
Melloras das condicións laborais para o profesorado que imparte docencia en máis dun centro
Intinerantes
Melloras das condicións laborais para o profesorado que imparte docencia en máis dun centro
A CIG-Ensino non considera desexábel a existencia do perfil de profesorado itinerante, pois significa a existencia dunhas peores condicións de traballo para o profesorado que está nesta situación. Mais, considerando que é difícil garantir os mesmos servizos e ensinanzas nas escolas do rural se non se cobren certos postos de forma itinerante, entende que cómpre regular esta situación procurando unha mellora deste tipo de postos. A súa cobertura debe ser voluntaria e evitarase que, agás nas escolas unitarias e centros incompletos, se comparta máis dun centro.
PROPOSTAS XERAIS
Cómpre considerar medidas especiais de protección á maternidade e de prevención de riscos laborais.
A Administración Educativa comprometerase á revisión dos postos itinerantes e á súa redución, procedendo á ampliación dos catálogos dos centros para evitar os desprazamentos.
Os postos itinerantes serán voluntarios, polo que non poderán ser adxudicados forzosamente nas adxudicacións provisionais, nin no concurso de traslados.
A configuración dos horarios farase partindo, como máximo, de 18 períodos lectivos semanais. O tempo de desprazamento entre o centro base e os centros, tanto para a impartición de aulas como para a asistencia a reunións de órganos de coordinación ou goberno, débese considerar como de docencia e o cómputo por desprazamento nunca será inferior a media hora por desprazamento entre centro e centro.
A distancia entre o centro ou localidade de destino e os centros aos que se ten que desprazar o profesorado, non será superior a 20 quilómetros nin terá unha duración superior a 25 minutos, agás casos excepcionais.
O profesorado terá dereito a percibir quilometraxe polos desprazamentos realizados, tanto para impartir clase como para asistir a reunións de coordinación, de acordo coas tarifas vixentes para dietas aprobadas pola Xunta de Galiza.
Estabeleceranse indemnizacións económicas para os vehículos, créditos brandos para a súa adquisición e crearase un fondo para sinistros e un seguro de vida e accidentes para accidentes durante os desprazamentos.
CONDICIÓNS ESPECÍFICAS PARA O PROFESORADO ITINERANTE DOS CRAs
Ademais das propostas xerais para todo o profesorado que imparte docencia en máis dun centro, propomos:
Os/As profesores/as itinerantes impartirán docencia no menor número de centros posíbel.
Os horarios deben estar configurados de tal maneira que o desprazamento do/a itinerante sexa o menor posíbel por día.
O/A profesor/a itinerante non percorrerá nunca máis de dúas escolas á mañá e unha pola tarde. Para iso, poderase adaptar a duración das sesións que nunca superarán os 18 períodos lectivos.