Medidas e seguimento da Covid-19, tramitación da LOMLOE e taxa de reposición a debate na Mesa Sectorial do Estado

Nunha reunión da Mesa Docente do MEFP, a CIG-Ensino cuestionou a falta dunhas directrices que protexan efectivamente a saúde do persoal dos centros así como a ausencia dun control e análise rigorosos dos contaxios.

A reunión non achegou ningunha novidade e só podemos tirar como conclusión que se van crear unha serie de grupos de traballo, entre os que destacamos un de negociación xeral para traballar sobre posíbeis modificacións no Real Decreto de Concurso de Traslados, o Real Decreto de Acceso e Ingreso e todo o relacionado coa normativa de desenvolvemento da LOE coa reforma da LOMLOE.

No marco dunha reunión da Mesa Docente do Ministerio de Educación e FP que tivo lugar no día de hoxe, 11 de novembro, os máximos responsábeis do MEFP, o secretario de Estado, o secretario xeral e o subsecretario de Estado presentaron unha serie de datos de seguimento e información sobre as medidas Covid-19, o momento de tramitación da LOMLOE e a proposta orzamentaria destinada a Educación dentro da Lei de Orzamentos xerais do Estado.

A intervención da CIG-Ensino centrouse nos seguintes puntos: 

  • Sobre a xestión da Covid-19 nos centros educativos e o seu seguimento 

A CIG-Ensino amouse moi crítica coas discrepancias na xestión dos contaxios e corentenas, cos problemas derivados da escaseza de persoal rastrexador e mesmo coas contradicións das súas informacións. Tamén puxemos en cuestión os problemas de xestión real e efectiva na recollida e divulgación dos datos de contaxios e gromos, tanto a nivel galego como na coordinación a nivel de Estado. 

A este respecto o sindicato chamou a atención sobre o feito de que o Ministerio proporcionase datos segregados de contaxios entre profesorado e alumnado a nivel estatal cando a Consellaría non proporciona esta información (os datos de contaxios
son globais por centros). Así, estes son os datos a 6 de novembro:

DATOS ESTATAIS PROPORCIONADOS POLO MEFP (con data 06/11/20)

 

  Positivos de alumnado e docentes:

 -Alumnado. Con información de 16 Comunidades/Cidades Autónomas, hai    14.062 positivos.

- Docentes. Con información de 14 Comunidades/Cidades Autónomas, hai 1.678 positivos.

 

 Corentenas de alumnado e docentes:

- Alumnado. Con información de 15 Comunidades/Cidades Autónomas, 138.278 alumnos/as en corentena.

- Docentes. Con información de 11 Comunidades/Cidades Autónomas, 5.893 docentes en corentena.

 

A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN É UNHA DAS CC.AA. QUE NON PROPORCIONAN OS DATOS DIFERENCIADOS, todo un exemplo de falta de rigor e de transparencia.

A CIG-Ensino criticou a decisión do Ministerio de Sanidade de cualificar o risco dentro dun centro educativo como equivalente ao comunitario (NR1) malia as evidencias científicas da transmisión por aerosois en espazos con moitas persoas e mal ventilados. Este criterio é o empregado pola Consellaría para denegar todas as adaptacións de postos de traballo das máis de 600 persoas que solicitaron ser consideradas como vulnerábeis á Covid-19. 

A ausencia duns criterios xerais sobre a avaliación dos postos de traballo, algo que é responsabilidade da Xunta no caso de Galiza mais que ben puido ser un dos temas abordados no Consello Interterritorial, foi outro dos elementos destacados pola CIG-Ensino xunto cos enormes problemas na dotación de material de protección, especialmente de máscaras. 

Sen dúbida, o que máis preocupante nos parece é a sensación de improvisación permanente, especialmente da Xunta por ter a xestión directa mais tamén do Ministerio, pola ausencia dun marco xeral que poida servir para analizar os datos. De que nos serve saber cantos contaxios hai e en que centros senón se analiza o tipo de aulas nas que se dan, a orixe do contaxio ou a capacidade de propagación deste? Hai o mesmo nivel de contaxio nunha aula de infantil sen máscaras que nunha da ESO? Hai menos contaxios en aulas con ratios reducidas? Non se está a facer ningún estudo e así é imposíbel tirar conclusións da xestión e das medidas contra a pandemia. 

