguidade sexa a de profesor en centros públicos, incluíndo profesorado interino. A Consellaría non acepta a proposta.
    • ·         Na anticipación de lingua estranxeira, rebaixar a puntuación a 1,5 O Director Xeral responde que terá preferencia aquel profesorado que está ou vai manter centros plurilingues e bilingües.
    • Ø    Debería haber unha oferta maior para especialistas e para portugués. O Director Xeral de Educación di que está recollida toda a oferta que había e a que queren facer.
    • Ø    Falta a partida orzamentaria e as condicións económicas. O profesorado ten que coñecer a partida orzamentaria. A Consellaría responde que estarán cubertos todos os gastos: estadía, manutención, desprazamentos, matrícula, cursos, actividades culturais, ...

A CIG-Ensino volveu insistir no incremento das prazas de portugués e no acceso a elas do profesorado de galego, mais a Consellaría non mudou a súa postura.

Volver