Medra a precariedade no ensino público: dispárase a contratación a medida xornada
Perto dun 15% dos postos ofertados para persoal interino nos primeiros días de comezo de curso son a media xornada, o que provoca un aumento da precariedade nos centros públicos
- contratación profesorado
- Contratos-Programa
- Ensino público
- mobilizacións
- Profesorado Interino
- recortes
A CIG-Ensino denuncia que, dentro das mostras de precariedade e de recortes coas que deu comezo este curso escolar, hai que destacar agora que un importante número de postos de traballo ofertados para persoal interino nestes primeiros días lectivos son a media xornada, o que para o sindicato implica un exemplo dos recortes que se están a producir no ensino público e unha medida feita para camuflar as cifras de docentes contratados.
A negativa da administración a dotar os centros co profesorado verdadeiramente necesario leva a que moitas prazas pasen a ofertarse a media xornada, unha modalidade de contratación de aceptación voluntaria para o profesorado substituto inicialmente posta en marcha para casos excepcionais mais nestes últimos anos, e especialmente neste comezo de curso, se evidencia como unha práctica común da Consellaría.
A CIG-Ensino considera que as cifras de contratacións a media xornada destes primeiros días son desproporcionadas. Así, de 638 prazas ofertadas nos diferentes corpos de secundaria hai 93 que son a media xornada (un 14,6%). Estes situación é moi diferente entre o profesorado de infantil e primaria, con cifras moi reducidas.
Unha precariedade que se estende
As contratacións a media xornada son exemplo de precarización do emprego público e unha medida que a Xunta vén ampliando nos últimos anos, especialmente mediante os contratos programa. Na adxudicación provisional do Recupérate (a suma dos contratos ARCO e PROA+) hai 672 contratacións a media xornada por 217 a tempo completo. Polo tanto o recurso da Xunta a ter profesorado en precario consolídase curso tras curso. A diferenza neste 2021/22 é que á modalidade de contratación habitual con horario e salario reducidos á metade (os contratos programa) engádeselle agora un importante incremento ao respecto de cursos anteriores de persoal docente dos cadros de persoal con contrato a media xornada.
4 de cada 10 centros non terán acceso aos reforzos por contratos programa
A CIG-Ensino leva anos denunciando que os contratos programa son unha alternativa insuficiente e discriminatoria fronte á ampliación dos cadros de persoal. No curso 2021/22, 4 de cada 10 centros que imparten educación primaria e ESO non terán profesorado de “reforzo” vinculado ao contratos como o PROA+ ou o ARCO.
A resolución provisional na que deron a coñecer os centros de primaria e secundaria que contarán con docentes contratados con cargo a programas para este curso confirma os motivos polos que a CIG-Ensino considera que estes programas debe ser substituídos por un maior investimento para ampliar os cadros de persoal dos nosos colexios e institutos.
Así só un 59% dos 903 centros nos que imparte primaria e ESO van contar con docentes destes programas. 515 centros (335 CEIP, 37 CPI e 143 IES) contarán durante o que queda de trimestre con contratacións que aínda non teñen data de comezo. Por outro lado, hai 299 centros (191 CEIP, 24 CPI e 84 IES) que contarán con docentes PROA+. Tendo en conta que moitos destes centros terán acceso aos dous programas, a cifra final de centros redúcese a 537. Dito doutra maneira, hai 366 centros educativos de primaria e ESO que non terán ningunha contratación vinculada aos programas.