Medra a porcentaxe de prazas desertas nas oposicións até superar o 12% na quenda libre de ingreso
As prazas desertas no sistema de acceso (cambio de corpo de A2 a A1) supera o 82% das prazas ofertadas e a non acumulación das prazas desertas da quenda de discapacidade eleva aínda mais o total de prazas non adxudicadas
Na convocatoria do 2024 as cifras e porcentaxes de prazas desertas nas oposicións docentes dispáranse ao respecto da ano anterior. Unha vez rematados os traballos dos tribunais e tendo en conta o reparto final de prazas de persoal inicialmente aprobado sen praza entre os tribunais da súa especialidade, a CIG-Ensino computa un total de 162 prazas desertas na quenda libre das oposicións de ingreso a corpos docentes, o que representa un total do 12% das prazas ofertadas, cando no ano 2022 as prazas desertas foron o 7%. Nestas mesmas oposicións quedan desertas o 79% das prazas da quenda de discapacidade, un total de 84 prazas sobre as 106 ofertadas.
No caso das oposicións para cambiar de corpo docente, pasando do subgrupo A2 ao A1, repítese o mesmo panorama que se vén dando desde hai máis dunha década e que levou á CIG-Ensino a reclamar insistentemente un cambio normativo que posibilite que unha parte desas prazas se acumulen á quenda libre. Nada máis e nada menos que un 82% das prazas libres de cambio de corpo e o 100% das prazas para persoas con discapacidade quedan sen adxudicar, en cumprimento da Lei do Emprego Público de Galiza, que por un lado obriga a que o 25% das prazas se reserven para estas prazas mais non impón ningún límite para poder acumular as desertas. Neste sentido, a CIG-Ensino xa presentou hai meses unha proposta clara a Educación: poder acumular as prazas que superen o número de persoas presentadas.
O cambio legal no criterio para acumulación de prazas da quenda de discapacidade, fixado por varias sentenzas que obrigan a Educación a aplicar a Lei do Emprego Público, provoca que todas as prazas que quedaron desertas neste proceso non se poidan acumular, como viña sendo habitual, á quenda libre. Isto é así ao non se ter cuberto unha cifra igual ou superior ao 3% do total das prazas da oferta de emprego. No caso das prazas de ingreso libre ofertábanse 1512 prazas polo que deberían terse cuberto 45 prazas da quenda D para que o resto se puidesen acumular e tan só se deron 22.
No estudo realizado pola CIG-Ensino, no que se fai un seguimento de todos e cada un dos tribunais cabe destacar que a maior porcentaxe de prazas desertas se dá nos corpos de PES e PESSFP (cun 16% e 15% de prazas desertas respectivamente).
Por especialidades as que deixan un maior número de prazas sen cubrir son, por esta orde: Sistemas e Aplicacións Informáticas, Informática, Francés (Primaria), Procesos de Xestión Administrativa, Equipos Electrónicos, Tecnoloxía e Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica.
Desde a CIG-Ensino, como vimos evidenciando desde hai anos, insistimos na necesidade de introducir cambios de fondo no sistema de oposicións, pasando por un incremento do anonimato das aspirantes, por exames non eliminatorios, pola redución do traballo burocrático dos tribunais (baremación a cargo dunha comisión técnica allea ao tribunal) e pola aplicación real e efectiva da fase de concurso, entre outros. Isto, coa eliminación da taxa de reposición, a posta por incrementar profesorado, así como a acumulación das prazas de promoción interna implicaría un incremento moi relevante das prazas en cada convocatoria.