Mantense un alto índice de provisionalidade no ensino público sen mellorar as condicións de traballo docente
Novamente un 28% do profesorado provisional de secundaria e un 13% de mestres impartirán materias das que non son especialistas.
A precariedade do profesorado galego mantense un curso máis como se vén de constatar na adxudicación definitiva do corpo de mestres e na provisional dos corpos de secundaria para os destinos do curso que vén. Dos estudos realizados pola CIG-Ensino destas adxudicacións pode concluírse que mantén o profesorado que imparte materias afíns e que aumentan lixeiramente as itinerancias en secundaria ao tempo que se reducen en primaria. As itinerancias e as prazas con perfil bilingüe tamén rexistran cifras similares ás de anos anteriores.
Ao longo da mañá publicarase unha nova adxudicación de destinos de secundaria.
As cifras totais de profesorado con destino provisional aumenta nos corpos de secundaria, onde pasa de 4.444 a 4.473 para o vindeiro curso. Cabe salientar que se manteñan cifras elevadas de profesorado en expectativa, 1.785 docentes que nunca tiveron destino definitivo ou que o perderon. Estamos, por tanto, en cifras que levan de novo a demandar por parte do sindicato a ampliación dun xeito relevante das prazas para destinos definitivos no próximo concurso de traslados.
A Consellaría ten neste momento un total de 6.875 docentes con destino provisional tendo en conta todos os corpos docentes, o que eleva a taxa de provisionalidade ao 21% do total do profesorado galego. O obxectivo que sinala a CIG-Ensino como óptimo é que ningún docente teña que estar máis de 2 cursos con destino provisional, algo absolutamente factíbel xa para este futuro curso se a Consellaría muda a súa política de oferta de vacantes e permite que afloren todas as que leva negando nestes últimos anos.
No corpo de mestres obsérvase unha redución moi escasa do profesorado sen destino definitivo, quedando este colectivo en 2.402 mestras e mestres. Destes, o profesorado ien expectativa e prácticas chega aos 858 mestras e mestres.
O persoal interino do corpo de mestres chega ao 39% do total con destino provisional con 935 docentes, mentres en secundaria son 2.262 (un 51%), unha cifra que deixa o total do colectivo de profesorado interino en 3.197 o total de profesorado interino con destino para o curso 2018/19, o que situaría por riba do 10% a taxa de interinidade sobre o total do persoal docente galego, se damos por boa a cifra de 32.500 docentes ofrecida en datas recentes pola Consellaría.
Aumentar profesorado para reverter os recortes de dereitos e mellorar as condicións de traballo do profesorado.
A CIG-Ensino considera unha vergoña e unha mostra de cinismo as declaracións de Román Rodríguez, conselleiro de Educación, ao facer referencia logo da reunión de hai uns días da Conferencia Sectorial de Educación das CC.AA. co Ministerio de Educación e Formación Profesional, ao seu hipotético acordo coa recuperación da xornada lectiva de 18 horas lectivas para o persoal docente de secundaria mais vinculando este a unha sorte de memoria económica por parte do MEFP.
Para memoria chéganos con lembrar que a ampliación de 18 a 20 horas lectivas en secundaria foi executada unilateralmente desde o curso 2010 polo goberno Feijóo, antes mesmo de que existise a obriga de facelo polo RDL 14/2012 do goberno español. Tamén lle lembramos ao conselleiro que as e os mestres foron vítimas deses recortes, ao ver incrementado o seu horario lectivo desde as 21 ás 25 horas e que tamén foi unha medida imposta polo seu goberno sen que ningún goberno central o obrigase. A CIG-Ensino demanda o rescate dos dereitos do profesorado, expresamente do horario lectivo previo aos recortes do actual goberno galego, como xa fixo na recente campaña de medidas urxentes para o profesorado galego, apoiada por 12.000 docentes e na negociación retributiva recentemente pechada en falso pola Consellaría e quen decidiu asinar o acordo.