Canto aos fondos Covid o sindicato reiterou as súas críticas a que estes fondos, que o MEFP envía ás CC.AA., non teñan un carácter finalista para poder fiscalizar o seu uso, xa que administracións como a galega non os están a usar para unha redución de ratios e un incremento notábel de docentes e outro persoal. Neste sentido, non comprendemos como non existen criterios de harmonización na fiscalización do uso destes investimentos. Neste apartado criticamos igualmente o atraso na xestión da compra de material informático a través de RED.ES, aínda en fase de licitación, o que vai provocar que a parte deste material que vai enviar o goberno español ás CC.AA. non chegará neste trimestre escolar

Futuras oposicións: non máis acordos de “estabilización”, eliminar a taxa de reposición. 

O tempo deunos a razón e demostrouse que o acordo asinado por varios sindicatos estatais co goberno do PP foi un fracaso. Así o recoñecen agora os sindicatos asinantes, cando din que “non cubriron as expectativas” ou que “non serviu para reducir a temporalidade”. 

Neste sentido a CIG-Ensino reproduciu as queixas expresadas na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas sobre os orzamentos do Estado que contemplan unha taxa de reposición do 110% no ensino (isto é, se se producen 1.000 xubilacións poderían ofertarse un máximo de 1.100 prazas nas oposicións) e demandou a eliminación definitiva da taxa, volvendo á situación previa a 2010 que permitiu, por exemplo, reducir a taxa de interinidade en Galiza por baixo do 5%, algo que será imposíbel se o Estado mantén atadas ás CC.AA. no total de prazas a ofertar. Diante da negativa do Goberno a negociar, a CIG xa iniciou contactos cos grupos parlamentarios para eliminar esa barreira. 

Melloras na LOMLOE na tramitación parlamentaria, pero insuficientes 

Recoñecemos que entre o texto do anteproxecto de Lei que emendamos tanto na Mesa Sectorial como no Consello Escolar do Estado e o informe do relatorio da Comisión de Educación que se someterá a votación este venres no Congreso houbo importantes melloras. Neste sentido, o Ministerio agarda que, se o venres sae adiante, se abra un prazo relativamente breve para o debate en pleno no Congreso e posteriormente (2 meses) para pasar polo Senado. Todo indica que a Lei podería estar aprobada ao redor do mes de febreiro.

A prohibición de concertar centros que segreguen alumnado, a integración do profesorado técnico de FP no corpo de PES (aínda que con problemas que deberemos negociar na Mesa), a posibilidade de rebaixar ratios cando se escolariza alumnado con NEAE (aínda que non se tocan legalmente as ratios) ou a obriga de que as novas dotacións de solo nun concello para construír centros educativos teñan que ser para centros públicos, son algunha delas. O reforzo dos equipos docentes na toma de decisións na avaliación, promoción e titulación é outro avance.

Porén, para a CIG-Ensino, o texto dista moito das propostas que o sindicato agardaba que se incorporasen na Lei. Temas como as ratios, a xubilación anticipada para todo o profesorado, a eliminación da relixión confesional dentro das aulas, a regulación dun sistema especial de ingreso na docencia ou pasos máis decididos no camiño cara ao corpo único, xunto coa redución do horario lectivo son algúns deles. 

Ao respecto da polémica sobre a lingua vehicular alimentada pola ultradereita e os sectores máis centralistas do panorama político español e galego, coa incorporación como arietes do conselleiro de Educación e do presidente da Xunta, só nos corresponde lembrar que o texto proposto ten a mesma base que o que figuraba na LOE, o que non impediu ao PP galego lexislar contra o noso idioma. Polo tanto, non vai ser a LOMLOE a que elimine os obstáculos contra o noso idioma impostos por Feijóo, aínda que amosamos a nosa satisfacción polo feito de que se elimine a redacción imposta en solitario polo PP na Lei Wert.

 

Volver