Manuel Rivas e Xosé M. Pereiro abren as XXI Xornadas de Lingua e Literatura organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG

Francisco Rodríguez, Anxos Sumai, Suso de Toro, Inma López Silva, García Negro, Carlos Callón, Henrique Monteagudo ou Rexina Veiga entre os participantes

A CIG-Ensino presentou hoxe en rolda de prensa as XXI Xornadas de Lingua e Literatura que se van celebrar en Compostela os día 29 e 30 de abril. Ana Rodiño, responsábel de Formación da CIG-Ensino, e Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, expuseron ante os medios todo o relacionado con estas xornadas, organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG.

Dúas das persoas máis próximas a Lois Pereiro abrirán este ano as XXI Xornadas de Lingua e Literatura que se celebran en Compostela do 29 ao 30 de abril. O escritor e amigo Manuel Rivas e o xornalista e irmán Xosé Manuel Pereiro promoven xunto co músico Manuel Clavijo Marcos o espectáculo “Debullando a Lois Pereiro. A vida, a imaxe e o son”. Comezarán así dous días do intenso programa arredor da nosa lingua e literatura con algunhas das máis destacadas figuras do noso panorama cultural. .

O escritor e xornalista Manuel Rivas tratou e compartiu proxectos con Lois Pereiro, entre eles, aquel histórico De amor e desamor ou mesmo a lembrada revista Loia. Xosé Manuel Pereiro era o irmá próximo, o que partillaba xogos infantís e inquedanzas culturais. Agora son eles os que “debullan” a súa obra e a súa figura a través de dúas linguaxes que marcan as referencias de Pereiro, a música e a poesía. Será a apertura singular destas xornadas que cada ano congregan en Santiago a máis de 300 profesores, en especial, de lingua e literatura e que superan xa as dúas décadas de historia. As xornadas, como todos os anos, terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación (antigo Maxisterio) en Santiago de Compostela.

Suso de Toro e Sumai falan da súa obra

Como cada ano, a CIG-Ensino e a AS-PG convida a dous escritores para que falen da súa obra e do seu proceso creativo. Nesta edición, dúas das voces máis singulares e relevantes do noso panorama literario achegaranos a súa literatura, as súas obras publicadas e ás que están a elaborar neste momento. Suso de Toro e Anxos Sumai serán os nomes desta sección pola que xa pasaron boa parte dos escritores galegos, nun apartado de singular éxito nas xornadas e no que os autores/as adoitan dar noticias da súa traxectoria.

As Xornadas de Lingua e Literatura fanse eco tamén nesta edición das importantes efemérides deste ano. De Álvaro Cunqueiro lembrarase no centenario do seu nacemento a profesora e escritora Rexina R. Veiga -autora dunha tese doutoral sobre o escritor e gañadora do Premio Xerais- e á singularidade de Castelao na nosa literatura achegaranos no 125 anos do seu nacemento o investigador e profesor Manuel Rei Romeu.

 

A lingua na encrucillada

A situación da lingua no ensino e o grande retroceso que o goberno da Xunta está a provocar no proceso de normalización lingüística teñen o seu eco necesario nas xornadas a medio do debate “Situación actual e futuro da lingua galega” no que participarán os profesores Pilar García Negro, Henrique Monteagudo Romero e Goretti Sanmartín Rei. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística presentaranos no seminario “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” os contidos do que será o seu novo libro.

A monumental obra de Francisco Rodríguez arredor da figura central da nosa cultura centrará a conferencia “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria”, dando conta do que é sen dúbida unha das máis relevantes noticias culturais deste ano.

A presenza, a difusión e a comunicación de e coa nosa lingua a través das novas tecnoloxías teñen tamén presenza nunhas xornadas nas que o galego se promove como lingua de comunicación nos novos espazos en rede. O profesor da Universidade de Vigo, Xavier Gómez Guinovart falaranos dos recursos de tecnoloxía lingüística en galego e Olga Patiño e Luciano Fernández falaranos das redes sociais para a lingua e literatura.

Teatro no Ensino

O apartado de seminarios complétase con dúas intervencións arredor do teatro e a súa relación co ensino e a creación do público. Un deles será impartido pola escritora e crítica e estudosa do teatro Inma López Silva no que abordará o teatro como ferramenta no ensino e outra do director de Festival de Ribadavia, Roberto Pascual sobre a creación dunha escola de espectadores nos centros educativos.

O portugués, língua “simples” para os galegos será o tema do seminario de Valentim Fagim e 64 propostas para traballar nas aulas desde unha perspectiva de xénero de Dorinda Castro Soliño completan a relación de seminarios.

Pouca diversión

Co provocador título de “Moita poesía e pouca diversión” as poetas María Lado e Lucía Aldao pecharán as xornadas co seu particular espectáculo lírico, un espazo que os organizadores, como acontece coa inauguración, abrirá ao público en xeral ata completar o aforo. 

Bases do Concurso de Trivial

Nesta edición incorporamos un campionato de trivial ás Xornadas de Lingua e Literatura que se rexerá polas seguintes bases
 
Participantes.
Poderá participar calquera persoa que o desexe con independencia do seu lugar de residencia
 
Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial  no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com
O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz.


Inscrición.

O Campionato desenvolverase entre as 15 horas do día 25 de abril e as 15 horas do día 29 de abril de 2011.  As datas de inscrición serán entre o 14 e o 24 de abril de 2011
O nivel de dificultade será de 2  (Medio) e xogarase con 6 temas. Haberá dous  temas obrigatorios (Lingua e Literatura e  Rosalía) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os catro restantes no momento de configurar a partida.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 25 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 25 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
 
Premios.
Para este campionato non se consideran premios en metálico. A as-pg e a CIG-ensino obsequiará cun lote de produtos audiovisuais de produción propia ás persoas que queden na lista final entre o posto 1 e o 10, os dous incluídos. Así mesmo, dentro destes dez primeiros postos, as tres primeiras persoas que figuren inscritas nas Xornadas terán matrícula gratuíta. Os premios entregaranse, nun acto único,  ás 18:30 do día 30 de abril. Pasado ese acto perderase o dereito a recibir o premio.  Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DI . A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG, non cabendo contra ela ningunha reclamación. A participación no campionato supón a aceptación das bases.

MATRÍCULA

Volver