Marcha atrás parcial nun dos recortes do acordo de persoal interino: as renuncias por estudos póñense co contador a cero

Logo da denuncia da CIG-Ensino e das numerosas queixas de profesorado afectado, os sindicatos asinantes do acordo e a Consellaría rectifican tan só dúas semanas após a publicación do texto no DOG

Vaise poñer o contador a cero nos motivos para as renuncias e restricións de zonas? NON

Unha persoa que renunciou por estudos de FP vai poder renunciar ou restrinxir zona se se matricula na universidade? NON

Ambas respostas proviñan da Consellaría de Educación. Foron contestadas a preguntas formuladas por esta organización sindical tanto na Mesa Sectorial como nunha conversa posterior na que dimos conta do malestar que implicaba para moito profesorado afectado decisións coma esta, que claramente significan unha perda de dereitos, e que foron ratificadas por escrito por parte dunha minoría sindical coa administración.

Pois ben, non pasaron nin quince días e a Consellaría vén de confirmarlle á CIG-Ensino que muda de criterio e que, como xa lles indicou aos sindicatos asinantes, cambiarán a interpretación estrita comunicada na Mesa en resposta a este sindicato e poñerán o contador a cero para as renuncias e as restricións de zonas por ampliación de estudos.

No que que non se producen cambios é na negativa a aceptar os estudos de ciclos superiores de FP como viña sendo habitual até agora, un aspecto que vai limitar dun xeito importante estas renuncias e limitacións por concellos e que é totalmente incoherente para unha administración que di querer potenciar e poñer en valor a Formación Profesional.

Despois de coñecer esta rectificación parcial, a CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que se modificase o texto do acordo, ou ben se lle dese publicidade a este cambio, en aras a proporcionar a máxima información posíbel ao profesorado interino e substituto, evitando así caer nas “interpretacións” subxectivas que se poidan dar a partir de agora ante diversas casuísticas, sobre todo de quen xa estivo cursando distintos tipos de estudos universitarios nos últimos anos. 

O sindicato maioritario felicítase polo cambio e que se atenda, aínda que moi parcialmente, un aspecto que consideraba lesivo para os dereitos do persoal docente temporal e que formulamos como proposta na Mesa Sectorial literalmente así:

  • Poñer o “contador a cero” no caso de que haxa cambios nos motivos para renunciar ou limitar concellos nos chamamentos.

Mediante esta formulación incluíase tamén, por exemplo, que se estendera esta medida a quen pasou a ter outro tipo de contrato laboral agora si aceptado.

Ao tempo, animamos a quen asinou o acordo, sindicatos e administración, a ampliar a rectificación e estendela a outros apartados que non quixeron mellorar ou que directamente aceptaron empeorar. Cómpre unha reflexión sobre as seguintes cuestións, que son unha demanda constante do persoal docente máis precarizado, e que a CIG-Ensino leva recollendo nos últimos anos, cada vez que se modifica este “acordo”:

  • Por que se negaron a ampliar a 12 anos a idade dun fillo ou filla para renunciar ou limitar concellos?
  • Por que os ciclos de FP non serven para a ampliación de estudos?
  • Por que non apoiaron a protección das mulleres en baixas durante o embarazo, equiparando a súa situación co permiso por parto?
  • Por que non consideran relevante ampliar as causas xustificadas para non participar nas oposicións?
  • Por que se negaron a secundar a proposta da CIG de poder elixir zonas de substitución sen xustificación máis reducidas que as provincias, con carácter comarcal ou por áreas xeográficas?
  • Por que non amosaron o seu apoio á transformación dos contratos de substitución en interinidade cando na praza non exista titular en calquera momento do curso?
  • Por que non lle deron importancia á nosa insistencia na consolidación nas listas cando se renuncia e non se contrata a ninguén que ocupe postos inferiores nas mesmas?
  • Por que non lles parece un paso atrás e unha falta de respecto ao persoal substituto que o baremo de listas sexa só por expediente e non idéntico ao das oposicións?
  • Por que parece un anatema falar da posibilidade dunha cláusula de estabilidade para quen non obteña praza nos procesos de estabilización e teña unha longa vida laboral como docente interino?
  • Por que lles dá igual o desprezo de teren arrebatado o dereito do pago do verán cando se ten traballado cinco meses e medio como persoal substituto? 
CIG-Informa resumo dos cambios no Acordo de persoal interino

Documento


Volver