Masiva participación nas mobilizacións convocadas pola CIG en toda Galiza coincidindo coa folga xeral do 27-X

A central valora positivamente o paro, que contou cun importante seguimento en sectores como o transporte ou a industria

A CIG amosou hoxe a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.

A folga tivo un seguimento practicamente xeneralizado no transporte de viaxeiros e nos urbanos, na recollida do lixo e limpeza viaria, no sector naval, nas grandes obras da construción (como a ampliación de Peinador e Lavacolla ou o porto exterior da Coruña) e nos portos comerciais de Ferrol e da Coruña. Os polígonos do Campiño en Pontevedra, do Tambre en Compostela e algunhas empresas situadas nos de Vigo viron reducida a súa actividade, de igual xeito que na cidade olívica lle sucedeu a Citroën, que tivo que dobrar a quenda de noite (terían que rematar ás 5.00 horas e eran as 8.00 e aínda traballaban) para que a liña de produción non se vise afectada. Alén diso, cómpre salientar que o 40 % da quenda de mañá non entrou a traballar, arredor de 1.000 persoas.

Outras empresas importantes que se viron afectadas polo paro foron a ferrolana Navantia (cun paro do 40 % na empresa principal e do 60% nas auxiliares, mentres que en Fene o paro ascendeu case até o 90%), Celulosas de Pontevedra (arredor dun 50 %), Alcoa en San Cibrao das Viñas (sobre un 50 %) ou Zara Loxística, en Arteixo (outro 50 %). En Ourense rexistrouse un paro total nas compañías Roberto Verino e Faurecia.

No que respecta á administración local salienta o seguimento masivo que tivo a convocatoria nalgúns Concellos, como foi o caso do de Compostela, cun 80 % de paro. En canto ao ensino secundario, a incidencia da folga estivo entre un 60 e un 70 %. Finalmente, o sector onde o paro tivo unha menor repercusión foi no pequeno comercio e nas grandes áreas.

Accede á galería de imaxes das mobilizacións.

Accede á outra galería de imaxes das mobilizacións.

Accede á galería de imaxes dos piquetes.

Volver